A IGM e colectivos locais urxen ao Concello de Redondela a recoller nun Plan de Usos as actividades permitidas en San Simón, tal e como lle esixe a lei que regula os BIC

San Simón Illa de Memoria A Nova Peneira

O desleixo das administracións fai que sigan xurdindo actividades irrespectuosas coa memoria das vítimas e as súas familias, como o “Campamento Pirata” que a empresa Barafunda anuncia para a primeira quincena de agosto

A Xunta de Galicia, como responsábel última da illa, someteu San Simón a un total e nada inocente abandono que provocou que o calendario de actividades a realizar no BIC quedase marcado polos intereses comerciais de firmas privadas 

Redondela, 22 de xuño de 2020

A Iniciativa Galega pola Memoria –co respaldo dos colectivos redondelás Asamblea Feminista Paxareta, Asociación Xente Titiriteira, Tanxarina Títeres e tamén a Asociación Cultural Alén Nós e o Colectivo Republicano de Redondela, os dous últimos integrantes da Iniciativa xunto con medio centenar máis de asociacións memorialísticas de todo o país–vén de presentar esta mañá no rexistro do Concello de Redondela un escrito dirixido á alcaldesa, Digna Rivas, para instar ao seu goberno a elaborar un Plan de Usos que estableza con claridade que actividades se poden levar a cabo na illa de San Simón, tal e como lle esixe a Lei 5/2016 do 4 de maio, que regula o patrimonio cultural de Galiza. A illa de San Simón está declarada Ben de Interese Cultural (BIC) e a devandita lei establece no seu artigo 35 que “a declaración de interese cultural ou a catalogación de calquera ben inmoble obrigará os concellos no territorio dos cales se localiza a incorporalo ao seu planeamento urbanístico xeral e a establecer as determinacións específicas para o seu réxime de protección e conservación”, así como que “o planeamento urbanístico establecerá un réxime específico que garanta a protección dos valores culturais dos bens inmobles incluídos no seu catálogo, cunha información detallada e unhas ordenanzas específicas que regulen as actividades e as intervencións compatibles cos devanditos valores culturais”.

A IGM e os colectivos redondeláns asinantes pretenden evitar que se sigan a realizar en San Simón actividades irrespectuosas coa memoria das vítimas e coas súas familias como o “Campamento Pirata” que a firma Barafunda quere celebrar no mes de agosto na illa que foi campo de concentración tras o golpe militar. (http://www.barafundaanimacion.com/campamento/).

Un campamento pirata onde a rapazada vaia na procura do tesouro do Capitán Nemo no que foi lugar de tortura para centos de vítimas da ditadura franquista e, que segundo reza a publicidade, se leva realizando xa desde hai seis anos. 

A IGM, que engloba a asociacións memorialistas de todo o país, leva anos loitando porque San Simón sexa declarada illa da memoria e porque as actividades que se realicen na mesma sexan respectuosas co recordo das vítimas e sirvan para dar a coñecer o que alí ocorreu tras o golpe de Estado de 1936. Mais as administracións, e nomeadamente a Xunta de Galicia como responsábel última da illa, someteron a San Simón a un total e nada inocente desleixo que provocou que o calendario de actividades a realizar no BIC quedase marcado polos intereses comerciais de navieiras e outras firmas privadas. 

Hai apenas uns días que a IGM volveu insistir, enviando a todos os partidos en liza o 12 de xullo, un decálogo de actuacións en pro da memoria democrática de Galiza que incluía a declaración de San Simón como illa da Memoria. Pero o anuncio do Campamento Pirata vén a demostrar que o traballo realizado durante estes anos pola sociedade civil non ten reflexo algún nas administracións que non só non orquestran actuacións para divulgar o pasado da illa senón que mesmo permiten a realización de eventos contrarios á dignidade das vítimas e que non fan sino desinformar sobre as propias características do Ben de Interese Cultural que están na obriga de manter. Basta como exemplo a inclusión de palmeiras no debuxo que da illa se fai na propaganda da procura do tesouro que, está claro, non é o tesouro da Historia de Galiza nin da memoria antifascista galega.

A ginkana pirata, que podería realizarse en moitos outros lugares do país que non tiveran a carga simbólica que ten para o pobo galego San Simón, é o último exemplo dun longo ronsel de mofa. O pasado novembro, asociacións e familiares de vítimas lograron paralizar unha festa de disfraces que unha empresa privada tiña previsto realizar na illa na noite de Defuntos pero a mobilización non serviu para que a Xunta varíe o rumbo e, por iso, a IGM pide ao Concello de Redondela que cumpra co establecido na Lei e aprobe un Plan de Usos respectuoso co pasado da illa como cárcere franquista que poña fin, de vez, ás arroutadas das empresas. Que recoñeza a San Simón como illa da memoria e aprobe un Plan cultural e educativo que vaia na procura da memoria e non de fins lucrativos ou turísticos. Un plan cultural sensíbel á altura histórica do que representa San Simón, que debe converterse nun punto de encontro entre xeracións baixo as premisas xustas da memoria histórica.

No escrito, a IGM pediu tamén que se tivese en conta ás asociacións e ás familias das vítimas na elaboración do plan e púxose a dispor do goberno liderado por Digna Rivas para axudarlle no que precise. 

Iniciativa Galega pola Memoria, Asamblea Feminista Paxareta, Asociación Xente Titiriteira, Tanxarina Títeres, Asociación Cultural Alén Nós e Colectivo Republicano de Redondela.