Cristina González veciña de Salvaterra afectada polo proxecto dunha nova rúa

CRISTINA GONZÁLEZ VECIÑA DE SALVATERRA AFECTADA POLO PROXECTO DUNHA NOVA RÚA

Cristina é unha muller de Salvaterra cuxa propiedade, no casco urbano da vila, está seriamente afectada polo proxecto dunha rúa. Esta está xa formulada desde 1.997 pero despois de tanto tempo semella que vai ser agora cando se vai executar. Se se mantén o trazado tal cal está, Cristina perdería boa parte da súa finca .Ela non se opón á apertura desa rúa, é máis enténdea como un proxecto razoable, pero si pide encarecidamente unha pequena modificación do trazado que, sen prexudicar a ninguén, salvaría boa parte da súa finca. Nós falamos con ela


“Non me opoño á apertura da rúa, pero si pido unha pequena modificación do seu trazado para que non me leve todo o terreo. E no concello non hai vontade de solucionalo”


Nesta casa onde estamos agora é onde naciches?


Si, aquí nacín e aquí vivo. Estiven uns anos en Vigo pero esta é a miña casa familiar e o meu fogar.
Esta finca era dos meus avós maternos e logo construíron esta casa hai uns 57 anos.
Explícanos o problema que tes con esta casa.
Desde o ano 97 está exposta unha rúa no Concello que, xa lles afectaba cando vivían aquí os meus pais e xa comezaron á loita para que a rúa levara unha traxectoria máis recta e non afectara só a nosa casa.


Como é a traxectoria desta rúa?


Ven desde o centro de saúde ata o Concello. O problema é que a súa traxectoria non é recta e afecta moitísimo máis a miña finca que á finca lindeira.
Daquela o fillo dos propietarios desa finca era un traballador do concello man dereita de Arturo Grandal, agora mesmo serán os seus fillos os herdeiros, supoño.

Crees que isto é un acto voluntario, que o trazado desa rúa foi para non prexudicar a esta familia e en consecuencia prexudicarte a ti?


Si. De feito podo ensinarche escritos que facía meu pai onde queda reflexado que Arturo tiña un odio persoal contra el.


Pero o teu pai tiña inimizade con Arturo?


O meu pai era dos que se che tiña que dicir algo facíao, non se casaba con ninguén.
El era veterinario. Non lle debía nada a ningún partido político e se tiña que poñer panfletos no seu coche facíao sen miramentos.


Entón o proxecto está desde finais dos anos 90. Por que nunca se executou?


Non hai plan xeral, temos normativas subsidiarias desde o ano 93 e non sei porqué nunca se levou a cabo.


E tendo maiorías absolutas o PP, como nunca se probou un plan xeral?


A
rturo sempre dicía que era contraproducente porque se verían prexudicadas moitas propiedades.
Desde o ano 97 non houbo ningún tipo de indicio que puidera levar a sospeitar que ía pasar algo?
Non. O proxecto deixouno Arturo feito, Marta estao executando.


E como te decatas de que agora si se vai levar a cabo?

Todo por rumores. Estaba unha tarde na casa da Cultura, a finais do ano 19, e se me acerca a alcaldesa para dicirme que quere ter unha cita comigo. Teño unha xuntanza con ela no concello e me traslada que van abrir á rúa e que me van a dar 45.000€, que o concello se fai cargo de facer o muro de contención e eu teño que pechar á finca. Non lle rebatín nada, pois fun a alí a escoitar o que me tiña que dicir e cando saín da reunión comecei a buscar avogado.


Aquí en Salvaterra?


Non, busqueino en Vigo. Estou nunha situación na que non sei por onde tirar e non quero a ninguén de Salvaterra que poida estar influenciado, quero alguén alleo ao pobo.


E o avogado que pasos che di que ides a seguir?


Tiven que facer unha peritaxe, esquemas e medicións da rúa para entregarlle e estudar a caso.
Despois puxemos a primeira demanda administrativa contra o concello presentando un recurso de reposición que xa sabiamos que non ía saír adiante pero que é un primeiro trámite imprescindible.


Cantas propiedades pode haber afectadas polo trazado desta rúa?


Exactamente non o sei, pero son todas con conformidade, a única que está en desconformidade son eu, estou soa nisto. Os outros só son fincas, son a única que ten unha vivenda construída, a min lévame o pulmón desta finca, quedo sen finca, sen garaxe e se me anula unha entrada á vivenda.


Despois de presentar o recurso de reposición cal é o seguinte paso que das?


Este presentouse en novembro. O problema é que estando no contencioso con medidas cautelares, a alcaldesa fai un pleno extraordinario onde un dos puntos da orde do día é aprobar a rúa. Din que fan este pleno sen ter nova do contencioso pero non é certo porque o meu avogado transmitiullo.

E no pleno extraordinario que saíu? porque se hai medidas cautelares postas por un xulgado hai que acatalas mentres non estea a resolución.


Pois o grave é que saíu aprobada a rúa, cada vez que a alcaldesa da un paso así a min sáeme caro e teño que investir máis cartos neste proceso.


Pero se hai medidas cautelares a resolución do pleno non é válida non?


Non, habería que anulala.


Eu non lle estou dicindo ao concello que non faga á rúa, senón que non me leve tanta finca
É necesario facer esta rúa?


Non é un proxecto dos peores, se cadra si sexa necesaria. Pero insisto, eu non me opoño á rúa. Só pido que impere o sentido común para que se faga unha pequena modificación do trazado e non me leven toda a finca.


Que é o que pides exactamente no contencioso?


Unha pequena variación no proxecto para que eu non sexa tan afectada e me respecten a entrada da casa afectada. Vontade de movelo e de solucionalo non teñen.


A única vontade de solucionalo é que un xulgado che dea a razón?


Si.


E poñéndonos no peor dos casos e que un xuíz ou xuíza non che dea a razón, cales sería os prexuízos máis graves que terías?


Quedaríame toda a parte de abaixo da casa inutilizada e tería que abrir outro acceso diferente, tería a rúa pegada a miña casa, tería que reformular o pouco que me queda de finca para meter o coche dentro e tirar cos froiteiros.