Anxo Baz, Voceiro do BNG da Guarda

Anxo Baz BNG da Guarda A Nova Peneira

Neste ano e medio tan duro, moitos guardeses e guardesas non saben o que é ter un mesmo médico que os atenda”

Por toda Galicia multiplícanse as plataformas e asociacións diversas que protestan polo estado da sanidade pública do noso país e polas políticas de recortes do PP.A Vila de A Guarda non é unha excepción e desde hai tempo boa parte da sociedade guardesa desenvolve unha intensa campaña protagonizada fundamentalmente por unha plataforma local en defensa da súa sanidade. Nós falamos co voceiro do bloque para sabermos a visión dos nacionalistas ao respecto deste asunto

Nas últimas semanas a actividade política do BNG da Guarda está moi centrada no estado da sanidade, por que?

O BNG é unha forza política que aspira a ser unha ferramenta útil é eficaz para resolver os problemas das mulleres e homes que vivimos en Galiza. E a vontade de desmantelamento da sanidade pública en xeral e da atención primaria en particular que amosa a administración autonómica é evidente para calquera que teña ollos e queira ver. No caso da nosa vila a situación sanitaria é manifestamente mellorable e o BNG como forza política responsable debe de pór todo o que ten para contribuír aque sexa así

É tan desastrosa a situación sanitaria na Guarda?

O equipo médico do noso centro de saúde é de 8 facultativos. E chegamos a quedarnos só con tres. A situación mellorou algo, agora estamos con seis, grazas á presión social da sociedade guardesa, á plataforma pola defensa da sanidade pública na Guarda e ao traballo do deputado do BNG Manuel Lourenzo. Aínda así queda moito traballo por facer. Nós levamos loitando neste asunto moito tempo en todos os eidos, tanto no municipal como no nacional coa axuda do deputado que antes mencionei e da deputada Montse Prado. Estamos a carón da plataforma pola defensa da sanidade pública e seguiremos estando porque a defensa dunha sanidade pública coa solvencia suficiente para atender de maneira adecuada a todas e todos é un piar esencial para termos unha sociedade digna. Fíxate se está mal a cousa que moitos guardeses e guardesas neste ano e medio tan duro non saben o que é ter un mesmo médico que os atenda

Cal é motivo que explica que de oito médicos que debe ter o centro de saúde houbese momentos nos que só puidésedes contar con 3?

Xubilacións , baixas, e prazas que non se dan substituído coa dilixencia necesaria

Que volume de poboación atende o centro de saúde da Guarda?

Ás 10.000 persoas que vivimos na nosa localidade e asemade ás urxencias da poboación de Oia e do Rosal. Hai desprazamentos a casas que están case a unha hora de distancia. E pode darse o caso de que o médico de garda teña que ir, quede o centro sen médico e haxa que atender outra urxencia

E esa situación xa se deu?

Si, tense dado. E o verán é a época máis perigosa pois a poboación da Guarda multiplícase.

Polo que dis os recursos humanos son claramente insuficientes. E os recursos físicos?

Desde logo que tamén. De feito o Bloque xa leva moito tempo reclamando medidas imprescindibles como son por exemplo: un servizo de radioloxía ou unha ambulancia medicalizada. E por outra parte o edificio cáese en anacos

Ben esta conversa tiña por obxecto falarmos do tema sanitario , pero quero pechala coa vosa moción sobre os eólicos que foi aprobada por unanimidade?

Este é outro dos exemplos nos que se amosa a vontade depredadora do goberno galego. O BNG está a presentar mocións ao respecto en todo o país e na nosa vila tamén.

Si, pero o que me sorprende é o voto favorable do PP á vosa moción, pois xunto co PP de Oia é a excepción, xa que o PP adoita absterse nas mocións que presenta o Bloque sobre este asunto?

A min, coñecendo ao PP da Guarda, non me estraña. O que si me sorprende é que sigan militando no partido que militan.