
Un ano máis o Corpus ateigou de luz e cor as rúas da nosa vila. Nós conversamos con Miguel, o presidente da asociación de alfombristas
“O traballo sacrificado e voluntario de tanta xente é o que fai que o Corpus de Ponteareas sexa tan especial”
Cóntanos a historia da asociación?.
A asociación nace en outubro de 2017 e abrangue aos alfombristas que realizan os diversos tramos das distintas rúas para, coordinar e axudar a mellorar toda a infraestrutura e todos os problemas que podemos ter, xa que, consideramos que un problema nunha rúa é un problema de todos. Se queremos seguir mantendo ese nivel de festa de interese turístico internacional temos que seguir xestionando e mellorando todo tipo de detalles .
Cantas persoas aproximadamente formades parte da asociación?
Rexistradas hai 19 rúas distintas no centro da vila. Nesas 19 rúas hai 130 membros.
Que actividades desenvolvedes principalmente?
Fundamentalmente todas aquelas que sirvan para mellorar e potenciar a festa do Corpus de Pontereas. Tamén axudar a que esta festa siga tendo a repercusión e lograr transmitirllo ás novas xeracións. É moi importante para nós manter esta tradición cada ano e transmitila ás xeracións que veñen despois.
Temos actividades de promoción da nosa festa en todo o mundo. De feito, a través dos diversos proxectos que levamos feitos, neste momento chegamos a un nivel mundial. Así por exemplo o proxecto da alfombra mundial do Xacobeo é coñecido en máis de 300 cidades repartidas por 30 países dos 5 continentes.
Ao teu xuízo, cal é a razón fundamental que fai que o Corpus sexa tan especial e que teña tanta repercusión?
O que o fai especial é o traballo sacrificado e voluntario da xente. Ese traballo que non se ve, ese traballo que non sae nas fotos. Esa é a verdadeira forza do Corpus de Ponteareas. O lograr implicar a tanta xente voluntariamente, sobre todo aquelas persoas que están xa quince días antes recollendo flores, traballando no deseño, e logo pasarse toda a noite montando as alfombras.
Crees que segue sendo unha festa relixiosa ou xa é algo máis?
Segue sendo unha festa relixiosa. As alfombras teñen un sentido relixioso e fanse por motivos relixiosos.
Xa me teñen pedido alfombras para unha voda e non as fago. Fixemos alfombras para A Almudena en Madrid, para a Virxe dos desamparados en Valencia, pero non para ningún evento privado.
Como están as relacións co Concello?
Moi ben, hai moi boa vontade. Pódense ter erros, como todos, pero si están involucrados e apoiando todo o que fai a asociación. Apóiannos economicamente e con repartición de material tamén. Hai uns anos as alfombras íannos ao peto dos alfombristas, pero agora coa achega económica tanto do Concello, como da Deputación, a Xunta e A Banca, isto xa non pasa. Por ser Festa de Interese Turístico Internacional concédennos unha subvención económica.

Este ano preparastes un par de novidades importantes, fálame un pouco delas?
Dentro das actividades e proxectos que realizamos, pretendemos que a través das alfombras a xente coñeza o labor e os obxectivos das persoas que traballan voluntariamente para diferentes asociacións. Falamos da Asociación do Cancro de Mamá ou Afaga, que no ano 2018 fixeron unha alfombra. Avelaìna e Asprodico, que se encargaron de facer unha decoración aérea dá Costa de San Gregorio no ano 2019 . É dicir, conseguimos que por primeira vez houbese unha alfombra realizada por xente con problemas de mobilidade. Tamén a través deles conseguiuse que houbese unha beirarrúa que permitise que toda a xente con problemas de mobilidade puidese facer todo o percorrido, adaptáronse todas as rúas. Pois este ano foron os usuarios da ONCE, con problemas de visibilidade, os encargados de facer unha alfombra.
Ponteareas cheira a Corpus?
Si, hai unha expresión que é “Ponteareas cheira a Corpus”, pois conseguimos a través da Asociación de Alfombristas que o único museo que hai en Europa dos aromas, que está en Santa Cruz de la Salceda( Burgos), recolla no seu patrimonio o aroma do Corpus de Ponteareas. Partindo disto, este ano tivemos tamén o que se chama a Beirarrúa Aromática. Isto consiste en que ao comezo das sete rúas púxose un tipo de ramo diferente identificándoas, tamén cun lazo de cor diferente. Isto fai que as rúas teñan un cheiro característico, ben sexa por exemplo, eucalipto, falsa árnica, fiuncho, ruda, o romeu,…esta iniciativa permitiu a calquera persoa con problemas de visibilidade, poder identificar en que rúa se atopaba. Algo que se fixo por primeira vez non en Galicia, senón en España. A Marian, a vicepresidenta galega da ONCE encantoulle o proxecto. Isto, por exemplo, non ten nada que ver coa relixión, pero si permite implicar a máis xente no mesmo proxecto e, facer unha alfombra para apoiar á xente que teña mobilidade reducida ou con problemas de visión, sexa integrada e poida gozar desta festa igual que calquera outra persoa.
Grazas Miguel e parabéns por todas estas iniciativas inclusivas.
Grazas a vós por darnos difusión.