
Os pasados 25 e 26, na parroquia de Cabreira, no concello de Salvaterra, celebrouse a VI edición deste festival de poesía. A existencia, e persistencia no tempo, deste tipo de eventos que pretenden a difusión cultural e defenden o uso das verbas como imprescindible instrumento en calquera interacción humana é unha magnífica nova. E se, como no caso deste festival de poesía, a súa organización está formada por persoas de exquisita sensibilidade e compromiso inquebrantable coa palabra, o seu resultado só pode ser soberbio, un ano si e outro tamén. Desde as nosas páxinas parabenizamos con toda a intensidade que somos capaces de expresar aos seus organizadores, e erguemos de maneira simbólica a nosa copa para brindar con eles por 1.000 primaveras máis para o festival ENTREVERBAS. Nós falamos co seu alma mater:
XESPI
“SE A POESÍA NON EMOCIONA, ALGO FALLA”
-Para quen non vos coñeza, que é o festival ENTREVERBAS?
Sempre definimos ao ENTREVERBAS como un encontro coa palabra. Xa que as verbas son o elemento principal sobre o cal xira calquera das disciplinas que toquemos. Evidentemente a palabra poética na voz dos seus autores e autoras ten un peso maiúsculo e representa o núcleo central do evento.
-Celebrades a VI edición do festival.
Nun ano tremendamente atípico polas circunstancias que todos coñecemos, apostamos por manter a nosa proposta. Adoitando todas as medidas preventivas e de seguridade que esta situación excepcional require, decidimos non aprazar nin suspender o encontro xa que a cultura neste intre é máis segura que nunca, polo tanto non tiñamos escusa para non tentalo.
-Como é a implicación da veciñanza da contorna co festival?
Somos unha aldea con poucos habitantes pero o ENTREVERBAS está xa arraigado e agárdase con intriga por saber quen formará parte de cada edición. A resposta é boa e a colaboración total. Estamos contentos de que Cabreira se coñeza tamén por celebrar un encontro literario e musical.
-E da sociedade de Salvaterra en xeral?
Ben. Temos público que se achega dende diferentes parroquias de Salvaterra e tamén da vila. Hai que ter en conta que este tipo de actos non soen ser de grandes afluencias e aínda así cada ano medramos en asistencia e iso é motivo de satisfacción.
-Que tal se porta o Concello con vós?, notastes algún tipo de diferenza entre o anterior alcalde e a actual alcaldesa?
Debo recoñecer que hai máis fluidez e un contacto máis próximo con Marta. Pero tamén creo que un concello debería apoiar case de xeito incondicional propostas deste tipo que nacen da ilusión e da iniciativa de catro soñadorxs sen máis pretensión que a de ofrecer algo diferente á veciñanza. Seguimos tendo a sensación de que imos aos concellos a mendigar axudas cando debería ser exactamente ao contrario.
-A organización de eventos que teñan por obxecto a divulgación artística e cultural require dun compromiso persoal moi elevado de quen decida implicarse nese eido. Ti en particular, alma mater do ENTREVERBAS, e as persoas que colaboran contigo seguides ilusionados e con folgos dabondo para facer do ENTREVERBAS un referente no calendario cultural da vosa comarca?
Si, por suposto. É verdade que hai un esforzo detrás importante. Non vivimos disto. Temos nosos traballos, familias e quefaceres. O tempo nunca sobra pero cremos que logo de seis edicións o ENTREVERBAS está máis que consolidado na contorna e a ilusión segue intacta. Xa pensamos no ano próximo. Non o dubides.
-Seica van musicar algúns dos teus versos, non?. Cóntanos ese acontecemento tan emocionante?
Vaia, pois así é. De feito xa o están. Foi algo inesperado e froito da casualidade. De súpeto un día a cantante Ugia Pedreira escríbeme dicindo que lle gustan uns versos que eu compartín hai tempo nas redes sociais e que se lle daba permiso para musicalos. A sorpresa foi maiúscula e a miña ledicia inmensa. Nunca tal imaxinaría. Por suposto dinlle permiso e así naceu Balada Senlleira que xa podedes atopar en Youtube no canal de Ugia nunha gravación fermosísima que fixo no Mazonovo de Oscos. Unha fermosura de vídeo.
-Ti es dos que pensan que a poesía debe ter unha finalidade meramente estética? Ou es dos que, coma min, emociónaste cando les por exemplo a Celaya :” maldigo la poesía concebida como un lujo cultural por los neutrales”?
Eu son dos que penso que se a poesía non emociona é que algo falla. A poesía ten que remexer nun. Dá igual de que xeito pero non pode deixar indiferente. Pode ser un poema enteiro, unha estrofa, un verso ou unha verba, pero ten que cravarse en nós, facernos cavilar e sentir.
-Neste contexto histórico tan preocupante no que a vitoria sobre o adversario semella ser o obxectivo de calquera interacción humana, no canto da cooperación, as xeracións máis novas teñen espazo para gozar da poesía?
Sempre existe ese espazo. Está aí, agardando para ser descuberto e ocupado. É máis, ese espazo está precisamente para acubillarnos cando nos damos conta que as mundanas loitas cotiás só producen ansiedade e frustración.
-Remato Xespi. O ENTREVERBAS é unha arma cargada de futuro?
O ENTREVERBAS nunca será unha arma. O ENTREVERBAS é un lugar de encontro e fraternidade onde a palabra alcanza a súa máxima expresión. E si, por suposto que confiamos nun futuro mellor e máis xusto.