
Recordo que nas campañas electorais das dúas últimas eleccións autonómicas o presidente Feijóo falaba de que as lexislaturas que estaban a piques de se iniciar serían as do rural, de feito o slogan do PP nas galegas do pasado ano facía referencia por triplicado ao nome do noso país. Porén a realidade dos feitos é teimuda, e unha vez máis amosa que as políticas do PP son manifestamente lesivas para o país galego en xeral e para as mulleres e homes que viven no rural en particular. O rural galego padece un gravísimo problema demográfico pois o envellecemento en grado superlativo da súa poboación fai que a subsistencia de moitos dos seus núcleos de poboación sexa imposible. E tal cousa acontece porque aos mozos e mozas que alí nacen resúltanlles enormemente difícil desenvolver un proxecto de vida persoal onde o fixeron os seus devanceiros pois carecen de oportunidades laborais, e os servizos imprescindibles para poderen vivir son cada vez máis cativos. Calquera administración, responsable e comprometida co ben común, debe de pór todos os medios dos que dispón para tratar de atallar, ou polo menos mitigar, a dramática circunstancia que supón que unha xeración de mozas e mozos enormemente preparada teña que marchar das veigas, camiños, corredoiras , ríos e praias nas que gozaron dos dias azuis da súa infancia e adolescencia , alén de separarse dos seus seres queridos, porque élles imposible poder vivir onde naceron. Porén a administración galega non fai outra cousa que mirar para outro lado mentres o rural galego, mentres o país, esmorece.
Seixo é un importante núcleo de poboación do concello de Marín, o segundo despois do centro da vila. Nesa parroquia hai un centro de saúde que funciona de maneira exemplar desde hai máis de 30 anos. En pouco tempo un dos seus dous médicos e unha das súas dúas enfermeiras vanse xubilar e a ameaza do seu peche pende, cal espada de Damocles, sobre unha poboación de arredor de 5.000 persoas das parroquias de Seixo, Santomé, Campo e Ardán. Asemade Abanca ameaza con pechar a única oficina bancaria que existe na parroquia, e o goberno de Marín insiste en manter pechada a casa da cultura da parroquia máis dun ano despois do confinamento de marzo do 2.020.Máis de 15 colectivos das catro parroquias afectadas constituíron unha plataforma para defenderen a continuidade do seu centro de saúde e nós falamos coa súa voceira. Velaí vai o que deu de si a nosa conversa

voceira da “Plataforma pola defensa do centro de saúde de Seixo”
“Se nos pechan o centro de saúde toda a vida de Seixo estaría moi seriamente afectada”
Por que considerastes necesario crear esta plataforma?
Considerámolo necesario desde o momento en que existe á ameaza, tanto do Sergas como da xerencia da nosa área sanitaria, de pechar o noso centro de saúde aproveitando dúas xubilacións. A dun dos facultativos, que asemade é portavoz galego de Sos Sanidade Pública, e a dunha das dúas prazas de enfermería que xa se produciu e que cubriron cun contrato temporal, que se renova mes a mes, non vinculado ao noso centro de saúde
Cantos anos de historia ten o centro de saúde de Seixo?
Non sabería dicirche con exactitude ,pero varias décadas con certeza. Ten dúas prazas médicas, dúas de enfermería e unha praza de auxiliar, que xa se xubilou no seu día, e agora está compartida co centro de saúde de Marín
Semella que o están deixando morrer por inanición?
Si. Parece que a intención é a redución paulatina dos seus recursos humanos ata que non quede outra que pechalo. Agora coinciden no tempo esas dúas xubilación que antes che comentaba e seica pretenden aproveitala circunstancia para pechar todo o consultorio
Que volume de poboación atende?
Este centro de saúde está situado en Seixo, a parroquia máis importante de Marín despois do casco urbano, é atende a Seixo ,Ardán, San Tomé e Campo. Atende á poboación de catro parroquias nas que vivimos arredor de 5.000 persoas que nos períodos de verán somos moitas máis
Polo que teño pulsado eu nas miñas visitas a Seixo a vinculación da poboación co seu centro de saúde é importantísima, non?
Abofé que é así. Fíxate que o noso centro de saúde seguiu prestando atención presencial durante a pandemia, cando o centro de saúde de Marín segue sen prestala a día de hoxe.
Imaxino que as persoas que estades na plataforma desenvolvedes distintos actos informativos polas catro parroquias afectadas. As sensacións que atopas na poboación son coincidentes coas miñas?
Absolutamente. Malia xuntanza breve que tivo o xerente da área sanitaria no centro de saúde de Seixo na que tratou de acougar os ánimos, vemos que a ampla maioría da poboación afectada está moi sensibilizada
Fíaste do contido desa xuntanza?
Non. Eu fíome dos feitos .E o que amosan os feitos obxectivos é que tiveron centros de saúde pechados durante a pandemia, que teñen centros ameazados de non abrir polas tardes durante o verán, que teñen centros de saúde que non cobren , nin por asomo, todas as necesidades existentes…O deterioro que sofre a atención primaria por parte do goberno galego do PP é evidente para calquera persoa que teña ollos para ver
Quen fostes os fundadores da plataforma?
18 colectivos e asociacións de todo tipo das catro parroquias. Como che comentaba antes a xente está moi sensibilizada con este tema. E isto coincide no tempo co anuncio de Abanca de pechar a única sucursal bancaria que temos na nosa zona o 21 de xullo
E a casa da cultura de Seixo?
Esa é outra. Foi pechada ao inicio da Pandemia, e hoxe, case un ano e medio despois, incriblemente continúa pechada. Ao respecto disto dicirche que nós como plataforma metemos un escrito no Concello pedindo que se abrira ao público igual que están abertos o resto de locais culturais que ten o Concello no casco urbano
O centro de saúde, a oficina bancaria e a casa da cultura. A verdade non volo poñen nada fácil ás veciñas e veciños da vosa zona?
É que todos estes fenómenos sexan resultado dunha suma de casualidades resulta incrible. E hai máis pois seica tamén corre perigo a oficina de correos , e o que vaia pasar coa praza de abastos non está nada claro pois na actualidade só queda un posto de peixe e outro de carne. Nós xa o dicimos no manifesto: se nos pechan a oficina bancaria e o centro de saúde a actividade económica de todo o núcleo de Seixo veríase seriamente afectada
Tivestes contacto coas 3 forzas políticas que teñen representación no Concello de Marín?
Si
E cal foi a súa resposta?
O BNG xa levou o tema ao pleno cando saltou o problema facéndose eco dunha nota de prensa que mandaron os comerciantes preocupados pola situación
Que fixo a alcaldesa nese pleno?
Negou que iso fose a ocorrer. Como che dicía o BNG amosou o seu apoio desde o principio veñen ás xuntanzas e forman parte da plataforma e puxeron ao seu dispor toda a súa representación institucional. O PSOE amosounos tamén o seu apoio e compromiso e tamén forma parte da plataforma
E o PP?
Acudiron a unha das nosas xuntanzas e foi representado por catro concelleiros do grupo de goberno. Supostamente amosaron o seu apoio pero cando celebramos o mércores 30 de xuño a xuntanza para que as entidades subscribisen o manifesto da plataforma xa non acudiu ninguén, e a día de hoxe non forman parte da plataforma