Feminismo Si

Artigo editorial Tino Lago A Nova Peneira
Tino Lago director a Nova Peneira
Tino Lago director a Nova Peneira

Un dos máis destacados xogadores do Celta actual está acusado dun presunto delito de agresión sexual por un episodio do ano 2017, e terá que enfrontarse a xuízo oral no mes de marzo do ano próximo na Audiencia de Almería, a provincia onde ocorreron os feitos que van ser xulgados. A tipoloxía delituosa que supostamente se lle imputa ao acusado é a de “agresión sexual” segundo informan todos os medios de comunicación sen excepción. Porén resulta moi estraño pois este tipo delituoso está castigado polo artigo 178 do Código Penal español cun abano de penas de entre 1 e 5 anos de prisión e o xogador do Celta enfróntase a unha petición , por parte da fiscalía, dunha pena de 8 anos de cárcere. Non é posible que a parte acusatoria formule unha petición de pena, en ningún proceso xudicial, superior á máxima contemplada polo código penal para o tipo delituoso que se lle imputa á persoa procesada. Entón terá que haber unha razón que explique a petición de pena que formule a fiscalía e a min só se me ocorre a hipótese de que a información sobre a o delito imputado ao dianteiro celeste non sexa correcta ben porque estea incompleta ou ben porque non sexa veraz. Podería non ser unha información completa se a razón da petición desa pena estea en que o fiscal impute ao acusado un delito de agresión sexual con agravantes( por exemplo se se cometese a agresión cunha violencia ou intimidación particularmente degradante ou vexatoria) castigado polo artigo 180 do código penal cun abano de penas de entre 5 e 10 anos de prisión. Este suposto si sería compatible coa petición de 8 anos de cárcere que formula a fiscalía. E podería ser unha información non veraz se se dese a hipótese de que o delito imputado non fose o de agresión sexual senón o de violación castigado no artigo 179 do código penal con penas de entre 6 e 12 anos de prisión. Neste suposto hipotético tamén encaixaría a petición de 8 anos de prisión 

En calquera caso respectamos escrupulosamente a presunción de inocencia tanto da suposta vítima como do acusado e terá que ser a xustiza o que determine se procede castigar ou absolver ao futbolista. E coa mesma contundencia agardo podermos coñecer a razón real que explique o feito de que a petición de pena que formula a fiscalía non se corresponda co tipo delituoso ao que supostamente se enfronta o acusado, pois non quero pensar que se estivesen edulcorando os feitos pola posición na sociedade que ocupa o xogador de fútbol.

A presunta vítima da agresión segundo informan distintos medios de comunicación presenta, a raíz do episodio, síntomas de depresión e estrés postraumático crónico e a nós só nos queda expresar toda a nosa solidariedade e afecto para con ela alén de desexarlle que sexa capaz de superar o mellor posible os síntomas que padece, e tamén mancharnos , si mancharnos unha vez máis para afirmar que só o feminismo, so unha aposta decidida , firme e sen matices pola plena igualdade entre os dous xéneros que formamos a humanidade, que é o que é o feminismo, é o camiño para evitar calquera tipo de agresión dun home que se cre con dereito a decidir sobre unha muller.