A poucos meses dun emocionante proceso electoral, na Guarda de moi difícil prognóstico, nós conversamos co seu alcalde, o socialista Antonio Lomba, que como sempre nos atendeu con moita amabilidade
“ Imos traballar con intensidade máxima para obter nas eleccións do ano próximo a confianza maioritaria da veciñanza de A Guarda”
Levas desde o 2019 gobernando cunha situación aritmética moi débil, sodes 5 de 17, e porén semella que fostes capaces de manter certa estabilidade ?
Eu non diría “ certa estabilidade”, diría moita estabilidade
Ben, e que valoración global fas deste mandato?
Moi boa. Malia ruptura do goberno bipartito, tan estable que tivemos ao principio, e da pandemia que nos freou moito distintos proxectos pola imperiosa necesidade das administracións de dedicarse a resolver os problemas derivados da situación sanitaria, logramos axilizar moitos proxectos moi relevantes para a nosa vila.
Por exemplo?
A urbanización da primeira fase da rúa Coruña, o acceso Sur ao porto, que agardo que antes do final de mandato teñamos xa o proxecto encima da mesa con informe favorable de patrimonio ou a gardería da galiña azul, que para A Guarda era moi importante
E do desenvolvemento final de Concepción Areal quedaches satisfeito?
Si, está funcionando moi ben, a percepción que temos é que está funcionando tal como nós a tiñamos concibida, aínda que ese proxecto non estará totalmente rematado ata que non consigamos o acceso sur ao porto. Nese momento Concepción Areal só a van poder usar os coches das persoas que residan nesa rúa.
Sobre o acceso sur dicíasme que a final de mandato contabas con ter xa os informes favorables de patrimonio. E previsión de inicio de execución?
O que teremos é que buscar financiamento. O proxecto non é moi caro e teremos que petar nas portas da DEPO e da Xunta para conseguir os fondos necesarios. Nós temos o compromiso da Deputación de que van tirar para diante
Estades a facer algunha actuación na praza de abastos?
A praza está funcionando moi ben. Este ano faremos a última fase do proxecto da praza de abastos e deixaremos unha praza moderna, nova e moi bonita. Nós próximos días sacaremos a licitación os postos que aínda están libres
No pleno, creo que do mes de xullo, tivestes un importante conflito co BNG, ao que chegastes a acusar de mentireiros, en relación ao PERI 5.Cóntanos a posición do goberno ao respecto deste asunto?
O conflito reside nunha discrepancia sobre a finca de Fínola. Nós mercarámola a finais do mandato anterior. Esa finca está vinculada a ese PERI e a nosa idea é sacala dese PERI , cualificala como dotacional, eliminar a edificabilidade que tiña no PERI e que a nós non nos interesa, e utilizalo terreo como dotacional. A nosa idea é unila á alameda e facer alí un auditorio municipal.
O BNG di que podían conseguirse eses terreos sen necesidade de que nós mercaramos esa finca. Nós non estamos de acordo porque a ficha que había do PERI non permitía solo dotacional. Nós agora imos ter un solar municipal en pleno centro da Vila que ten moitas posibilidades. A nosa idea é facer un auditorio
Precisa un auditorio A Guarda?
Indiscutiblemente si
Vaise arranxar a conexión con Caminha a través do ferry?
Hai cousa dun mes estivemos en Portos de Galicia o presidente da cámara de Caminha máis eu mesmo pedíndolle que resolvan este tema. Como Portos deixou que se deteriorase moito o peirao agora a reparación é moi importante. O seu compromiso é estudar a situación do peirao e reparalo. Calculo que podería estar listo arredor do verán do 2023.Non depende de nós, senón da Xunta, pero estaremos vixiantes para que o fagan porque a comunicación con Camiña é fundamental para A Guarda
A situación sanitaria da vila mellorou?
Non, estamos practicamente igual, temos un serio problema de falta de médicos. A situación segue a ser deficiente non se cobren as necesidades que temos e supoño que pronto volveremos a ver a contestación social da cidadanía gardesa
A semana pasada estabas en Areas( Tui) nunha visita que fixo o presidente da Xunta ás obras da VAP que conectará ese polígono industrial coa vosa vila. Que nos podes dicir ao respecto desa obra?
Para nós esa infraestrutura é fundamental para o desenvolvemento social e económico da Guarda. Desde o primeiro momento estiven batendo na Xunta para que lle dera celeridade á súa execución e fun alí a escoitar os anuncios que fixo o presidente da Xunta .E o que lle dixen tanto ao presidente como á conselleira é que nós necesitamos de maneira imperiosa que se execute esa vía para que a xente, que así o desexe, poida desenvolver un proxecto de vida na Guarda
Este verán despois da obrigada parada pandémica volveron as festas grandes da Guarda, as festas do Monte. Como as valoras?
Ben, non foron todo o potentes que nos tiveran gustado. Nós respectamos o traballo da comisión que as organiza e somos conscientes de que houbo moita xente, pero insisto en que para min non tiveron a potencia necesaria para unha festa que é non só a máis importante de toda A Guarda senón de toda a nosa comarca. Nos próximos días sentarémonos coa comisión a facer unha valoración das festas e estudar as do ano que ven. Esta festa precisa un pulo e temos que darllo.
O mes pasado faciamos unha reportaxe cunha asociación local sobre o campo de concentración de Camposancos, e eu creo que á recuperación da memoria dos terribles feitos que aconteceron nese lugar si que o Concello debera darlle un pulo importante?
O grupo socialista da Guarda sempre tivo moi presente na súa sensibilidade. De feito desde os anos 70 sempre houbo xente vinculada co PSOE que loitou para recuperar a memoria tanto da foxa común de Sestás como do campo de concentración de Camposancos. Agora constituíuse esa asociación que mencionas e o concello está ao seu dispor para axudarlle no que precisen. O seu soño é conseguir un centro de interpretación dese campo de concentración e nós imos apoialos no que sexa necesario porque o que aconteceu nos campos de concentración é importante para a historia de España. Fíxate eu, que nacín aquí, cando era neno descoñecía a existencia do campo de concentración.
Vas ser o candidato do partido socialista nas municipais do ano que ven?
Xa sabes a resposta: Non é o momento de anuncialo agora. Farémolo cando corresponda
Pero tes a decisión tomada?
Si, téñoa pero anunciarémolo no momento oportuno
Que perspectivas tes para as eleccións?
Boas. Nós démoslle a esta vila catro anos de estabilidade, hai tranquilidade institucional, estamos sacando adiante os temas importantes, atendemos aos veciños e eu creo que o nivel de satisfacción é alto.
Se nos situaramos nun escenario, eu creo que verosímil e realista, no que a aritmética faga necesario un pacto co BNG, cal é a disposición do partido socialista?
Non quero contemplar ningún escenario hipotético ata o día despois das eleccións .Nós imos traballar con toda a intensidade posible para obter a confianza maioritaria da veciñanza.