Camarada Leirós

Camarada Leirós

O pasado 28 de abril deixábanos o compañeiro , amigo e camarada Jose Antonio Leirós. El era un histórico militante comunista , presidente de honra do Colectivo Republicano de Redondela, e deses que cantaba Méndez Ferrín no seu inmortal “ Con Pólvora e Magnolias”

Na sindical reconstrución

diaria

de cada cousa rompida e volta

a endereitar

na unión mínima dos homes

darredor dun problema

sórdido

en cada petición de grupo,

en cada contubernio de mans dadas,

reclamo a liberdade pró

meu pobo…”

Leirós era dos que reclamaban si. E se era preciso reclamaba con contundencia .Era dos que non se calaba, nin miraba para outro lado. Leirós, coma nós, desprezaba aos neutrais pois a súa “ neutralidade” é causa esencial de que no mundo siga habendo oprimidos e opresores. Leirós era dos que pelexaban, dos que combatían ata non renderse nunca, dos que preferían morrer de pé a vivir de xeonllos, dos que cantaba Miguel Hernández no seu eterno:

Se morro que morra

coa cabeza moi alta,

morto e 20 veces morto

terei apertados os dentes e decidida a barba”.

Son as persoas coma el ; que saben dicir Non á inxustiza e ao abuso, que son sensibles á desgraza allea e que combaten en prol dos procesos colectivos que perseguen o ben común, as que fan mellor á humanidade. As persoas como o camarada presidente Leirós son as imprescindibles , as que evitan que a humanidade sexa unha selva de barbarie na que todos nos comamos a todos. Hai moitas formas de pasar pola vida. Leirós escolleu a mellor posible: A da dignidade.

Ata sempre camarada. Nas nosas páxinas e nos nosos corazóns sempre haberá un oco para ti.

Marco Antonio Santos Soto e Tino Lago.