Celso Milleiro
A figura de Narciso Nores Salgado deixou moitas lagoas escuras na historia, para uns foi un filántropo que fixo fortuna na emigración, para outros alguén que se aproveitou como albacea testamentario de Narciso Orelo. Aínda que descoñezo esta parte da súa biografía, hai que subliñar que isto último quedou no maxín popular da vila.
En Galiza destacou como empresario da industria enerxética que lle deixou suculentos beneficios económicos. Ostentou cargos no Círculo Mercantil Industrial e de Propietarios de Marín e na Sociedade de Exploradores, entre outras.
Mais Nores era ante todo unha persoa de fondas conviccións conservadoras e cristiáns, exercendo como Presidente do Padroado Católico de Marín nos primeiros anos de comezos do século XX, co que pon en marcha unha cruzada contra a expansión evanxélica no concello. Nesta etapa constrúese o actual colexio da Inmaculada para nenas, co obxectivo de contrarrestar o éxito das escolas evanxélicas na poboación e sae o semanario El Bien que actuará como acicate contra o protestantismo, a máis do intento de construír unha nova igrexa católica que foi todo un fracaso pese ao aporte económico recibido.
Na política levoulle exercer como Alcalde de Marín, intre no que se decata da fortaleza con que as ideas socialistas ían impregnando paseniñamente a sociedade local, batendo co seus ideais propios, polo que aceptou o cargo co fin de parar o avance dos seus inimigos políticos.
Para contrarrestar o medre do socialismo, levoulle á necesidade de construír un colexio que tivese como obxectivo influír no pensamento das xeracións vindeiras. Esta é a razón pola que funda o Colexio San Narciso na década dos anos 20, e onde se crea a comezos dos anos 30 a Xuventude Católica, do que sería nomeado Presidente Honorario en 1932, e tempo despois a conservadora e política Xuventude de Acción Popular, adscrita á CEDA.
Deste centro escolar saíron os primeiros militantes da Falanxe Española, sendo o lugar onde se organizou, conxuntamente co Polígono de Tiro Naval Janer, o golpe de estado de 1936 en Marín e na comarca. Para axudar economicamente aos sublevados contra o réxime democrático da II República Española, Nores fixo doazóns que pasaron das 27.000 das antigas pesetas, poñendo a disposición todos os seus vehículos e outros materiais para reforzar o golpe e a caída do goberno lexítimo.
Narciso Nores era un ultra católico que loitou contra o socialismo, as súas accións son cuestións fundamentais para entender e comprender o Marín actual, con todo o armazón político, social e cultural do Concello que vai desde os anos trinta até hoxe, así como a razón da existencia do ensino privado de tendencia católica que na actualidade existe no concello.
1 Trackback / Pingback
Comments are closed.