Francisco Álvarez “Koki” presenta “ Ratas en Manhatan” no Concello de A Guarda

Koki

Nos camiños da vida cruzámonos con moitas persoas, todo tipo de persoas: desde as que nos gustaría esquecer o antes posible, ata as que deixan pegada no máis profundo da alma pola súa bondade, polo seu profundo compromiso social e pola súa lucidez. O grande poeta de Guarda Francisco Álvarez “ Koki” está nos lugares máis altos do podio metafórico no que se sitúan as persoas que influíron de maneira positiva no noso camiño. Aproveitando que o próximo 27 de setembro presentará un dos libros no Concello, achegámonos ata A Guarda a conversar con el de todas as cousas que nos foi posible no tempo que compartimos.

Como ves a realidade social e política da Guarda de hoxe?

Véxoa moi mal. Por desgraza a esquerda na Guarda hoxe en día non existe. Deféndese intereses particulares e non hai altura política para chegar aos acordos necesarios que posibiliten que a maioría social progresista goberne na Guarda. Por outra parte hai xente que se move da esquerda á dereita dunha maneira que nin se sabe de onde é.

E a realidade cultural?

Veñen cousas feitas desde a DEPO e pouco máis. Hai un montón de intelectuais na Guarda que non teñen a máis mínima saída nin posibilidade de expresarse.

Koki, proximamente vas presentar un novo libro?

O venres 27 de setembro ás 20:00 h no Concello de A Guarda.

Que libro vas presentar?

Ratas en Manhattan.

Este libro xa o publicaches antes, en que ano?

A primeira edición publicouse no ano 2007 na editorial Sotelo Blanco de Santiago. Agora estreamos unha reedición con algún relato inédito.

Ratas en Manhattan” é un libro de contos?

É un libro de relatos sociais no que todos os contos falan da cara b do soño americano.

Este libro nace da túa experiencia persoal nos EEUU?

Si, pero ficcionada. Case toda a literatura arrinca moitas veces dun punto real e despois traballas niso e ficciónalo para achegalo ao público.

Cóntame de que vai esta obra?

Esta obra vai de literatura social. Eu son un obreiro e son leal á miña condición social.

Tamén escribes poesía intimista profunda.

Si, teño poesía intimista e teño poesía amorosa que é a que mellor vendo. Teño libros que van pola cuarta ou quinta edición pero, o que me chama a atención son os temas sociais tanto en poesía, como en teatro ou libros para nenos.

Se a min preguntásenme cales son as características principais de Francisco Álvarez Koki, eu diría dúas: o compromiso social e o intimismo existencial, equivócome?

Máis que o intimismo, a poesía erótica amorosa.

Descríbeme as principais características de “Ratas en Manhattan”.

Ningún libro dos que teño editados nacen por capricho. En literatura para nenos publiquei un libro que se chamaba “Un neno na inmigración” que trata da defensa da lingua na migración , “Ratas en Manhattan” vén sendo a voz da cara b do soño americano, daqueles que non triunfan que son os que nunca saen nos medios de comunicación.

Cuantitativamente son moitos?

Son máis que os gañadores.

Por que agora esta reedición?

Porque tiña algúns contos inéditos que pertencían a esta liña, e polo contexto social no que estamos neste momento considero que pode ter un oco.

Esta primeira edición foi no ano 2007 pero, en que ano foi concibida na túa mente?

No ano 84 que foi cando cheguei coa miña familia a Nova York, cun neno pequeno e tiven que buscarme a vida para encontra traballo. No mundo literario entro no ano 87.

Digamos que a cara b do soño americano é entón a pobreza e a inxustiza de non poder chegar aos limiares dunha vida digna?

Si, nos países ricos sempre hai o soño de chegar a esa vida pero, igual que aquí os inmigrantes afóganse no Mediterráneo tentando chegar a Europa, ou na Canle da Mona entre Santo Domingo e Porto Rico, no soño americano tamén se afoga moita xente.

Estamos no Concello de A guarda vas presentar aquí o libro cun goberno conservador de dereitas. Custouche moito que che deixasen presentar aquí o libro?

Non, non me puxeron ningún impedimento.

Quen vai facer a presentación?

O escritor Ramón Caride Ogando, amigo de hai moitos anos e Marta Dacosta.

De onde é Ramón?

É de Cea pero leva toda a vida vivindo en Cambados. Marta Dacosta é unha muller moi coñecida por nós cun compromiso social notorio.

Que esperas da presentación?

Teño boas expectativas, si. Eu son unha persoa bastante coñecida no Baixo Miño, xa levo bastantes anos escribindo na miña comarca. E agardo contar coa compañía de moitos veciños e veciñas. Aínda que me consta que hai xente que por motivos políticos non vai asistir.

O Concello da Guarda comprou algúns exemplares?

Non, hai moitos anos que o meu Concello non merca exemplares dos meus libros.

Onde se poden mercar?

Estará en todas as librerías.

Cales son os teus proxectos para o futuro?

Teño unha novela pequena e un libro infantil de poesía, ambos inéditos. Tamén sairán dúas reedicións: “Sombra de luna” sae en Toledo, e en Cádiz sae “Francisco Panadero regresa”.

Ese último é un libro de coplas, verdade?

Si. Adiqueillo a Rafael Alberti. A idea naceu cando estiven no calabozo no servizo militar, e alí caeu nas miñas mans un marabilloso libro de Alberti:”Coplas de Juan Panadero”..Esta obra chegoume moi adentro, e aproveitando que eu traballara de panadeiro na mocidade, pois aí xorde “Francisco Panadero regresa”.

Cando estiveches arrestado foi no franquismo?

Non, foi en 1979, xa morrera Franco.

E agora como ves a situación social en xeral?

Non cambiou moito. As miñas expectativas sobre a evolución social son por desgraza bastante escuras. As estratexias que o goberno de Galicia desenvolve contra a lingua galega son aterradoras.