
Victoria Alonso
Vivimos nun concello de pouco máis de 15.000 habitantes e con moitas necesidades, ademais de ilusións que arrastramos durante anos por intentar acadar para o noso municipio. Unha vila onde a veciñanza aprecia ter seguridade cando pasea ou camiña polas nosas rúas, que conta cunha gran cantidade de traídas de auga que fan unha labor primordial e case sen apoio local, con asociacións que traballan a prol da nosa cultura e patrimonio e que se non se pregan ante a alcaldesa son marcados de inimigos.
Vivimos nunha vila na que queremos desfrutar do noso entorno e na que contamos cun goberno municipal que ten como máxima o refrán “a mar revolto, ganancia de pescadores”. Por iso, dende o Partido Popular gastan tantos esforzos en poñer a veciñanza en contra de certos colectivos, asociacións ou outros veciños. Esforzos que poderían ser empregados en unir forzas para acadar sinerxías e mellores posicionamentos para Mos.
Sen ir máis lonxe un claro exemplo é o diñeiro público que se emprega en denunciar a colectivos do noso concello ou incluso veciñas e veciños. Fondos que se poderían empregar en conseguir mellores servizos que reverteran en toda a localidade. Resulta bastante ilóxico pensar nunha rexedora que diga que se sinte atacada persoalmente e denuncie empregando o diñeiro público, pero tristemente esa é a realidade do Concello de Mos con Nidia Arévalo o seu fronte.
Pero se de gastos absurdos falamos, tamén é obrigado facer referencia ós case 80.000€ empregados para publicidade durante o ano 2020. Dato sacado da liquidación deste e do que fomos coñecedores recentemente o sernos entregada dita documentación. Aínda que hai que ter en conta que este dato é maior xa que hai que sumarlle as facturas deste sentido que estaban sen pagar e que foron a recoñecemento extraxudicial durante o actual 2021.
Resulta alarmante que nun ano de crise sanitaria e coa conseguinte crise económica que provocou na nosa veciñanza, se decidise investir neste sento no canto de centrar os apoios na poboación. Hai que partir da base de que durante o ano 2020 tivemos que vivir unha corentena e foi un ano atípico no que non houbo case actividade, por tanto, pouco material había para darlle publicidade.
Dende o Partido Socialista de Mos queremos recorda cando fai algo máis dun ano, solicitabamos axudas para autónomos. Que na medida do posible que estudase a forma de poder axudar a aqueles que máis padeceron as consecuencias desta situación e a alcaldesa negouse. É mais, dixo que ela non ía darlle 1.000€ a cada autónomo porque entendía que era unha burla. Está claro que ten o criterio para valorar os investimentos un pouco cambiados, xa que unha burla é gastar 80.000€ en publicidade cando non houbo case actividade que promocionar.
Aínda que todos recordamos cando a alcaldesa sorprendeunos subíndose o coche da volta ciclista, e fixo o traxecto dende Mos ata ven entrado o Concello de O Porriño para saudar coma se a estrela fose ela. Todo aquel que non puidera vela nos actos, actividades e prensa tivo oportunidade ese día. Sen dúbida unha inversión que non está contabilizada nesta cantidade porque se pagou con cargo a outras partidas, pero que dende ese punto de vista é unha aposta pola propaganda.
Temos unha alcaldesa que no canto de preocuparse por xestionar ben e con transparencia, concepto que descoñece totalmente, nos últimos anos está máis preocupada por aparecer en cantas máis fotos mellor. E traballar para a foto fai que esqueza o que é unha boa xestión, administrar de forma correcta o diñeiro público e atender as necesidades da veciñanza.