OS PARÁSITOS DO PATRIOTISMO
(Este fragmento do diario de Senlúa Arraiana foi recuperado e adiantado ao noso tempo por Cristóbal López, fiel camarada do avó da futura lider da resistencia arraiana).
Chámome Senlúa e son membro da resistencia arraina. Dentro dunhas horas teño que intervir na Asemblea Arraiana para expoñer o meu plan de infiltración na Colmea para acelerar o seu desmoronamento. Non será doado convencer ao meu pobo para que se apreste a esta arriscada misión pero creo que as últimas revelacións aportadas polas disidentes que rescatamos hai escasos días van a decantar o voto da maioría da asemblea a favor da miña proposición.
Grazas a todo o que nos contaron podemos facernos unha idea clara da situación terminal da Colmea. Só acumulando máis e máis poder pode permanecer estable un réxime totalitario como a Colmea. A súa cúpula dirixente arrogouse unha autoridade arbitraria impoñendo o terror á poboación. Nese terror xeralizado a delación indiscriminada está a orde do día. Calquera acusación por moi infundada que sexa desencadea un xuízo sumario e remata nunha pena capital. O seu réxime necesita que todos se sintan culpables para que o terror que el mesmo xera xustifique a súa arbitrariedade. Xa non desterran ás persoas declaradas traidoras, agora son axustizadas e os seus restos mortais adornan os camiños e prazas principais para que o terror a ser sinalado sexa unha correa que garanta a cega obediencia da poboación.
Agora sabemos porque ultimamente rescatábamos moitos menos disidentes nos avances. Os que atopamos son só os fuxidos da Colmea por vontade propia e non expulsados por lesa traizón. Moi poucos son os que se atreven a escapar adentrándose en Mortefría e menos son os que atopamos con vida despois de varios meses nesa xélida e inhóspita zona. Xa non podemos contar con que o noso pobo medre rescatando desterrados polo que faise máis necesario infiltrarse na Colmea para facilitar a evasión aos disidentes. Por contra tórnase moito máis arriscada a operación tendo que convivir con ese terror a ser vítima de calquera progromo aleatorio. Toda a miña preparación para integrarme nesa sociedade non será salvagarda se son diana dentro da maraña de acusacións cruzadas na que está atrapada a poboación da Colmea.
Lémbrome que o meu avó laiábase de que no seu mundo a sociedade tamén estaba atrapada no sistema. Tiñan un planeta azul e verde cheo de vida e non foron quen de conservalo aínda que sabían que a súa cobiza irrefreable abocaba á súa especie á extinción. O meu avó sempre sentenciaba que no seu mundo a clase acaparadora logrou convencer ao resto da sociedade de que a lei do máis forte era o orde natural das cousas. Así, criminalizando ás vítimas por carecer da forza para defenderse xustificaban dar renda solta a súa cobiza mediante a acumulación ilimitada de riqueza desposuíndo dela ao resto da poboación. A expansión e depredación sen restrición foi o xeito con que agocharon a nula redistribución da riqueza pero sobre todo serviulles para disimular o superfluas que eran as clases acaparadoras para a sociedade, eludindo así que prendera contra elas a ira da poboación e que esta revelara a acaparación de ignominia resucitando o ideal de xustiza social que poría de novo en perigo as súas inmensas fortunas. As clases posuidoras ditaban as leis económicas asegurándose así que non se alzaran no camiño da súa rapacidade. O sono de que o diñeiro enxendra diñeiro volveuse unha realidade para esta casta que con absoluto desprezo de todas as leis apoderouse da riqueza do planeta.
Mulleres e homes sen oficio fora da política que carentes de ética e respecto ás leis enchéronse de verborrea populista e foron aclamados como homes de estado. Convertéronse todos eles en parásitos do patriotismo alimentados polo medo cerval á escaseza da poboación. Así, envolvéndose na bandeira racial da patria chica, puideron simular estar ao servizo do ben común e que as súa deserción social non quedaran ao descuberto. A expansión económica ilimitada, a acumulación do poder e o poder ensimesmado en si mesmo tiñan un final anunciado: o desastre planetario irreversible.
Moitas e moitos coma os meus avós intentaron non ser un dente máis desa maquinaria depredadora pero distaron moito de sumar unha forza realmente coercitiva.
Sei do pernicioso para o ben común que é o individualismo cobizoso e presuntuoso. Teño gravada na retina a imaxe da miña nai botando abalorios ao lume nunha das primeiras asembleas arraianas. Eu era pequena cando sucedeu. Nun rastrexo de víveres atopamos un arcón cheo de ínfulas nunha cámara soterrada dunha derruída igrexa. Un grupo comenzou a disputarse a posesión destes abalorios e a disputa extendeuse recrudecéndose. Snowball, chámanlle así a miña nai, instou a todos a botar ao lume aqueles símbolos do individualismo e lembroulles que a participación na asemblea soberana era o maior garante da individualidade de cada un deles. Era moi pequena e apenas teño un vago recordo pero si lembro vívidamente a exaltación da miña nai e a súa furibunda diatriba contra aqueles que ela chamaba “Mollies”.
Está soando o aviso para o inicio da asemblea. Antes da miña intervención escoitaremos as conclusións do Consello de Sabios sobre o acoplamento da translación á rotación da Terra. Todas temos a percepción de que o sol do leste cada vez avanza máis lento. Si o ditame do consello vai neste sentido nuns anos quedaremos nunha posición estacionaria eliminando a necesidade de escapar das terribles temperaturas avanzando cara o oeste. Esta boa nova ten o seu reverso, a maioría dos alimentos que atopamos son os que deixan atrás nos campos de cultivos da Colmea cando avanzan para eludir entrar en Mortefría. Sen avances non haberá alimentos para sobrevivir. O medo a escaseza fará enfrontarnos á Colmea moito antes de que esteamos preparados.