Koki en Cuba

Koki viaxe a Cuba

As políticas dos EEEUU son inhumanas, e Europa é o seu cómplice”

Francisco Álvarez “ Koki”, o grande poeta do Baixo Miño, estivo entre a fin de abril e o inicio de maio na illa de Cuba, convidado polos organizadores da 30 edición do festival de poesía “ Romarías de maio”.Alí compartiu experiencias con poetas de diversas partes do mundo, e de volta ao país tivo a xenerosidade de compartir a súa experiencia con nós. Velaí vai o que deu de si a nosa conversa

Cando estiveches en Cuba?

Estiven uns 15 días, desde finais de abril ata mediados de maio.

Cal foi o motivo da túa viaxe ?

Foi por unha invitación que me fixeron os organizadores da 30 edición do certame de poesía “Romarías de maio”. Isto é un festival de poesía, ao que acoden poetas de diferentes países como a India, Paquistán, Latinoamérica, Portugal…

En que cidade de Cuba se celebrou o festival?

Na Habana, pero estivemos a viaxar por varios lugares desta cidade para compartir a nosa poesía con outros poetas cubanos. Foi unha viaxe fantástica na que coñecemos diferentes pobos e poetas.

En cantos lugares estiveches?

Entre 6-7 localidades diferentes.

Cal é a valoración que fas deste festival de poesía?

Foi unha experiencia moi positiva. Un intercambio con autores de Cuba que posiblemente, pola situación política do seu país, non están en dispoñibilidade de viaxar. Foi o importante desta relación literaria.

E en que consistiu o festival, en ler poesía?

Lectura de poesía, así é. Cada persoa expoñía a poesía que lle parecía oportuna.

E que liches, a túa?

Eu lin a miña poesía social, pareceume que estaba no lugar idóneo para facelo.

Tiveches algún problema, algunha restrición ou algún tipo de indicación sobre o que podías ler e o que non?

Non, en ningún momento. Tampouco eu escribín nada que puidese afectar o réxime cubano. Dalgunha maneira, teño simpatía polo réxime cubano, sobre todo por derrotar a un xigante como os Estados Unidos.

Fálame un pouco dos outros poetas que compartiron a experiencia contigo.

Quixera destacar a un de Paquistán, é un poeta moi bo que leu marabillosa poesía social. É profesor da Universidade de Atlanta nos EEUU. Home que provén dunha familia con preocupacións sociais de Paquistán, sufriu persecucións no seu propio país.

Tamén había de Portugal, de México e os de Cuba claro.

Había algún outro poeta ou algunha outra poeta galega ?

O único galego era eu, logo había outro poeta de Cádiz.

Sabes como foi o criterio da organización para seleccionar aos poetas invitados?

Non, non o sei. Con quen tratei cando recibín a invitación foi cun poeta cubano, o director do comité que se chama Kiuder Torres.

Estiveses nalgunha ocasión anterior en Cuba?

Non, era a primeira vez.

Repetirías a experiencia?

Non o sei, teño un conflito espiritual. Cando estaba no hotel comendo un prato de comida pensaba que había xente fóra que non tiña ese prato de comida.

Tes constancia de que iso é así?

Pois non estiven na casa en ningún cubano e non convivín con eles, pero nalgunha ocasión deille diñeiro a algunha persoa maior que viña pedirme. Non sei como vivían dentro das súas casas. Non o sei, o que si vin é que A Habana parecía un campo de batalla. A arquitectura colonial española está a piques de caerse e a xente segue vivindo dentro deses edificios onde corren un perigo importante. O lugar que máis me chamou a atención foi Olguín, un pobo moi poético e literario, moi ben coidado e cunha construción colonial moi ben conservada.

Percibiches pobreza polas rúas?

Si. Cuba está en mínimos.

Un país que presume tanto de liderar as liberdades e a democracia, o que fixo de toda a vida con Cuba e con outros países latinoamericanos de crear guerrillas para acabar coa democracia nestes países de Latinoamérica non ten nome. As políticas dos Estados Unidos son tremendamente inhumanas nas que Europa é cómplice. Europa entra no xogo do que manda Estados Unidos, é o seu sicario. Parece mentira que un país como os Estados Unidos líder en democracia, se salte todos os acordos da ONU e faga o que lle dá a gana. Non sei cal pode ser o fin dun país cunha chulería humana e política inconcibible para os anos nos que vivimos.

Persoalmente creo que a democracia non existe en ningún país do mundo. É todo unha mentira.