De goberno, orzamentos, competencias e labazadas

Patricia Sío Concelleira de EU SON do Porriño
Patricia Sío Concelleira de EU SON do Porriño
Patricia Sío

Para gobernar un concello hai que ter un orzamento aprobado? Si, porque é un instrumento, unha ferramenta, un medio para acadar os obxectivos marcados, supoñendo que os haxa.

No caso do Porriño sabemos como van as cousas, sufrimos parálise e abandono. A escusa é que non hai orzamento, prorrogado o do 2018 (apoiado por EU Son, condicionado a un acordo incumprido). Por que? Primeiro por vagamundería. Segundo porque hai que saber cara onde queremos camiñar, que vila queremos. Xa temos os motivos: a preguiza da alcaldía, ese vivir ao día, algo inaceptable no cargo, e non ter un proxecto. Porque de aprobar simplemente un documento contable para só xestionar e executar, se non se fai cunha mirada longa tampouco se está a gobernar. Estase a administrar e iso faino calquera, mellor ou peor, sen máis. Gobernar é, debera ser, levar adiante o mandato do pobo, non decidir por el despoticamente ou estar a parasitar o cargo. 

Haberá a que aspiramos, planificar para a maioría, a clase traballadora. Si, traballadora, quen non vive de rendas ou a conta dos demais non é de clase media. O resto é ver como mudan ou se engaden novos apelidos na camarilla especuladora que condiciona vida municipal, palmeiros/as de despacho. 

Gobernar un Concello é máis que ir co piloto automático, exercendo competencias propias e as impropias que nos encasquetou a Xunta sen compensación. No Porriño aínda por riba moitas veces a inacción mestúrase con arroutadas.

Non se precisa un ser de luz nin sabedoría suprema, só traballar con cabeza, co asesoramento do funcionariado, co goberno, escoitando ao resto dos grupos (agás fascistas), colectivos, asociacións veciñais e culturais, clubs deportivos… E manter o rumbo para cumprir co plan artellado por e para todas e todos. 

Ademais é imprescindible estar á orde para dar a cara tamén diante das outras administracións representando á veciñanza. Aquí non vale o de non ter competencias, limitarse a instar a Xunta ou Estado a facer isto ou aquilo nunha carta. Se un goberno municipal ten que poñerse de punta ponse, a xente apoiará sabendo que ten con quen contar.

E non é defender populismos ou paternalismos, é esixir que quen di representarnos non faga o longuis, por exemplo, fronte a ladroíza na sanidade pública, a educación, a vivenda o prezo da luz e o medio ambiente. Loitar por eses dereitos tamén ten que ir no lote de quen queira gobernar O Porriño que merecemos. Exercer a responsabilidade máxima de garantir a dignidade da vila sempre, en todas as áreas. Ter como norte unhas condicións de vida decentes no que é competencia e no que non. 

Non queremos unha política municipal cutre, cativa. As necesidades da xente non poden nin teñen que encaixar á forza nunha cuadrícula de competencias. O que queremos ou non queremos temos que decidilo entre todas e todos. É urxente activar xa as canles de participación veciñal para exercer a cidadanía e deixar de comportarnoscomo súbditos/as.

Xestionar pode calquera, gobernar xa é outra cousa. Din que é duro, unha labazada de realidade, pero quen o fai atúraa voluntariamente. A diferencia está en que a xente apaña outro tipo de labazadas da realidade da que non pode dimitir.

Posdata: o municipalismo non se invoca, exércese.