A HEMEROTECA CUÁNTICA DO DECANO

Artigo de opinión A Nova Peneira
Xoán Carlos Caballero
Xoán Carlos Caballero – Mestre no CEIP de Salvaterra

Como fiel lector da Hemeroteca do Decano, aínda tardei en darme conta do burato de verme que se atopa no seu universo. Cal físico cualificado e aplicando o empirismo máis ortodoxo, investiguei a posibilidade de que as vivencias humanas, tales que miserias, alegrías, tristezas, felicidade, penurias, benestar, etc., son galaxias interconectadas por pasadizos nos que entramos e saímos de forma cíclica. No meu laboratorio, o mesmo sitio onde almorzo a diario, pedinlle o xornal a Felipe, que é o camareiro e colega sen o cal esta investigación non tería visto a luz.

O traballo de campo comezou un día que non había xornal, era moi cedo e aínda non chegara o repartidor. Na Broa, coma en moitas cafeterías, apilan varios meses a prensa diaria, e soliciteille que me pasara un exemplar ao chou, a antigüidade do mesmo tanto daba. Tiña data de 24 de maio deste ano, soprei para espantar os restos de migallas e fariña e busquei a páxina con avidez para confirmar a certeza da teoría. Ese día reflectíanse acontecementos tan similares os actuais, a pesares de ter acontecido entre 1891 e 1971, que poderían ser portada dun telexornal de hoxe mesmo, sen que ninguén se decatase do salto no tempo.

Recopilei toda información que alí se recollía para introducila no meu acelerador de partículas coa intención de rescatar do pasado obxectos, feitos, lugares e personaxes. O resultado non me colleu por sorpresa, salvo por pequenos desaxustes de programación do acelerador, que provocaron que os acontecementos se mesturaran saltando entre os diferentes universos paralelos ou multiversos, pero que de tódolos xeitos, viña a confirmar a irrefutabilidade do estudo.

Os efectos non se fixeron esperar e tanto Joaquín Bonet como Pousada, futbolista do Vigo, presentáronse no “Tagus”, unha nave espacial inglesa. Nada máis chegar pediron desculpas pola tardanza e explicáronme que durante o traxecto foran obrigados a facer corentena, non en San Simón, como fixeran no pasado, senón no Cunqueiro. Contáronme que, debido á miseria e a fame que pasaban, embarcaran cara América en busca dunha vida digna. Non fixeron sós a travesía, eran máis de catrocentos, que logo de chegar a Vigo a pé, dende diferentes puntos da península, extenuados, embarcaron sen saber co que se ían atopar ao outro lado do Atlántico. Antes deles xa foran miles as persoas que foran captadas polos “ganchos”, como daquela se lle chamaba aos que prometían o “paraíso”

Relataron que unha vez alí atopáronse con que algúns países endureceran as medidas para poder baixar do barco e moitos dos seus compañeiros foron devoltos ‘en quente` ao punto de partida. A pesares da distancia, seguiron en contacto con eles e a través do correo enteráronse de que estaban vivindo, aproveitando que na cidade puxérase en marcha un plan social, nun local habilitado para as persoas que pedían esmola. Ningún deles se dera por vencido e adicábanse a deambular polo porto agardando o momento propicio para agocharse en calquer recuncho dun barco que partise. Os que o conseguiron foron explotados durante anos por ser migrantes sen papeis e viviron en condicións de extrema dureza ata que regularizaron a súa situación. Por mor da velocidade cuántica, o encontro foi moi breve e a dicir verdade, excepto a fusión do Fortuna e o Vigo, daquela rivais encarnizados, para fundar o Celta, nada lles sorprendeu, comentoume Pousada. Ambos coincidían en que neste futuro seguimos a ter os mesmo problemas, e dicir, epidemias, pobreza, emigración, explotación, cuarentenas, axudas sociais, vías de comunicación deficientes e fútbol como válvula de escape.

Antes de emprender a viaxe de volta ao pasado, aproveitando que era ano Xubilar, pedíronme un pouco de tempo para facer un tramo do camiño de Santiago, prometendo cumprir escrupulosamente co protocolo Covid, para non complicar aínda máis a epidemia de gripe que sufría Arxentina, unha vez que “Tagus” os levara de novo a tempos pretéritos.