O Concello de Ponte Caldelas rematou 2019 coa maior recadación de ingresos da súa historia: 4.898.262,68 euros

Concello de Ponte Caldelas A Nova Peneira

A 31 de decembro, o Concello rematou o exercicio con 681.199,71 euros de fondos líquidos nas súas contas bancarias

Ponte Caldelas, 29 de xaneiro de 2020

O Concello de Ponte Caldelas fai historia coas súas contas. En 2019 tivo uns ingresos totais de 4.898.262,68 euros, a maior recadación da historia do Concello, e un gasto total de 4.772.361,54 euros, cantidade na que xa están incluidos os 222.706,97 euros dos pagos por amortización de créditos. Por outra banda, as contas reflexan que a 31 de decembro de 2019 o Concello dispoñía de 681.199,71 euros de fondos líquidos, é dicir, de diñeiro en caixa e, a día de hoxe, o remanente de tesourería estímase en torno aos 300.000 euros. Por outra banda, ao vindeiro pleno o Concello levará un recoñecemento extraxudicial de crédito de 680.735,89 euros. O alcalde de Ponte Caldelas, Andrés Díaz, destaca que a conta anual de 2019 arroxa unha recadación e unha liquidez históricas para o Concello. “2019 foi un ano complicado porque estivemos varios meses sin interventor e sen poder pagar. A liquidación anual demostra que o Concello ten unha boa saúde económica. No seu momento a oposición aproveitou este problema puntual de falta de interventor para arroxar críticas. Agora, coas contas de final de ano enriba da mesa teñen obrigación de presentar as súas desculpas”, indica Díaz.