12 de xullo eleccións en Galicia

Artigo editorial Tino Lago A Nova Peneira

QUÉDANOS A PALABRA

Se perdín a vida, o tempo, todo

o que tirei, como un anel, á auga,

se perdín a voz na maleza,

quédame a palabra.

Se sufrín a sede, a fame, todo

o que era meu e resultou ser nada,

se seguei as sombras en silencio,

quédame a palabra.

Se abrín os beizos para ver o rostro

puro e terrible da miña patria,

se abrín os beizos ata desgarrarmos,

quédame a palabra.

Blas de Otero

O 12 de Xullo teremos eleccións en Galicia. Novamente o pobo galego está chamado ás urnas para decidir que tipo de goberno queremos que xestione a administración autonómica nos próximos catro anos. Son moitas as opcións entre as que poderemos escoller, pero sendo realistas só existen dúas alternativas con posibilidades aritméticas para poder acadar a maioría parlamentaria dos 38 deputados e deputadas que permita formar goberno. Pode pasar que a dereita conserve a maioría ou ben só cos deputados e deputadas do partido popular, ou ben coa necesaria compañía dalgún deputado de Vox, se nalgunha das circunscricións provinciais logran superar a barreira do 5%, e, xa que logo acadar representación parlamentar. E, ollo, non é descartable, lembremos que nas eleccións estatais Vox conseguiu máis de 100.000 votos en Galicia. Se se dese ese escenario non temos ningunha dúbida de que o PP acudiría ,sen ningún tipo de escrúpulo, con rapidez á procura dos votos da ultradereita co gallo de conservar o poder na Xunta. E, si, tamén teño a certeza de que os populares que se definen como centristas, sensatos, moderados mirarían para outro lado e asumirían sen ningún problema as demandas que lles formulasen de Vox para prestarlles o seu apoio. Non fai falta darlle moitas voltas, para darse de conta de que o que lle pedirían sería o que mellor poderían vender ante o seu publico, os vencedores caines sempiternos, que sen dúbida é as medidas regresivas e agresivas contra o noso idioma e contra a identidade do noso pobo.

Pode pasar tamén que a participación sexa suficiente e que as tres forzas de esquerda que van obter representación no parlamento( PSDG,BNG, GALICIA EN COMÚN) logren sumar os votos necesarios para acadar a cifra máxica dos 38 asentos no parlamento, e poder formar un goberno progresista que poña fin aos anos de Feijoo na presidencia da Xunta. A dereita está intentando transmitir a sensación de que non se pode facer nada para evitar unha nova maioría absoluta súa, como se houbese unha especie de pensamento máxico que inserise de maneira natural na psique colectiva do pobo galego a equivalencia intrínseca entre os conceptos de Galicia e goberno de dereitas. O obxectivo é que entre o corpus de votantes de esquerda se dea o que se chama moral de derrota e a desmobilización conseguinte produza unha nova maioría do partido popular, só ou en compañía de outro. O futuro non está escrito, e por moito que Jorge Fernández ex ministro do PP, considere que Satanás( si, Satanás, non é ningunha broma) utiliza as tensións territoriais para destruír España, o estado no que queiramos vivir decidímolo nós, os seres humanos físicos, porque nós temos a palabra. Por favor non lla regaledes a outros, o 12 de Xullo non vos quededes na casa e non deixedes que a vosa palabra xa non sexa vosa. E

-Se consideras que os recortes sanitarios matan persoas, se consideras que debe de existir unha sanidade pública con recursos e medios suficientes para poder atender a cada ser humano coa máxima axilidade e eficiencia, no peor escenario que o peor pesadelo poida imaxinar, vota. A palabra tela ti.

-Se consideras que os sectores indispensables para a vida; sanidade, educación atención á dependencia, atención aos segmentos sociais vulnerables..non se poden entregar ao lucro privado, vota. A palabra tela ti.

-Se consideras que cando os votos non che dan o poder, débese pasar a oposición ,cumprir o mandato democrático con respecto, e non montar infames campañas de acoso utilizando a medios de comunicación subvencionados, policías de dubidosa ética, xuíces ideoloxizados e comunicadores lacaios para xerar o caos, vota para que os sumidoiros desaparezan da práctica política. A palabra tela ti.

-Se consideras que merecemos un goberno que non mire para outro lado cando o tecido industrial galego está en perigo de morte(Alcoa, Barreras, Vulcano..) vota. A palabra tela ti.

-Se consideras que sendo Galicia quen produce a electricidade, quen soporta o impacto ambiental na súa terra das estruturas necesarias para producila, debe de recibir algún beneficio en forma dunha tarifa eléctrica competitiva e xusta , vota. A palabra tela ti.

-Se consideras que a igualdade de xénero, o combate contra os asasinatos machistas e a violencia de xénero en xeral, debe de ser un obxectivo estratéxico de calquera goberno decente vota. A palabra tela ti. Se consideras que utilizar a morte e desgraza que produciu unha pandemia vírica para atacar ao feminismo, é infame indecente e inmoral, vota. A palabra tela ti.

-Se consideras que “parapetarse en la ciencia (Pablo Casado) “non é algo censurable senón todo o contrario, se consideras que a razón e a ciencia e non o pensamento máxico e a superstición deben fundamentar as relacións entre as persoas vota. A palabra tela ti.

-Se che importa a natureza e cres que é irresponsable arrasar con ela para o lucro duns poucos especuladores(campo de Golf na serra da Groba, centro comercial nos montes de Tameiga, parque eólico en Pazos de Borben……) vota. A palabra tela ti.

-Se che importa o idioma galego e non queres que desapareza(consultar os datos do IGE ao respecto), vota. A palabra tela ti.

-Se consideras que Galicia debe de ter unhas comunicacións co resto do mundo que lle permitan competir en igualdade de condicións, vota. A palabra tela ti.

-Se consideras un abuso as peaxes da AP9, vota. A palabra tela ti.

-Se consideras que non se pode despedir a ningún traballador ou traballadora que estea enfermo, vota. A palabra tela ti.

-Se consideras que a política da represión e as chantaxes económicas contra o que protesta é propia de caines sempiternos e só agranda os problemas, vota. A palabra tela ti.

-Se consideras que entre todas e todos debemos de construír un sistema social xusto que garanta que calquera persoa poida ter leite e aceite para alimentarse, e non depender de vergonzosas esmolas de quen ocupa a máis alta maxistratura do estado sen ser elixido por ninguén, vota. A palabra tela ti.

Se queres que ninguén decida por ti, vota.