Redondela traballa para converter o proxecto «Cidade Amiga da Infancia» nunha “ferramenta útil e efectiva para a mocidade”

Concello de Redondela Mocidade A Nova Peneira

A alcaldesa Digna Rivas e o concelleiro de Cultura, Daniel Boullosa, reuníronse con representantes dos centros escolares para darlle impulso definitivo á iniciativa.

“A Cidade Amiga da Infancia non pode quedar cinguida á realización de plenos xuvenís, de cando en vez, e que logo as propostas que fan os mozos e mozas caian no máis fondo dos esquecementos”, asegurou a alcaldesa Digna Rivas nunha xuntanza mantida cos representantes dos centros escolares redondeláns co fin de “darlle un impulso definitivo a esta fermosa iniciativa”.

A rexedora local, acompañada do Concelleiro de Cultura, Daniel Boullosa, incidiron na necesidade avanzar no proceso de constitución do Consello Municipal da Infancia e a Mocidade, “ferramenta imprescindible para que os nosos mozos e mozas dispoñan dun órgano no que presentar achegas, debater propostas e presentar iniciativas”.

Nese sentido, tanto Rivas como Boullosa, aseguraron que o concepto Cidade Amiga da Infancia, ten que deixar de ser un “simple escaparate” para converterse nun xeito de participación “activa da mocidade na vida do seu municipio”.

Lamentaron a alcaldesa e o concelleiro que nos plenos da mocidade que se fixeron, as iniciativas presentadas polas mozas e mozos “caesen no máis absoluto esquecemento”. Estes plenos, que teñen que ter toda a solemnidade que merecen, “non poden ser transformados nun espectáculo público carente de todo contido”.

Rivas insistiu na necesidade de que mozos e mozas teñen que ter a seguridade que “as iniciativas, proxectos e achegas que fan, se transforman en realidades porque é a forma, a única forma, que a mocidade se sinta como parte da vida do seu municipio”.

Para a rexedora local, o correcto desenvolvemento do proxecto ‘Cidade Amiga da Infancia’ vai máis aló dun diploma colgado na parede “senón permite que a mocidade, a través da súa participación activa, comprenda que a política e unha ferramenta marabillosa para transformar a sociedade”.

“Queda moito traballo por facer porque, ata o momento, todo quedou nunha simple declaración de intencións sen ningún contido”, aseguraron Digna Rivas e Daniel Boullosa, traballo que incluirá reunións con todos os sectores involucrados na iniciativa “e cos representantes dos partidos políticos porque se trata dun proxecto de todos e de todas”.