AGRELAR a un paso da alcaldía de ARBO

AGRUPACIÓN DE ELECTORES DE ARBO

Nas dúas últimas eleccións municipais AGRELAR quedou a nada de acadar a alcaldía desta vila. Se non me falla a memoria só 38 votos no 2015 e 66 no 2019 os separaron da vitoria. Neste pobo a situación está enormemente polarizada co PP ,ata o punto de que case se pode falar de empate técnico. Pero o goberno actual do PP non fixo neste mandato outra cousa que acumular desgaste, defender os intereses do seu partido cando estes entraban en colisión co interese de Arbo, e gobernar con desleixo e autoritarismo. Por outra parte o ex alcalde popular Manuel Rivera presenta unha lista este ano o que fai presumir unha fragmentación importante do voto conservador co que todo apunta a que Xavier Simón será concelleiro( vai de número 6 na lista de AGRELAR) e desta volta si, a Agrupación de electores de Arbo poderá obter a vitoria eletoral.Nós falamos con Jose Antonio, o seu número 3, e con Baltasar Vallejo, veciño de Cequeliños e novo candidato á alcaldía.

Baltasar Vallejo e Jose Antonio García cabeza de lista e número 3 da candidatura de AGRELAR

Nós somos de Arbo, vivimos en Arbo, queremos a Arbo e estamos convencidos de que o noso pobo ten enormes posibilidades para poder mellorar”

A moi poucos días das vindeiras eleccións cales son as vosas sensacións neste momento?

Levamos moito tempo traballando moito, e consideramos que esa mesma percepción é a que ten a maioría da sociedade do noso pobo. A pulsión de cambio que se percibe polas rúas de Arbo, e polos camiños e corredoiras das nosas parroquias, é moi elevada e a nosa percepción é moi positiva. Arbo precisa un cambio con urxencia absoluta, e o que nos transmiten a maioría das nosas veciñas e veciños vai na liña de que agora é o momento do cambio .

Queremos coñecer un pouco máis o perfil do candidato. Ti de onde es Baltasar, e como e cando se iniciou a túa relación coa política?.

Eu son natural da parroquia de Cequeliños, teño 51 anos e son fillo da emigración .O meu pai é de Cequeliños e a miña nai de Madrid, coñecéronse en Luxemburgo, que foi onde nacín eu. Actualmente traballo no sector industrial con máquinas de Control Numérico. E teño unha vida profesional xa dilatada: estiven no exército, traballei nunha empresa do automóbil e tamén exercín de escolta privado no País Vasco nunha época realmente dura. No ano 2015 tiven a oportunidade de participar na lista de AGRELAR con Xavier Simón, e desde ese momento, unha vez que coñeces este proxecto tan bonito, que ten como única meta o ben común da nosa localidade, xa non me foi emocionalmente posible separar o meu camiño do de AGRELAR.

No 2015 non entraches de concelleiro verdade?

Non. Naquel momento fun de sexto e, como sabes, faltáronnos moi poucos votos para acadar a sexta acta e en consecuencia a maioría absoluta. Pero en 2017 unha das concelleiras nosas tivo que deixalo e xa entrei eu. Desde ese ano son concelleiro.

Como valoras eses 6 anos de concelleiro?

Persoalmente valóroos de maneira moi positiva. Aprendín moito e puiden coñecer por dentro un proxecto, o de AGRELAR, que, como che dixen antes, traballa moito en chave exclusiva da procura do ben común. A acción de goberno lamentablemente non a podo valorar ben.

Por que?

Pois porque se describe con dúas características principais: Desleixo e autoritarismo. Teñen unha maneira de gobernar de ordeno e mando. Nin escoitan ao pobo nin se preocupan de coñecer as súas necesidades. Por outra parte a nosa percepción é que o goberno local cando ten que tomar partido entre os intereses de Arbo e os do PP escolle os do seu partido. Como exemplo temos o caso de SOGAMA.

Ti, Jose Antonio, nunca fuches concelleiro pero desta volta vas de número 3, co que case con seguridade sairás concelleiro. Como o afrontas?

Cunha ilusión enorme e unhas gañas inmensas de contribuír a que o cambio, tan necesario, chegue por fin ao noso querido Concello.

Xavier Simón é un tipo Brillante, un luxo para calquera intento de construción colectiva sexa do tipo que sexa. Estráñame que non repita de candidato, por que?

Coincidimos na túa valoración de Xavier, desde logo. É máis, estamos seguros de que o peor que lle puido pasar a Arbo foi que el perdera a alcaldía. As súas motivacións de dar un paso atrás, son estritamente persoais, leva moito tempo en primeira liña. Asemade el é un home moi xeneroso e se sinte que ten que dar un paso atrás, dáo sen ningún problema. En calquera caso está no posto número 6 da nosa lista. Temos unha enorme ilusión, e expectativas realistas tamén, en que acabará sendo concelleiro. E pase o que pase caso vai seguir colaborando con lealdade con AGRELAR na procura do mellor para Arbo.

Cales son os principais problemas que padece Arbo?

Arbo ten unhas enormes potencialidade para conseguir que o noso sexa un concello atractivo para vivir, podermos fixar poboación e que a mocidade poida, se quere,construír un proxecto de vida en Arbo. Pero non o fai porque padece un moi mal goberno que:

-Carece de modelo de Vila. Limítase a ir zafando como poden os problemas do día a día, e para iso fano mal. Este é un goberno de mantemento.

-A forma de goberno é autoritaria. Non escoitan a ninguén.

-As parroquias están abandoadas

-A implantación da fibra vai fatal.A min, di Baltasar, puxéronma hai un mes

-O polígono industrial está infra utilizado. Malvive con unicamente 3 empresas

-Non hai ningún tipo de plan de vivenda que poida facilitar que a xente que queira veña vivir ao noso pobo.

-O enorme tecido asociativo do noso pobo está maltratado.

E tan grande o tecido asociativo de Arbo? E por que está maltratado?

O noso tecido asociativo é un tesouro, son máis de 40 colectivos culturais, deportivos, ecoloxistas e de todo tipo. E si, está maltratado porque cando queren levar un proxecto adiante, se non son valorados polo concello como unha asociación amiga, o concello nin lles escoita.

O concello non trata por igual aos colectivos que identifica como amigos, que aos que identifica como non amigos?

Non, desde logo que non.

En relación a SOGAMA cal é a posición de AGRELAR?

Radicalmente contraria, sen ningún tipo de matiz. Non beneficia nada a Arbo, e prexudica ao propio polígono, pois ningunha empresa querería instalarse ao seu lado.

Sobre as liñas de alta tensión que opinades?

É un recorrido de 400.000 voltios que pasa moi cerca dalgunhas casas da parroquia de Barcela, e nós , como non pode ser doutra maneira, estamos a carón da posición dos veciños .

As expectativas coas que vos presentades?

A vitoria. Así de claros e así de rotundos o manifestamos. Arbo precisa un cambio con urxencia.

Rematamos Baltasar, que podería encontrar unha veciña ou veciño de Arbo en ti como alcalde?

Son unha persoa que sei escoitar, que teño a firme intención de escoitar a todo o mundo , de tratar a todas as persoas por igual, e de achegarme aos seus problemas coa mesma intensidade e co mesmo interese. Estou moi ilusionado. Nós somos xente de Arbo, vivimos en Arbo, queremos a Arbo e creemos firmemente que Arbo ten moitas posibilidades para mellorar.