25 De xullo, A Nova Peneira por unha Galicia libre e digna

Bandera Galega Nacionalista A Nova Peneira

A miña filla Mariña ten 15 anos e interésase cada vez máis por dous temas non moi comúns nos intereses habituais das persoas da súa idade ; a historia e o feminismo. Devora textos históricos con paixón e enfádase cada vez que percibe algún tipo de comportamento que ela sexa capaz de relacionar con actitudes machistas. Actualmente está a ler “Un cesto de mazás”, obra da nosa colaboradora Montse Fajardo á quen lle estou profundamente agradecido por terlla agasallado. Unha persoa do contexto da miña filla, unha boa persoa, cando a viu ler o libro de Montse preguntoulle de que ía, e a miña filla contestoulle que eran unha serie de historias acerca de mulleres e homes que padeceron a represión do franquismo. A resposta da persoa adulta que dialogaba con Mariña foi que vale, que iso estaba ben, pero que sería necesario que tamén lese algún libro sobre “ as vítimas que causaron os republicanos”. E este episodio anecdótico non fixo máis que reafirmarme na conclusión á que cheguei hai tempo; España, esta España sen H, oposta a aquela Hespaña que maxistralmente imaxinou un día Castelao, non é viable. Está construída de tal maneira que fai imposible a convivencia en harmonía de todos os pobos que nela vivimos

Non sempre o consigo, pero si sempre procuro que todas as miñas posicións intelectuais sexan consecuencia dun proceso reflexivo previo, que agromen da razón do acougo e da serenidade. Non sempre o consigo , peros si sempre procuro que todas as miñas posicións intelectuais escapen dos apriorismos, como a sensibilidade escapa da brutalidade, e fuxan dos instintos e das secrecións de bile. E no caso de España, desde a serenidade e o respecto máis absoluto a quen si se sente español hai tempo que teño a convicción de que non é posible pois:

-É imposible manter ningún tipo de relación sen que todas as partes que a forman estean cómodas. E España é un estado construído non en igualdade entre todos os seus pobos, senón na superposición dunha das súas nacións sobre as demais. Todos os habitantes do estado temos o deber de aprender o idioma castelán pero os españois non galegos que vivan no noso país só teñen o dereito de aprender o noso idioma

– É imposible unha relación entre iguais cando ás realidades nacionais distintas á castelá, recoñecidas incluso pola constitución española como “ nacionalidades”, négaselles a condición de parte e a posibilidade de decidiren libremente como queiran relacionarse co resto do estado .A represión brutal que sufriu a parte do pobo catalán que quixo votar en outubro do ano 17 non ten cabida na Europa civilizada, e se a comparamos cos referendos de autodeterminación en Escocia, en Quebec, ou en Nova Caledonia debería avergonzar a calquera español demócrata e decente

-É imposible a convivencia pacífica con quen prefire o “ apor ellos “ que o con eles

-É imposible a convivencia pacífica con quen se alegra de que o adversario político podreza no cárcere e presenta recursos xudiciais para que así sexa

-É imposible a convivencia con quen considera ao adversario político como “ 26 millones de hijos de puta que deben ser fusilados”

-É imposible en esencia un estado construído sobre os piares dunha ditadura asasina que mantén amplos segmentos de poboación que se sitúen na equidistancia ou peor, que lle dean algún tipo de lexitimidade

-É imposible en esencia un estado cuxo xefe resulta da designación dixital dun asasino, e aos seus cidadás e cidadás non se nos permitiu nunca decidirmos a forma política do mesmo

-É imposible en esencia un estado que se alimenta dos recursos naturais de outros, entre eles os do pobo galego, para nutrir ao inmenso páramo madrileño onde non se produce nada, absolutamente nada, do necesario para a vida

E fronte ao imposible só cabe o posible, o desexable e o necesario; algo tan sinxelo como un país galego cuxos recursos e inmensas potencialidades sexan xestionadas polos galegos e polas galegas para o beneficio do pobo galego, de forma xusta e responsable sen deixarmos a ninguén atrás. Un país verde, sostible, feminista ,que honre a memoria de quen sufriu por defendela democracia, xusto solidario , fraternal e internacionalista. En definitiva

Unha Galicia ceibe