Nas últimas eleccións municipais a dereita recuperaba o goberno da vila de Ponteareas. Esta regresión que padece agora Ponteareas non e nada novo na historia. Son esas cousas que xa postulara o filósofo italiano Antonio Gramsci cando falaba das tensións entre un mundo antigo ques esmorece e un novo que tarda en aparecer. Porque se algo é antigo, caduco, cutre, casposo e nefasto nesta localidade é un goberno da familia Castro. Así o amosou o pasado e por desgraza parece que o segue a amosar o presente. Un goberno no que unha das súas concelleiras se permite chamar explicitamente “ gilipollas” ao voceiro da oposición nun pleno e a súa alcaldesa non fai nada, nada en absoluto, non merece ningún respecto político e debe ser derrotado democraticamente nas urnas. Nós conversamos coa ex alcaldesa, a nacionalista Cristina Fernández, concelleira da oposición e agora tamén deputada do BNG en Santiago, para coñecer o máis salientable da súa actividade no parlamento e a súa valoración de como van as cousas por Ponteareas.
“Con este goberno Ponteareas non avanza, claramente retrocede.”
Como valoras esta primeira experiencia de deputada no parlamento galego?
Valóroa de maneira moi positiva. Estou aprendendo moito, e síntome moi orgullosa de poder defender os intereses da veciñanza do Condado Paradanta.
Que área levas ti?
Eu levo a área de ensino, e no que atinxe o territorio ocúpome da Comarca do Condado Paradanta , Salceda e O Porriño.
Cales son os principais problemas que padece a comarca da que te ocupas?
Ben, hai problemas comúns a todo o país, e problemas particulares. No primeiro dos casos quixera destacar a situación da sanidade, que é terrorífica.
“ Terrorífica”, así de claro?
Si,por desgraza así de claro. Nunca estivo peor a sanidade do que está agora. Nós notámolo especialmente no estado do centro de saúde de Ponteareas, pois é un dos peores centros de saúde de todo o país. Aquí temos a milleiros de persoas sen adxudicación de médico. A maioría de persoas non poden coller cita por internet e como o teléfono tampouco o atenden teñen que ir pedila directamente alí. Por outra parte ao non termos médico ou médica asignados, en moitas ocasións non nos queda máis remedio que estarmos mudando de profesional constantemente, coas lóxicas molestias que esta situación leva aparelladas.
Ben, dime agora algún problema específico da comarca que teñas levado ao parlamento?
O máis relevante é o relacionado coas infraestruturas. Temos estradas en moi mal estado. Isto é especialmente grave no que se refire á N120 que é a vía que vertebra á nosa comarca.
Pero esa estrada é de titularidade estatal
Si, pero nós estamos na obriga de instar á Xunta a que defenda con contundencia ante a administración estatal as imprescindibles melloras que esa vía precisa con urxencia.
E non o fai?
De ningunha maneira. A súa contundencia á hora de reclamar algo tan necesario é 0.
Sobre a área de ensino, que levas ti especificamente, que nos tes que dicir?
As instalacións educativas están tamén en moi mal estado. Asemade desde o BNG reclamamos que se coñezan os criterios que utiliza a Xunta para decidir o reparto dos fondos europeos para facer obras neses centros.
A actividade parlamentaria é como esperabas ou sorprendeuche dalgunha maneira?
O que me deixou absolutamente abraiada é a falta de honestidade intelectual, ética e moral do PP, e o seu pouco respecto pola oposición .Explícome: A maioría absoluta é lexítima pero en ningún caso valida para facer caso omiso sempre á oposición, porque nós representamos a unha parte significativa da sociedade, e ningún grupo político pode ter sempre razón en todo. E cando non se atende, por sistema, unha petición da oposición, con independencia da petición que sexa, só porque non é deles, a carencia de honestidade de quen actúa así é terrible.
Por outra parte un debate serio consiste no contraste de argumentos. Cando o único que di o PP é: “Bildu, Venezuela, Catalunya” para xustificar a súa posición en calquera tipo de temas, pois non sei como non lles dá vergonza a verdade. A min tenme dado auténtica vergonza, porque ás veces tiven a sensación de estar debatendo con adolescentes.
Falemos de Ponteareas. Por que deixaches de ser portavoz do grupo municipal?
Porque sería enormemente complicado de compatibilizar coa miña actividade no parlamento.
Danos o perfil da persoa que te substituíu?
Chámase Miguel Bouzó .É un rapaz , ven de cumprir os 30 anos hai nada, pero ten moita experiencia na política. El exerceu o activismo desde moi novo en Galiza Nova( as mocidades do BNG), foi concelleiro de deportes e mocidade na miña etapa de alcaldesa, e combina unha enorme ilusión, coa firme vontade de servizo público, e rigor e solvencia intelectual.
Como valoras estes 15 meses de mandato da alcaldesa Nava Castro?
Ponteareas non avanza, retrocede. Temos un goberno que se dedica a botar para atrás proxectos que nós xa tiñamos moi adiantados e que serían moi positivos para o noso pobo.
Por exemplo?
-O centro cívico na praza maior que tiñamos destinado como espazo para a mocidade e para que os colectivos sociais de Ponteareas puidesen desenvolver a súa actividade.
-Abriron ao tráfico a praza Bugallal, que era un espazo gañado para a veciñanza.
-Están proxectando abrir parte da dirección única que tiñamos en Trobador García de Guillade simplemente para darlle entrada por ambos sentidos á clínica privada dun familiar dunha concelleira do PP.
Ti cres que é por ese motivo: para darlle entrada por ambos sentidos á clínica dun familiar dunha concelleira?
Si, por suposto que si. Igual que cambiaron os terreos que xa estaban adxudicados no centro de saúde gastando máis cartos para comprar outros.
O goberno de Nava Castro practica o enchufismo?
Totalmente. Mira por exemplo o caso do seu cuñado incorporado cun informe da concelleira de medio ambiente, no que falaba da urxencia de incorporar a esa persoa a un traballo que en realidade nunca realizara. Este goberno non só bota para atrás un modelo de vila que funcionaba , e que segue a funcionar en moitas outras localidades que goberna o BNG, practica o caciquismo e é antidemocrático.
Por que antidemocrático?
Pola súa falta de transparencia, non non dan acceso á documentación que pedimos, pola dificultade que nos poñen para poder desenvolver o noso traballo, e polas súas formas agresivas que incluso nalgunha ocasión chegaron ao insulto explícito ao noso portavoz.
Cal foi o insulto?
“gilipollas”
Tivo algunha consecuencia política ese insulto?
Non.
E aquel “ cala parapléjico” tívoa?
Non, tampouco.
Como está a situación da Freixa?
Á Freixa se lle está dando moita vida pero grazas ás persoas que colleron a xestión dos “ chiringuitos”.O único que fixo o goberno foi un lavado de cara. As obras nos terreos do antigo cámping fixémolas nós.
Sobre a situación das fontes do Concello que ten que dicir o BNG?
A nós parécenos ben que se faga inventario delas, desde logo, pero non nos parece razoable que non se acompañe dunha análise rigorosa do estado da auga. Que menos que saber se é potable ou non¡. Nas últimas analíticas que fixeramos nós, pouco antes de deixar a alcaldía, determinaban que en arredor do 70% delas a auga non se podía beber.
E non se fai esa análise?
Non nos consta.
En relación á “Área de Rehabilitación Integral” quixera coñecer a túa opinión?
Pois que o actual goberno está a tirar beneficios da xestión que fixo o goberno do BNG. Fomos nós os que solicitamos e declaramos a área e os que solicitamos os fondos.
Como está a saúde do BNG de Ponteareas?
Nun moi bo estado, con moito ánimo e ilusión en recuperar a confianza da maioría social do noso pobo.
E ti persoalmente?
Con toneladas de ilusión, e decidida a dar o mellor de min mesma en todo momento en beneficio do ben colectivo do meu pobo.
No ano 27 vas ser ti a candidata á alcaldía?
O Bng é unha organización democrática de verdade, non só no plano teórico como outras nas que as candidaturas veñen impostas a dedo desde Santiago ou desde Madrid , e iso terano que decidir os compañeiros e compañeiras do Bloque de Ponteareas. Eu teño, como antes mencionei, toneladas de ilusión en que Ponteareas poida avanzar e non como agora que retrocede.
Primer comentario