A asociación de comercientes e o Concello de Ponte Caldelas celebran a chegada do outono

Magosto Ponte Caldelas A Nova Peneira

A actividade consistirá nun magosto e está organizada pola asociación de comerciantes local co apoio económico municipal

Ponte Caldelas, 23 de outubro do 2019

O outono tamén chegou a Ponte Caldelas. E para celebralo, a Asociación de Comerciantes (Coempo) e o Concello celebran a vindeira semana un Magosto Comercial e un Samaín (que leva por nome Truco ou Trato) durante as xornadas do 30 e 31 de outubro.

Os detalles da organización están a cargo da asociación, que recibe do Concello unha subvención anual de 20.000 euros coa que financia todas as actividades de dinamización comercial do municipio. O Goberno local aposta moi forte pola política de promoción socioeconómica, na que o apoio ao comercio local é un piar fundamental. O alcalde, Andrés Díaz, subliña que moi poucos concellos galegos outorgan unha subvención xenérica tan importante aos seus comerciantes.

O Magosto Comercial esténdese ás xornadas do mércores 30 e xoves 31. Unha castañeira repartirá castañas asadas pola Vila de Ponte Caldelas de xeito totalmente gratuíto. Será entre as 10:30 e as 13 horas e entre as 17 e as 20.00 horas. Un bo aliciente para pasarse pola vila do Verduxo e gozar dun ambiente relaxado e facer compras no comercio local.

O Samaín popular Truco ou Trato chegará o xoves 31. Poden participar nenos e maiores. O único requisito é presentarse disfrazado no local da ludoteca municipal ás 19.00 horas. A actividade consistirá nun percorrido polos locais comerciais da Vila en distintos grupos, onde a través do popular xogo “Truco o trato” poderán conseguir os seus caramelos. Ademais dende a Asociación de Comerciantes convidará aos pequenos a un chocolate con rosca sobre as 21:00 na Casa da Cultura.

Unha “maneira divertida e amena” de darlle a benvida ao outono e de festexar o Samaín. Así deste xeito a xente percorrerá os comercios da vila e encherán de vida e ambiente as rúas de Ponte Caldelas durante as xornadas do 30 e 31 de outubro.