Tunisia: 10 anos do inicio da Primavera Árabe

Artigo de opinión A Nova Peneira
Xurxo Agra. Especialista en política internacional

O 17 de decembro de 2010 Mohamed Bouazizi, un humilde vendedor de froita de 26 anos, inmolouse nunha pequena cidade do centro de Tunisia, Sidi Bouzid, nun acto de extrema desesperación contra a corrupción e as difíciles condicións de vida, desencadeando unha onda de protestas que se espallou ao longo do país (Revolución dos Xasmíns) e por todo o mundo árabe dando lugar ao que se coñeceu como Primavera Árabe.

Mohamed morreu dúas semanas despois, o 4 xaneiro de 2011, e decenas de milleiros de persoas abarrotaron as rúas da capital para esixir a marcha do dictador Zine El Abidine Ben Ali. A súa morte foi sentida profundamente por quen sufrían a mesma indignación e frustración, polo que as protestas espalláronse axiña por todo o país.

A resposta de Ben Ali, quen dirixía o país desde había 23 anos cando sucedeu no cargo a Habib Burguiba, foi a brutal represión das protestas. Centos de persoas foron asasinadas e as imaxes da represión difundíronse velozmente a través das redes sociais.

Malia unha serie de promesas, o 14 de xaneiro Ben Ali vese obrigado a fuxir camiño de Arabia Saudita, sendo a primeira vez que un dictador árabe era derrocado polo seu pobo e inspirando a outros pobos na rexión a tomar as rúas, denunciar a baixa calidade de vida, expresar o seu descontento, demandar mudanzas e desafiar os seus gobernos opresivos. Un momento revolucionario nunha escala que non se vira desde as loitas pola independencia e cunhas enormes consecuencias na década posterior.

Coa marcha de Ben Ali ábrese un tempo novo en Tunisia, mais cheo de dificultades: resistencia de sectores vencellados ao antigo réxime; os extremistas islamistas levan a cabo unha serie de ataques que tensionan a vida política; institucións internationais como o FMI impoñen medidas moi impopulares; e gran inestabilidade política: as profundas desavenencias entre as forzas políticas provocaron trocos constantes na estrutura gubernamental, con 9 primeiros ministros desde 2011.

Nestes 10 anos Tunisia acadou unha serie de avances como unha nova constitución, a celebración de 5 procesos electorais e maiores dereitos e liberdades. Mais a crise económica e política que sofre desde 2011 fai que se atope moi lonxe de acadar as necesarias reformas, e as pesimistas predicións económicas, agravadas pola pandemia, non auguran un futuro prometedor.

Os diferentes gobernos foron incapaces de abordar os grandes problemas do país e isto traduciuse nunha crecente desconfianza contra a clase política, nunha participación electoral en declive, e en ondas de protestas e folgas.

Os problemas sociais e económicos perduran. Despois de 10 anos a xente segue denunciando a falta de traballo (a taxa de desemprego era dun 11% en 2011, hoxe máis do 16%), os baixos salarios (caeron unha quinta parte na última década), o incremento de prezos (elevada inflación, 6,72% en 2019) e a persistente corrupción. E o colapso do turismo xunto coa chegada do COVID-19 debuxan un panorama moi negro, polo que medra o desalento e a desesperación.

A mocidade, cuxa taxa de desemprego é do 36,5%, foi fortemente golpeada polo estado da economía e a falta de perspectivas fai que o 70% soñe con marchar do país. A consecuencia é unha crecente fuga de cerebros e a inmigración ilegal a Europa cuadriplicouse nos últimos 12 meses.

O enfado e frustración de quen participou nas protestas contra Ben Ali é manifesto. Existe unha decepción xeralizada e o temor a importantes protestas provocou a cancelación da viaxe do presidente tunisiano, Kais Saied, a Sidi Bouzid para participar nos actos de conmemoración do 10 aniversario do inicio da revolución.

Resulta, pois, difícil etiquetar a Tunisia como “a única historia de éxito” da Primavera árabe. A revolución non cumpriu as expectativas, as demandas (calidade de vida e dignidade) permanecen insatisfeitas e o país está lonxe da prosperidade e da xustiza social pola que agardaba o pobo tunisiano hai 10 anos. Hoxe Tunisia reclama o mesmo que o día que Mohamed se inmolou.