Concentración na praza do Concello de Arbo para esixir unha inmediata solución ás inundacións que, desde máis de 5 meses, sofre todos os días a vivenda dun matrimonio da localidade, por mor dunhas obras que está a realizar o concello

Marco e Sonia Concello de Arbo

O pasado 12 de novembro arredor de 70 persoas concentráronse na porta do concello de Arbo para amosar a súa solidariedade cos seus veciños Marco e Sonia. e para esixir ao alcalde de Arbo, Horacio Gil do PP, que faga o necesario para solucionar de contado o grave problema que padece esta familia.

Todo comezou o pasado 9 de xuño, si, non é é ningunha broma hai xa máis de cinco meses, cando Marco e Sonia atoparon o baixo da súa casa asolagada. As inundacións son diarias, todos e cada un dos días, desde hai máis de 150 días , inúndaselles a casa. A natureza do problema está nunhas obras que fai o concello de Arbo que seica desviaron unhas vetas de auga que agora caen directamente na casa de Sonia e Marco. E as consecuencias catastróficas tanto para a súa casa, con mobles esnaquizados e fendas no chan e paredes, como para a saúde de Marco e Sonia condenados a vivir en permanente estado de ansiedade. Parece asombroso que máis de cinco meses despois o problema segue sen amañar, co que a neglixencia do concello semella máis que evidente. Se en todo este tempo non foron quen de arranxar un problema que afecta de maneira tan grave a uns veciños é que o goberno local merece un tirón de orellas superlativo de toda a veciñanza de Arbo.

Nós falamos con eles e con Diego, responsable local do BNG a única forza política, segundo nos contan Marco e Sonia, que os está a apoiar de maneira permanente

Marco Antonio Fernandez e Sonia Barca, afectados

O concello non nos apoiou en nada, o único que fixeron con nós foi dicirnos mentiras”

Por que se convoca esta concentración?

Para pedir solución ao grave problema que afecta ao baixo da nosa casa, inundado durante os últimos cinco meses.

Cando comezou o problema?

Notámolo o 9 de xuño, que foi o primeiro día no que o baixo da casa se encheu de auga.

Hoxe é 12 de novembro. Pasaron 156 días desde que o baixo da vosa casa se asolagou por vez primeira. Nestes 156 días o problema é continuo?

Absolutamente. Todos os días, todos e cada un dos días, os 156 días un tras outro. Todos os días entra auga na nosa casa.

Cal é motivo do problema?

Parece que ao facer as obras dunha estrada tocaron unhas vetas e acabaron desviándose cara á nosa casa.

Canto tempo levades vivindo na vosa casa?

Moitos anos

E en todos eses anos algunha vez notarades algún problema semellante?

Non, nunca na vida. De feito o baixo, que era unha antiga adega, arranxarámolo e quedara como unha cociña comedor realmente bonita.

E agora como está o baixo?

Peor que unha infravivenda. Están os mobles esnaquizados, auga nas paredes, no baixo contiguo hai un buraco grande no que se escoita correr a auga, fendas non só no baixo senón tamén na habitación da nena…

Supoño que vos dirixistes en numerosas ocasións ao concello?

Si, claro. Ao Concello , á empresa e á Xunta.

E cales foron as respostas que recibistes?

O alcalde dicíame sempre que tiña catro técnicos traballando.

Por que falas en pasado :”dicía”?

Porque hai arredor de 3 semanas, a última vez que falamos, colgoume o teléfono.

E desde aquel momento non tiveches novas del?

Chamoume para notificarme unha visita da Xunta, só para iso.

Veu á túa casa o alcalde co persoal da Xunta?

Non, el non se presentou.

Tedes o problema xudicializado?

Si.

Sentides que o Concello abusa de vós?

A nós non nos apoiaron en nada. O único que fixeron foi dicirnos mentiras.

Como por exemplo?

O dos catro técnicos traballando. A non ser que estean tratando de eliminar a auga tele traballando nós non os vimos nunca.

Supoño que as consecuencias para a vosa vida normal serán terribles?

E tanto que si. Estragounos todo o verán e tememos que aconteza o mesmo no Nadal. Por outra parte tennos nun estado de permanente ansiedade. É terrible vivir así. Isto supéranos, e estanos afectando de maneira grave á nosa saúde.

Ves algún tipo de solución a corto prazo?

Se tiveran boa vontade hai moito tempo que estaría o problema amañado.

Sentídesvos apoiados polos vosos veciños e veciñas?

Si, sen dúbida si.

E en relación coa actitude das forzas políticas da oposición?

Os únicos que nos están apoiando en todo desde o minuto 0 son os do BNG.

Diego Prieto Gago, responsable do BNG de Arbo.

O alcalde nin está á altura nin pon todos os medios necesarios para acabar co pesadelo que están a vivir os nosos veciños Marco e Sonia”

Por que estás nesta concentración?

Por dous motivos:- Son un veciño de Arbo que sinto a necesidade de manifestar a miña solidariedade cos meus veciños Marco e Sonia, que está sufrindo un grave problema do que eles non son responsables, e precisan o apoio e o afecto de todas e todos para que se poida resolver de contado.-Son responsable do BNG de Arbo, e a organización política na que eu milito, ao longo de toda a súa historia, sempre estivo a carón de quen sofre inxustizas e abusos. O BNG pretende se un instrumento político útil ás persoas pois o servizo aos intereses do pobo galego é a nosa razón de ser.

O problema comezou en xuño, estamos en novembro. Como valoras a xestión do Concello no que a este asunto se refire?

A xestión é absolutamente neglixente. Hai un evidentemente desleixo por parte do alcalde que nin fai todo o necesario para resolver o problema, nin activa os mecanismos que serían precisos para que o pesadelo que están a vivir Marco e Sonia remate dunha vez. Son 5 meses, pero quen aguanta coa súa casa asolagada durante cinco meses, todos os días¡.A neglixencia do alcalde de Arbo é máis que evidente.

Quen promoveu a obra que causa o problema?

O concello, e polo tanto é o que o ten que resolver, pero xa , de inmediato, de contado. É inhumano condenar a dúas persoas a pasar por isto. O alcalde nin está a altura nin pon os medios necesarios para acabar co problema.

O BNG non ten representación no Concello. Pode facer algo para axudar a resolver o problema?

O BNG, teña ou non teña representación, vai estar sempre ao lado de quen sofra calquera tipo de abuso. E o que están a sufrir Marco e Sonia é un abuso intolerable.