Leticia Santos Paz-Alcaldesa de Moaña

Leticia Santos

Conseguimos eliminar a débeda e incrementar o orzamento sen elevar impostos e duplicando o gasto social”

O 25 de abril a corporación municipal de Moaña aproba un orzamento de 13,2 millóns de euros, o máis alto da súa historia. A cifra coincide exactamente coa que alcanzaba a débeda das arcas municipais no 2015, cando o BNG accedeu á alcaldía da man de Leticia Santos. Nove anos despois, o goberno presenta unhas contas completamente saneadas.

-En pouco máis de dous mandatos lograron vostedes acabar coa débeda do Concello.

-Pois si, neste momento xa estamos sen débeda. Malia que o orzamento deste ano recolle aínda un montante neste concepto de 9.000 euros, xa os liquidamos no primeiro trimestre así que, efectivamente, podemos dicir que o Concello de Moaña está libre de débeda financeira.

-Cales son as claves para conseguir acabar en nove anos cunha débeda que superaba o montante anual de calquera dos orzamentos cos que o concello contou neste período?

-As claves foron non gastar máis do que podes, como faría calquera persoa na súa vida normal, e traballar moito. A clave está na xestión, non só en equilibrar ingresos e gastos, senón tamén en conseguir subvencións. Nos primeiros orzamentos que fixemos practicamente non tiñamos cartos para nada máis que para pagar o gasto corrente, as nóminas e a débeda. Os investimentos dependían case na súa totalidade das subvencións que fomos capaces de conseguir. Presentámonos a todo o que fose factible e aproveitamos cada céntimo conseguido para mellorar o noso concello. Esa foi a máxima do orzamento do 2016, o primeiro elaborado por nós, e seguimos respectándoa ata agora.

-E conseguiron que esa falta de liquidez non afectase aos servizos prestados á cidadanía?

-Si, para nós iso foi clave tamén. Conseguimos eliminar a débeda e un incremento de orzamentos sen subir impostos, todo o contrario, facendo o posible para que todas as ordenanzas nas que se puidesen incluír cláusulas sociais as incluísen, e duplicando o gasto social, que para nós non é un gasto, é un investimento. Pasamos de 1.100.000 euros no primeiro orzamento de 2016 a máis de 2,2 millóns destinados neste a dar un mellor servizo ás persoas e familias máis vulnerables de Moaña.

-Romperon, entón, a idea de que se un concello non se endebeda non pode dar un bo servizo. O seu aforro non chegou por deixar de facer, se non por intentar conseguir cartos doutras administracións que permitisen seguir prestando os mesmos ou mellores servizos, non?

-Esa é a idea. A pesar de que os tempos eran moi difíciles, nós nos iamos renunciar a mellorar a calidade de vida da nosa veciñanza. Co plan de axuste que, pola situación ruinosa do concello, estaba en vigor cando comezamos a gobernar, precisabamos conseguir cartos doutras administracións, e tamén quixemos apostar pola contratación pública dos servizos, que nos permitía abaratar custes, e por pagar ás entidades provedoras en prazo e así poder contar con mellores ofertas ao lograr que máis firmas tivesen interese en traballar co Concello de Moaña.

-Tardan apenas uns días en pagar as facturas…

-Si, somos unha das entidades que mellor paga. Temos un período de pago moi axustado e iso facilita que, cando sacamos calquera concurso a licitación, haxa máis concorrencia e mellores ofertas e, por tanto, se reduza o noso gasto corrente. Outra cousa importante é a eficiencia enerxética, e non só desde a perspectiva económica, ao permitir reducir a factura eléctrica, senón tamén desde o convencemento de que é necesario mellorar a sustentabilidade do noso concello. Foron medidas que fomos implantando ao longo destes anos e que nos permitiron liberarnos desa débeda histórica de 13,2 millóns en só oito anos, sen subir impostos, duplicando o gasto social e facendo aqueles investimentos que escollen os colectivos.

-Moaña conta con sete consellos veciñais onde é a poboación quen decide os investimentos aos que dar prioridade en cada zona, non si?

-Si, son os consellos veciñais, é dicir, os colectivos, os que deciden que obras consideran de maior importancia para os seus barrios. Desde o primeiro momento apostamos por un orzamento participativo. De feito, xusto ao rematar esta entrevista teño unha reunión con eles para explicarlles a través dunha presentación os traballos que inclúe este orzamento.

-Malia todo o conseguido, o Consello de Contas púxolle un pero tanto aos seus orzamentos de 2019-2020 como aos de Cangas por entender que decidiron sobre reparos de Intervención órganos non competentes para facelo. Entendo a necesidade de control exhaustivo sobre o carto público pero, a cidadanía pode parecerlle que, ás veces, hai unha excesiva burocracia que pode entorpecer mesmo xestións a priori positivas como as destinadas a paliar a débeda. Non sei se o sente vostede así, se atoparon moitos hándicaps burocráticos no seu plan de saneamento.

-Nós intentamos sempre ser responsábeis co gasto, penso que queda máis que demostrado. Non facemos ningún investimento que non teña reservado o crédito na contabilidade. Pero se temos un gasto consignado nunha partida, executámolo. Nós chegamos a final de ano e non nos quedan facturas gardadas para outro ano. Temos capacidade sempre para responder do que contratamos. Esa é a nosa máxima. Pero o certo é que agora mesmo, que acaban de levantar a suspensión das regras fiscais despois de pasar a época COVID, as normas vixentes para os concellos son as redactadas hai máis de dez anos por Montoro, cando a nosa situación era totalmente distinta á de hoxe. Agora temos un concello liberado de débeda que se ve penalizado por estas normas, pois non nos permiten usar para pagar servizos, gasto corrente, ou para investimentos, os cartos que xa non temos que destinar á débeda. De facelo estariamos incumprindo a regra de gasto e para o ano teriamos que poñer en marcha un plan económico-financeiro de viabilidade malia que agora o concello ten cartos. Así que si, estannos dificultando a xestión porque a normativa non está adaptada as circunstancias dos concellos saneados.

-Entendo que a normativa está orientada, fundamentalmente, a garantir que as administracións cumpran coas súas obrigas financeiras e, por tanto, hai un control sobre o gasto tan esixente que mesmo quen non ten esas obrigas ve limitada a súa capacidade para dispoñer dos cartos consignados no seu orzamento?

-A regra de gasto ten un tope –que era o que estaba vixente antes da suspensión da época COVID- do 2,6 por cento. É dicir, ese é o incremento que ti podes aplicar ao gasto dun ano para outro. Que sucede? Que nós, ao acabar coa débeda, conseguimos liberar unha cantidade moito máis grande de cartos que poderiamos destinar a servizos ou investimento, se non nolo impedira ese tope. É dicir, as administracións que fixemos os deberes e nos liberamos da débeda estamos sendo penalizadas pola normativa estatal. Así que ás veces o sistema pon paus nas rodas, si. Porque tampouco che permitían usar os remanentes de anos anteriores, tiñas que xustificar que eran investimentos economicamente sostíbeis… nós fomos capaces de xustificalo porque o que faciamos moitas veces era, por exemplo, realizar en instalacións municipais melloras que logo redundaban nunha redución do custe por mantemento, e aí xa xustificabas que resultaba rendible, pero é certo que ás veces complícanche as cousas, si.

-Outra boa nova deste orzamento é que por fin Audasa pagará todo o que lle corresponde polo IBI dos terreos ocupados pola autoestrada en Moaña, tras o remate dunha exención coa que vostede sempre foi moi crítica, e que supuña que malia os altos beneficios, a empresa pagara apenas 1.000 euros en lugar dos 20.000 que lle corresponden.

-Esa exención fiscal era unha inxustiza, e unha inxustiza baseada ademais nunha lei franquista que quedou sen derrogar no seu momento. É insólito, porque non podes eximir do IBI nin bonificar a ese nivel a unha familia que ten unha vivenda da súa propiedade pero está nunha situación de emerxencia social e, sen embargo, eximes a Audasa. Iso non pode ser. Pero non foi só este. Nós fomos quen de aumentar en ingresos todos os anos sen aumentar os impostos nin as taxas, porque puxemos en marcha unha política fiscal moi rigorosa para recadar mellor, por exemplo cunha porcentaxe moi alta de cobro en período voluntario. Iso dáche moita capacidade de autofinanciamento. A redución da débeda vainos permitir subir en máis dun 65 por cento a capacidade de investimento neste exercicio.

-Malia ás vantaxes que vostede enumera, o grupo socialista criticou este orzamento por non incluír a segunda fase da recuperación da fachada marítima, na zona de Seara. Vostede ten explicado que para iso precisa rematar a rehabilitación dos estaleiros, que si está recollida, pero iso non evitou a crítica do grupo co que vostedes gobernaban. Quería preguntarlle por esta obra mais tamén pola labor da oposición, se considera vostede que é construtiva e beneficiosa para o municipio.

– A verdade é que na maior parte dos casos non está sendo construtiva. A min gustaríame que si o fose porque sempre podemos aportar máis se toda a corporación traballa de forma conxunta e, aínda que polo de agora non puido ser, teño a esperanza de conseguilo. Mentres tanto, nós somos o goberno e temos a obriga de cumprir co noso traballo e coa encomenda que nos fixo a veciñanza de Moaña nas pasadas eleccións municipais. Ese grupo tamén criticou a rehabilitación das carpinterías, malia que foi un bo exemplo desa xestión da que falabamos antes, porque unha obra de case un millón de euros vai supoñer un desembolso propio de apenas 39.000, o resto dos cartos conseguímolo a través de subvencións. Nós pelexamos cada euro e conseguimos facer moitas cousas a costa dun traballo moi intenso dos concelleiros e as concelleiras do equipo do goberno e tamén, por suposto, do persoal municipal.

-No que si coinciden vostedes co grupo socialista é en considerar a Sanidade como o primeiro problema que afecta á cidadanía de Moaña. Cantos domingos levan xa manifestándose?

-Pois o 21 de abril cumprimos 125 semanas. Está claro que o noso principal problema agora mesmo son os servizos que dependen da Xunta de Galicia, e en concreto o da Sanidade é escandaloso: a falta de urxencias en Moaña, a non cobertura das vacantes nos médicos de tarde, a falta de cobertura das ausencias do persoal sanitario en diversos servizos como pediatría, enfermería ou matronas… Todo iso estano padecendo a poboación e para nós é moi importante arroupar a mobilización social e, como gobernantes, defender que, no referente aos servizos de atención primaria, a nosa veciñanza teña os mesmos dereitos que calquera outra vila.

-As últimas eleccións autonómicas pareceron reflectir que naqueles municipios onde hai unha mobilización social grande en cuestións como a Sanidade, os resultados favoreceron ao BNG. En Moaña dende logo foron moi bos, pero non sei en que medida o achaca vostede a ese problema en concreto ou á xestión realizada desde o concello, que tamén lle deu a súa primeira maioría absoluta nas municipais de maio.

-Eu creo que é un todo. Nós aquí, ademais da Sanidade, temos outros problemas coa Xunta, por exemplo coa xestión dos comedores escolares, que tamén é un tema moi sensible para as familias. Nese sentido, entendo que igual a xente de Moaña está máis concienciada cos problemas que lle causa a mala xestión da Xunta naqueles servizos nos que teñen competencia, porque aquí é algo moi visible. E entendo tamén que como a xente de Moaña acredita no xeito de gobernar que temos no BNG, pensa que mellor lle iría ao país se tivésemos a oportunidade de liderar nós a Xunta e vota en consecuencia. Pero teño que dicir que non só o fixeron en Moaña, tivemos uns fantásticos resultados en todo o Morrazo.

-Destaca vostede a xestión económica pero unha das cousas que máis chama a atención do modelo de goberno de Moaña é que é un goberno, como o diría, moi humano. Non só polo pulo ao investimento en gasto social do que falaba, senón tamén por preocuparse de cousas que ás veces, a clase política, ou polo menos unha parte dela, considera asuntos menores, como a igualdade, a memoria, a lingua ou a utilización en cada un dos seus actos de linguaxe de signos, máis alá de que poida afectar a unha porcentaxe pequena da poboación. Cre que esa preocupación que amosan pola xente, e non só polos números ou o urbanismo, que é o que obsesiona á maioría dos gobernos, é unha das súas fortalezas?

-Para nós é fundamental ser pobo gobernando pobo. Nós temos moi claro que quen determina o goberno, quen nos manda a nós, é a nosa veciñanza. Nós comprometémonos cun modelo de gobernar que a xente apoiou cada vez con máis forza ata darnos esta maioría absoluta; un modelo de gobernar que consiste en facer equipo coa veciñanza, e creo que a xente sénteo así. Sente que nós somos veciños e veciñas que un día tomamos a determinación de optar a coller as rendas do noso concello e, sinceramente, o que facemos é gobernar como nos gustaría que nos gobernasen a nós. Somos persoas con distintas circunstancias, do máis variadas, que conformamos unha pequena representación do que pode ser a veciñanza de Moaña e é desde ese desexo de atender a todas as sensibilidades desde onde gobernamos, sempre procurando facer estratéxicos a igualdade, o feminismo, a defensa do medio ambiente, a posta en valor da nosa identidade, do noso patrimonio histórico, etnográfico e tamén, por suposto, da nosa lingua e, sobre todo, sendo moi participativos. Nós participamos en todos os actos aos que nos invitan os colectivos, estamos con eles e con elas botando unha man no que faga falta para dinamizar a nosa vila e para que todo o mundo se sinta acompañado, que sinta que ten o noso respaldo. Non é que sexamos moi humanos, é que somos o que temos que ser: un goberno que está ao lado de quen máis o precisa. E o feito de que se nos estea premiando, de que se nos estea empezando a recoñecer, mesmo a nivel internacional, como unha vila modelo, é mérito da nosa veciñanza. Iso nace da participación porque, como che dicía antes, sumando a opinión de moitas persoas consegues moito máis que tendo en conta só a dunhas poucas. É certo que iso require un esforzo moi grande de coordinación e traballo pero merece moito a pena, porque cando lanzas un proxecto ben colectivizado es moito máis eficiente. Cando escoitas a moitas persoas é máis difícil que te equivoques e por iso melloramos a xestión, porque investimos naquilo que é máis necesario para a veciñanza, segundo ela mesma.

-Falaba da lingua e neste mes de abril buscaron que a rapazada lle dedicase ao galego, polo menos, 21 días. Como valora a iniciativa e en xeral o uso do noso idioma entre a xente máis nova do municipio?

-Co 21 días a rapazada está a tope (ri). Pero hai que recoñecer que malia os nosos esforzos a situación da lingua non é tan boa como debería. Desde o concello facemos moitos esforzos para que a rapazada fale en galego, pero é moi difícil que na escola se manteña o idioma, ou iso é o que advertimos nós, e no ámbito educativo xa non temos ningún poder de decisión.

-Volvemos á xestión da Xunta…

-Claro. Iso está en mans da Consellería. Habería que crear un modelo educativo que respecte o galego, que non sexa mesmo virulento con el e coas persoas que queren educar as súas crianzas en galego. Non obstante, nós entendemos que os nenos e nenas de Moaña teñen a oportunidade de coñecer e practicar o idioma, de identificarse con el e, sobre todo, o que nos parece máis importante, é que tratamos de vencer eses estereotipos que rodean a lingua, esa corrente negativa que parece facer de menos o noso idioma. Semella que é moi importante aprender inglés no cole pero non importa tanto que saiban galego e eu, dende logo, non acredito con esa maneira de entender o mundo. Temos que entendelo desde a nosa realidade e para iso non hai unha lingua mellor que a nosa. A partir de aí coñeces outras realidades, pero con nenos e nenas que sintan a pertenza ao noso pobo, que se sintan galegos e galegas.

-De feito teñen vostedes varios programas destinados a fomentar o galego entre a poboación máis nova.

-Si. Esa vinculación da crianza é para nós moi importante e por iso participamos en programas como Apego ou poñemos en marcha actividades para as crianzas desde moi pequenas como o Rechouchío, con produción cultural semanal dedicada ao público infantil; as youtubeiras que é máis para a adolescencia, as regueifas, ou o mundo de Iño que permite, con pequenas adaptacións, que a rapazada poida falar en portugués, achegala á lusofonía, con todas as posibilidades que iso abre.

-Precisamente acaba vostede de participar nunhas charlas da Universidade de Porto, falando do papel da muller na política. Aínda se atopa con algunha situación estraña por ser unha muller nova dirixindo un concello ou iso xa está afortunadamente superado?

-Aquí en Moaña, non teño problema porque todo o mundo o ten interiorizado e xa non se cuestiona, xa vencemos a barreira, que era demostrar que eramos capaces de gobernar e mellorar a situación, pero fóra aínda estraña un pouco que unha persoa coma min poida levar nove anos liderando un concello. En Portugal si que sentín que lles estrañaba máis que aquí, así que estivo ben ter ido e mostrar a nosa realidade. Sobre todo foi moi positivo o debate que se abriu logo co alumnado, que entendeu e compartiu totalmente o noso xeito de funcionar. Así que, é moi satisfactorio se podes influír en que gobernantes do futuro entendan que hai outra forma de facer as cousas, acreditando en todas as persoas, que é o que intentamos nós: que cada persoa de Moaña, nos vote ou non, se senta cómoda vindo ao Concello para todo o que precise. E para nós, o mellor indicador de que isto é así é que a xente se sinte orgullosa de dicir: son de Moaña.