Álex e Christian Sierpes atletas da Sociedade Atlética do Trega de A Guarda

Christian Alex atletas da Guarda

A familia Sierpes Pereira é unha familia profundamente vencellada ao deporte. Xabier, o pai, foi corredor, e Patricia , a nai, foi xogadora de balonmán. Ambos están agora en corpo e alma no equipo de atletismo Sociedade Atlética do Trega do que dous dos seus fillos son destacados corredores. Os dous Christian e Álex realizaron unha moi meritoria temporada, especialmente Álex con varios campionatos e récords de España incluídos. Os irmáns amósanse moi ilusionados por facer carreira profesional no difícil mundo do atletismo, e por que non, poder gañar algún día algunha medalla olímpica?. Para min foi un pracer conversar con estes dous mozos: educados, humildes e amables. Na conversa acompañáronnos Xabier e Patricia, o seu pai e a súa nai.

Gañar está moi ben, pero sempre con humildade e respecto para os adversarios”

Christian, ti es o irmán maior, canto tempo levas metido no atletismo?

Levo 11 anos, empecei aos 5.

Porque te metiches en atletismo?

Polo meu pai. El era corredor, deixouno por unha lesión, agora é adestrador e foi o artífice que meteu esta afección no meu corpo.

E a túa nai tamén está metida no mundo do atletismo?

Si, é adestradora tamén e foi xogadora de balonmán.

Entón podemos dicir que sodes unha familia moi deportiva?

Si.

En que probas compites Christian?

En probas de medio fondo, fondo e Cros.

Que che gusta máis?

A min o que máis me gusta é o Cros.

Sodes os dous estudantes, en que curso estás ti, Christian?

Empezo agora primeiro de bacharelato.

Tes posibilidades ou opcións de dedicarte profesionalmente ao atletismo?

Creo que teño posibilidades, pero agora estou nunha fase de axudarlle ao meu irmán. El ten máis posibilidades de ser profesional. Eu son bo, pero tirando a normal, el é un crack.

Podemos dicir entón que Alex é “ a ostia”?

Si, podémolo dicir.

Estás de acordo ti con iso, Alex?

Ha ha ha ha .Non sei si eu podo dicir iso, coido que son unha persoa humilde. Gústame gañar claro, pero mantendo os pés no chan e respectando sempre aos competidores.

Cantos anos tes, Alex?

14. Fago 15 este mes de outubro.

En que competicións participas ti?

Como o meu irmán. Medio fondo, fondo e Cros.

Fixeches moi boa tempada este ano, verdade?

Si.

Que logros conseguiches?

Gañei os campionatos galegos e de España de Cross . Gañei o campionato galego de 1.000 metros lisos facendo récord galego. Fixen o récord galego de pista cuberta de 3.000.Gañei o campionato de España de 3.000 lisos. Tamén gañei os campionatos galegos de de España de 1.500 obstáculos facendo récord de España……En definitiva foi moi boa temporada, si.

.

Como te sentiches competindo con xente de fóra?

Sempre te levas mellor cunhas persoas que con outras, pero non deixan de ser os teus rivais.

Pregunta para papá e mamá. Como se financian todas estas viaxes?

Somos os papás e mamás os que financiamos case ao completo estas viaxes.

Non tedes ningunha axuda para sufragar estes custos?

Si temos axuda de patrocinadores privados e financiamento público, pero non é suficiente.

Ao club dálle unha axuda o concello de Tomiño. Álex ten unha axuda de deportistas de alto nivel da Deputación de Pontevedra e do Concello de Tomiño tamén.

Tivestes algún contacto co alcalde actual do Concello de A Guarda?

Si. Ademais, é profesor e deulle clase aos meus fillos.

Álex. Cando gañei o Campionato de España en Alacante, chamoume ao meu número persoal para felicitarme. Despois puxeron unha pancarta no concello, fixéronme unha recepción a porta abertas e saín ao balcón do concello.

Entón podemos dicir que o alcalde actual portouse ben con vós?

Pai: Si. Con Antonio, o anterior alcalde, non había ningún tipo de relación e agora con este cambio de Goberno é diferente. Están dispostos a axudarnos en todo o posible. Queren ver a posibilidade de ofrecernos unhas instalacións e de recuperar carreiras que organizabamos na Guarda.

Adestrades en Tomiño?

Non, adestramos no Rosal.

Por que?

Porque a pista que hai en Tomiño é de cemento e moi pequena.

É en sitio do Rosal adestrades?

Nas pistas. Estamos moi contentos con Ánxela e con todo o equipo de goberno no concello de O Rosal. Acabamos de asinar un acordo por unha axuda da Comunidade Económica Europea. Van facer unha remodelación moi grande, van arranxar as pistas e prometéronnos que van facer un ximnasio con vestiarios propios.

Ata cando dura a carreira profesional dun atleta?

Ata os 35 máis ou menos.

Credes que algún dos vosos dous fillos ten posibilidades de chegar á elite e competir nunhas olimpíadas?

Os dous teñen as capacidades suficientes para chegar. Para conseguilo, a partir de agora téñense que dedicar a isto en corpo e alma.

A ti Álex, faríache ilusión competir nunhas olimpíadas?

Si, claro. A calquera persoa que faga deporte gustaríalle chegar a un mundial ou a unhas olimpíadas. Se tes calidades, traballas con acougo e constancia día a día, pensas en que esa é a meta e que podes conseguilo.

Un futbolista de elite cando se xubila ten a vida resolta. Para un atleta profesional é igual?

Se tes unha boa estrutura si. Eu coñezo casos nos que lles dá para montar negocios e logo vivir deles.

Pero é como un Messi ou un Cristiano Ronaldo que teñen a vida resolta?

Non, a ese nivel, non.

Christian: O único atleta que coñezo que puido vivir disto é Usain Bolt, e polos contratos publicitarios xerados pola súa fama.

Diciádesme que estades a estudar e tedes que buscarvos unha opción B, unha saída profesional. De que che gustaría traballar a ti, Christian?

De Policía Nacional.

E a ti, Álex, de que che gustaría traballar?

Militar ou Marine. Aos meus pais non lle gusta esta decisión, pero dinme que se me gusta a min que tire cara adiante.