Xoan Carlos Montes Bugarín “ Calis” alcalde de Mondariz

Calis
Tino Lago e Marcos Santos.

Despois da entrevista, na anterior edición de ANP, ao ex alcalde de Mondariz non podiamos quedarnos sen coñecer a visión da realidade política de Calis, o alcalde actual, que afortunadamente xa se reincorporou ao seu posto despois da súa baixa por enfermidade. Calis defende con paixón a súa xestión, amósase enormemente orgulloso dos seus compañeiros e compañeiras de Alternativa en xeral, e en particular moi agradecido, eu diría que ata un pouco emocionado, a Helena Naveira que foi alcaldesa accidental nos meses da súa baixa. Ao seu xuízo Mondariz ten unha situación económica moi complicada que non lles deixa outra opción que a resistencia, e valora como moi negativa a xestión do anterior equipo de goberno. Velaí vai o que deu de si a nosa conversa

Agora mesmo estamos en fase de resistencia. Pero temos un rumbo trazado para, se a oposición nos deixa, podermos pasar a etapas moito máis ambiciosas”

A primeira pregunta é obrigada: Estiveches varios meses de baixa médica e ves de reincorporarte hai pouco tempo, que tal estás ?.

Moito mellor.

Nestes arredor de cinco meses que estiveches de baixa que sensacións pulsaches da veciñanza de Mondariz?

O seu cariño e o seu afecto. Quero dicir que , malia que estou moito mellor, non estou curado de todo. De feito sigo con terapia e tratamento. E un dos motivos polos que estou neste despacho é o enorme caudal de cariño que me fixeron sentir os veciños e veciñas de Mondariz.

Sentiches o apoio dos teus compañeiros e compañeiras de Alternativa?

Absolutamente si. Teño un equipo magnífico. Se eu non estivera non pasaba absolutamente nada.

Como valoras o traballo da alcaldesa accidental Helena Naveira?

Soberbio, extraordinario. E quero salientar que fixo un traballo excelente sen cobrar, porque a oposición non quixo que ela cobrara mentres eu estiven de baixa. Non cobrou absolutamente nada, enfrontouse a todos os problemas con enorme valentía, repito: sen cobrar absolutamente nada porque a oposición non quixo. Dalgúns non me estraña, pero os que se din de esquerdas pois en fin, deberan repensar o seu modus operandi en relación ao traballo dos demais…

Por que non quixeron, ao teu xuízo, que Helena Naveira cobrase?

Para desgastar ao noso goberno. Por puro interese partidista.

Véxote un tanto tenso coa oposición?

Eu falo de política, non falo de persoas. Só dicir que hai algunha intervención nalgún pleno que os retrata.

Nestes meses que estiveches de baixa o concello de Mondariz foi dirixido polos funcionarios?

Iso é radicalmente falso. De novo estamos ante unha falacia que usa a oposición para desgastarnos. O traballo político en Mondariz, nos meses que eu estiven de baixa, desenvolveuno o equipo de goberno de Alternativa como non podía ser doutra maneira. Desenvolvérono asemade con enorme capacidade, con inmensas gañas e ante a dificultade o que fixeron foi crecerse.

A situación económica de Mondariz é catastrófica?

A min non me gusta utilizar hipérboles, como fan outros portavoces. A situación económica de Mondariz é moi complexa e difícil. E o pobo de Mondariz falou moi claro nas últimas municipais. Dixo: non queremos que se xestione como xestionou o anterior goberno. Parece que algún aínda non asumiu o resultado das urnas.

Ben, ti dis que non che gustan as hipérboles, pero o teu equipo de goberno , pouco antes da túa alta, quitou unha nota de prensa na que valoraba a xestión económica do anterior goberno, e a valoración era peor que pésima. Se esa nota non é unha hipérbole, paréceselle moito. Reafirmas o contido dese texto?

Por suposto que si. Asemade dígoche con claridade que esa nota o único que fai é reflectir datos obxectivos. Non son especulacións, nin sequera valoracións. Son datos reais. Hai provedores aos que lle debemos cartos e que teñen as súas dúbidas de se seguir traballando con nós. E nós somos os que temos que xestionar iso.

Ti fuches alcalde entre o 15 e o 19 , non acabas de chegar. A responsabilidade desta situación é exclusiva do anterior goberno?.

O concello de Mondariz ten unha débeda estrutural.

De antes do 15?

Si, si. De hai moitos anos

Por que se dá esa débeda estrutural?

O ano pasado , xa comigo de alcalde, regularizamos os impostos. Había impostos que non se tocaban desde o 2011. Arrastramos un déficit de ingresos e non temos unha actividade económica que xere o suficiente para cubrir os nosos gastos. Se hai un pequeno desequilibrio, pois máis ou menos vas zafando. Pero claro, se o desequilibrio é moi grande entón o desfase entre ingresos e gastos é tan importante que fai que a situación sexa enormemente complexa de xestionar. E iso que o anterior goberno puido facer uso do remanente de tesourería, algo que nós non imos poder facer.

Por que ?

É negativo. E cando se volva positivo non poderemos facer uso del polas medidas fiscais europeas. O goberno anterior tivo de onde quitar, nós non.

E como ides resolver?

En principio sendo moi sensatos e gastar só onde poidamos gastar.

Onde si vas pode gastar?, e onde vas recortar?

En Protocolo e gastos superfluos estamos a recortar ao máximo. As avarías que antes resolviamos con empresas externas agora tratamos de amañalas nós. Nós primeiros cinco meses do 24 gastamos 200.000€ menos dos que gastou o anterior goberno nos mesmos meses do 23.E o que non penso arriscar de ningunha maneira son os servizos básicos do Concello de Mondariz.

O anterior alcalde recoñece que en efecto gastaron, pero que fixeron uns investimentos moi importantes para o Concello que nos próximos anos van supor, ao seu xuízo, un aforro relevante. En concreto menciona o cambio da iluminación a LED. Que tes que dicir ao respecto?

O asunto das luces recoñézoo. Si, é verdade. E vai supor aforro, si, pero nin vai ser a panacea nin vai solucionar a nosa débeda estrutural. En calquera caso o procedemento do cambio das luminarias para min foi moi cuestionable. Pode ser beneficioso para o futuro, pero pon en serios problemas ao noso presente.

Antes falabas da inexistencia dunha actividade económica que xere riqueza como unha das causas da vosa débeda estrutural. Por que entón a túa negativa ao polígono industrial da Lagoa?

Eu digo: polígono industrial si, desde logo que si, pero na Lagoa non.

Por que na Lagoa non?

É un pulmón de Mondariz, unha zona deportiva e non entendemos adecuado facer un polígono industrial alí. Nós estamos de acordo en buscar un espazo para facer o polígono industrial de maneira consensuada cos grupos da oposición, co acordo da veciñanza e que sexa positivo para o futuro da nosa localidade.

Algunha situación potencial que esteades considerando?

Si, Faxilde.

Que outras medidas se poden tomar para atacar esa débeda estrutural?

É esencial o asentamento poboacional. Temos que traballar para ter máis e mellores servizos que nos permitan asentar poboación. Hai que facer de Mondariz unha vila atractiva para vivir.

Dicía Negrín “ Resistir é vencer”.Ti estás nesa liña?

Si.

Neste contexto o goberno de Mondariz pode facer outra cousa diferente e resistir?

Non, agora mesmo non se pode facer outra cousa que resistir.

E tes algún rumbo trazado para, mirando coas luces longas, poder pasar a unha fase máis ambiciosa que a mera resistencia?

Desde logo que si. Ten as seguintes liñas básicas:

-Como che dixen antes a miña teima e mellorar os servizos de maneira que nos permita facer a Mondariz unha vila atractiva para vivir, e en consecuencia podermos asentar poboación. Nós temos todo moi preto: Concello, correos, centro

médico,centro de día, colexio e praza de abastos….e temos que explotar esa situación

-Facilitar o acceso á vivenda tomando medidas fiscais que posibiliten que a xente se anime a vivir no noso marabilloso concello. Esto dígoo pensando no futuro, a día de hoxe non é posible pois non podemos prescindir de ningún tipo de ingreso.

-Apostar polo turismo sostible como vía de crecemento. Un turismo tranquilo, ecolóxico e deportivo apoiado no noso concello irmán de Mondariz Balneario

Tes boas relacións co alcalde de Balneario?

Si, moi boas.

As e os votantes de Alternativa poden estar tranquilos sobre a vontade do seu alcalde e do seu goberno de cumprir os seus compromisos co pobo de Mondariz?

Indiscutiblemente si. Como sempre fixen e como sempre fai o grande equipo que me acompaña: dar o mellor de nós mesmos na procura do ben común. O ben común de Mondariz é a razón pola que estou en política, nunca houbo outra. Agardo que a oposición nos deixe.

Como é iso?

Home, eles xa manifestaron en diferentes ocasións que 6 suman máis ca 5.

Como están as relacións coas diferentes administracións?

Fluídas e cordiais. Se continúan polo mesmo camiño estou seguro de que vai haber unha porcentaxe moi importante do noso programa que si poderemos cumprir.

De feito ides recibir unha subvención para o PXOM, verdade?

Si,case 40.000€

Temos algún horizonte temporal realista de cando poderás levar un PXOM a pleno?

Aínda estamos nunha fase moi inicial. Este mandato vai ser imposible. Pero un PXOM temos que ter, pois é imprescindible para podermos crecer.

Acabamos Calis. Nas últimas autonómicas fixeches unha aposta explícita por Sumar. Arrepínteste?

Non, en absoluto.

Pero parece que foi un fracaso?

Estou de acordo contigo, foi un fracaso. Pero as miñas posicións políticas non as determinan nin o seu éxito nin o seu fracaso senón a miña conciencia. E eu teño a convicción de que a Galicia faille falta unha forza política de esquerdas e galeguista que recolla aos segmentos de persoas que non se sintan cómodas votando nacionalismo, e que están á esquerda do PSOE. Ao meu xuízo é necesaria.