(do pobo galego)
O vindeiro día 28 , cinco días despois de que as páxinas desta edición de A Nova Peneira vexan a luz, terán lugar unhas moi importantes eleccións municipais. E nós, como sempre, nin imos mirar cara a outro lado nin sermos neutrais. Este é un medio de comunicación, que se poderá equivocar ou acertar nas súas opinións ,pero que sempre vai actuar obedecendo a unha única ama: á súa conciencia. E mentres os ventos do pobo, que cantaba Miguel Hernández, sigan alumeando a nosa alma vai deixar de lado con desprezo, de chuvia e acougo, ao seu propio interese sen nunca mudar de camisa para obter posición.
Nós non somos un negocio, agochado baixo a forma de periódico, construído ad hoc para a captación de subvencións, nin estamos ao servizo de ningunha administración ou formación política, nin sequera, pero nin de lonxe, daquela que está máis cerca da nosa forma de entender a realidade . Imos pedir un voto masivo para as candidaturas do BNG porque cremos que é o correcto. Non só desde unha posición emocional ou metafísica, que tamén, senón que a observación e análise da realidade vainos levar á mesma conclusión. Eu síntome nacionalista galego desde neno, desde que o meu pai me contara como un crego de Valladolid, profesor seu, deulle dúas labazadas na escola por falar en galego, desde que hai 40 anos , en pleno mundial de fútbol de España, un profesor de Moaña explicounos porque Galicia é unha nación, desde que teño conciencia e uso de razón para emocionarme o abrente de cada día se” puidese voar sobre a nosa terra e percorrela en todas as direccións para asistir á marabilla dunha mañá única. Desde as chairas de Lugo inzadas de bidueiros, ata as rías de Pontevedra oureladas de piñeiros…”.
E si, unha labazada de dor amargura e frustración aguilloa con negra furia o meu corazón, cando observo como o noso idioma se perde nas xeracións máis novas. Unha puñalada de escura xenreira e branca carraxe crávase no meu eu máis íntimo cando vexo como o espolio colonial, que só beneficia ás oligarquías económicas, coloniza, como vermes parasitos, ás nosas fontes de riqueza deixando esmolas ao noso pobo polo seu vento, polos seus ríos e polo seu mar.
Pero non só son as emocións as que nos levan a pedir que o 28 de maio unha inmensa marea de cores azuis e brancas, como as cores do meu pais, ateiguen as urnas de todos os concellos galegos con votos nacionalistas. Tamén a análise racional da realidade vai motivar que ese día,sexa no concello que sexa, demandemos un voto para calquera candidatura do BNG. Galicia é un país rico cunhas potencialidades inmensas para que a inmensa maioría do noso pobo poida vivir con dignidade.
Pero ten un grave problema político: nós nos estamos capacitados para xestionar nós mesmos os nosos propios intereses. O marco autonómico danos unhas competencias moi escasas, e o goberno que padecemos nin sequera se molesta en reclamar as que recolle o noso estatuto de autonomía e que aínda non son xestionadas pola Xunta. Non considero procedente nun texto como este, nin o espazo mo permite, entrar en disquisicións profundas acerca das cousas do comer ,só quixera rematalo cunha consideración que todo o mundo pode comprender: É mellor que o pobo galego xestione os seus propios intereses na procura do beneficio colectivo do pobo galego? ,ou é preferible que os xestionen outros en beneficio dos seus propios intereses ?. Por que non hai un muíño na serra de Madrid para producir electricidade co seu propio vento?.E por que as nosas serras e montañas están inzadas de muíños?( e moito máis que o estarán se non damos derrotado de contado á peste do PP).
Por amor ao noso pobo, o pobo galego, e por interese no ben común do noso pobo, o pobo galego, eu , director de A Nova Peneira, o 28 M vou votar ao nacionalismo galego.