Antonio Lomba alcalde de A Guarda

Antonio Lomba alcalde de A Guarda

Un ano máis achegámonos ata a vila de A Guarda para conversar co alcalde desta localidade tan importante para A Nova Peneira, e coñecer a súa visión do estado das cousas no seu pobo. E un ano máis Antonio atendeunos con moita amabilidade. Velaí vai o resultado da nosa conversa

O PP de A Guarda anda a bandazos , non fan oposición continua porque iso dá traballo”

Quero comezar falando da Pandemia que por fin parece, insisto parece , que estamos deixando atrás. Como está a situación na Guarda?

Coincido coa túa valoración e afortunadamente no noso pobo, como no resto de Galicia, as cousas van moi ben. O Sergas hai tempo que non me subministra información , o último día foi o 3 de outubro, e nese día tiñamos dous casos activos

Iso de que non che subministran información é algo que acontece coa Guarda ou é que o SERGAS xa non informa a ningún concello?

Eu supoño que será igual con todos os concellos

As persoas de A Guarda para vacinarvos como fixestes?

Tivemos que desprazarnos ata Vigo

Vaia, e que che parece ter que facer máis de 100 kmts, entre a ida e a volta, para pór a vacina?

Pois a min teríame gustado que se puxera un punto de vacinación na nosa comarca claro. Xa non é só a distancia o problema, que tamén, senón que a nosa comunicación co IFEVI é moi mala e quen non dispuña de coche tiña que ir ata a estación de autobuses e logo utilizar outro transporte para achegarse ao lugar de vacinación. E en verdade que para algúns o trastorno foi importante. Eu comprendo que é máis fácil organizalo así pero insisto que creo que na nosa comarca debería terse posto un punto de vacinación.

Outros alcaldes e alcaldesas cos que teño falado dinme que a Pandemia ocasionou un aumento notable de familias que precisan da atención dos servizos sociais do Concello para atender as súas necesidades máis básicas. Na Guarda notastes este fenómeno?

Si, e non só en relación a necesidades alimenticias ou outro tipo de cuestións básicas senón tamén no que se refire a necesidades de atención psicolóxica. Hai xente que está en situación de soidade e precisa algo tan básico, pero que ás veces está tan lonxe, como o calor da compañía. De feito nas fases máis duras da Pandemia tivemos un programa de voluntariado para atender a este tipo de necesidades

Estás contento de como responderon os servizos sociais do Concello?

Rotundamente si. Estou contento e moi orgulloso

Explícanos o recente episodio no que un policía municipal foi presuntamente agredido?

Foi un episodio que eu o inseriría nun clima cada vez máis acusado de falta de respecto ás forzas e corpos de seguridade, cando en realidade debe de ser o contrario pois eles dan o mellor de si mesmos para protexernos. O suceso aconteceu nun botellón, 2 axentes achegáronse e seica un grupo de persoas ,dos que alí estaban, agrediu ao axente

Como se encontra el ? ten algún tipo de lesión?

Non ten, afortunadamente, lesións importantes. Recibiu empurróns e algunha patada e o vehículo tamén foi danado. Pero o feito en si é grave e eu condénoo absolutamente

A policía municipal de A Guarda, non tiña o número de efectivos suficiente para que os axentes puideran desempeñar adecuadamente o seu traballo. Ese tema está xa solucionado?

Está en proceso de solución aínda que non solucionado de todo. Aumentamos o cadro de persoal en 3 efectivos algo que nos satisfai, pero a praza de xefe de policía seguimos sen tela cuberta

E falando de “cadros de persoal” Como está a situación do cadro do centro de saúde?

Igual de mal que sempre. Parece que cando a sociedade fai presión algo mellora pero logo volve a empeorar. O Centro de saúde ten déficit de persoal porque non se cobren as prazas vacantes cando hai baixas ou vacacións

De quen é a responsabilidade?

Da administración autonómica

Iso en canto ao cadro de persoal. E o espazo físico?. Eu non entrei nunca pero por fóra a sensación que me transmite é que precisa un lavado de cara?

Si, por fóra precisa un lavado de cara e se cadra hai algunha zona interior que tamén a precisa

A presión veciñal da sociedade guardesa, que reclama unha atención sanitaria digna, esvaeceuse ou segue existindo?

Segue existindo, de feito á manifestación que houbo en Vigo pola defensa da sanidade pública A Guarda fletou un autobús que en só dous días meteu a 57 persoas

Quen financiou ese transporte?

A mancomunidade

A principal empresa de A Guarda, IKF, ten un problema laboral moi serio e a día de hoxe 14 de outubro os seus traballadores están en folga. Cal é a túa posición ao respecto?

Estou moi preocupado por este tema. Para A Guarda sería inconcibible que esta empresa, a máis grande e antiga do Concello, non estivese. Eu o que lles pido, tanto ao comité de empresa como á dirección da fábrica, é que se senten a negociar e que acheguen posturas para entenderse. O conflito sempre é malo para todos e o entendemento é necesario

Sempre que entrevisto a algún alcalde ou alcaldesa fago unha pescuda previa nas redes sociais da oposición e chamoume a atención que nas do PP de A Guarda apenas hai temas concretos pois alén dunha crítica ao estado do Castelo de Santa Cruz, que eles describen como unha selva, non atopei nada. É unha selva o estado do Castelo de santa Cruz?, que pasa co PP, non che fai oposición?

Ben o Castelo a día de hoxe está razoablemente limpo, pero recoñezo que é unha zona que pola súa fisonomía é difícil de manter e que se presta a que se dean pequenos actos vandálicos.

En canto ao PP pois creo que andan un pouco a bandazos, non fan oposición continúa porque iso dá traballo e hai que estar a pé de rúa.

A situación aritmética do goberno que encabezas é complicadísima, como se pode gobernar tendo 5 de 17?

Teño a sorte de ter uns compañeiros e compañeiras moi válidas e de moita solvencia. E é o seu rigor, sumado a unha grande cantidade de traballo o que nos permite gobernar nestas circunstancias

Os orzamentos do 21 aprobástelos cunha cuestión de confianza. Que vas facer cos do 22?

Aínda non tivemos ocasión de comezar a preparalos pois estivemos tempo sen interventora. Acaba de chegar unha interventora nova e sentámonos con ela a tratar de resolver temas máis urxentes. Ata que resolvamos esas cuestións con ela non che podo dicir que vai pasar cos orzamentos do 2.022

Que nos dis do Transbordador a Caminha?

Por desgraza non estaba funcionando correctamente porque non podía transportar vehículos xa que a reparación que fixo Portos na plataforma de embarque non garantía con solvencia o embarque de vehículos e a semana pasada tivo que parar. Non pode ser que Portos non faga esa reparación de contado pois de non facerse témome que o transbordador deixe de existir xa que se non pode transportar vehículos perde o seu sentido.

Que valoración fas do estado da piscina municipal?

Creo que a cuestión económica está resolta e os postos de traballo están asegurados. A piscina é unha instalación antiga que precisa cambios nalgunha das súas pezas. Estamos traballando cunha enxeñería a ver se conseguimos captar fondos do IDAE para reformar o que sexa preciso reformar e lograr a eficiencia necesaria na instalación, e a prolongación da súa vida útil.

E no que atinxe á praza do mercado estás satisfeito de como está ?

Está pendente da última fase. Xa temos feito obras moi necesarias como a reparación da cuberta ou a accesibilidade dos baños. A cuestión que máis me preocupa é a existencia de postos vacantes .Para min é unha cuestión prioritaria licitar eses postos e tamén estamos traballando, como che dixen, na última fase da renovación da praza de abastos

En que consiste?

Nunha mellora estética para que resulte visualmente máis atractiva

O segundo acceso ao porto para cando?

Nós levamos unha pequena decepción co informe desfavorable de Patrimonio. Unha vez definido o problema o mesmo Patrimonio díxonos cal era a solución. Estivemos traballando uns meses antes do verán e levamos a Patrimonio a nosa proposta e eles dixeron que lles parecía óptima. Entendo que teremos o seu informe favorable e que nun prazo non superior a 6 meses xa estará o proxecto de acceso sur co que haberá que pórse a procurar financiamento

O BNG formula unha hipótese de trazado diferente neste tema do segundo acceso non?

Si, pero nós falamos con Patrimonio e non considerou outra hipótese distinta á nosa

Antonio Lomba vai ser o candidato do PSdeG nas próximas municipais?

A decisión non está tomada aínda. Eu estou moi ben con moito ánimo e forza e si que teño que dicir que me invade unha certa sensación de frustración pois é como se a Pandemia nos roubara parte do mandato pois nestes case dous anos non puidemos concretar algún dos proxectos que deberamos ter concretado

Rematamos . Nas próximas primarias do PSdeG vas apoiar a Gonzalo Caballero ou a Valentín González Formoso?

Eu o que espero é que o PSdeG saia deste proceso forte, unido e como unha opción gañadora en Galicia. Tamén quero dicir que entendo que o proxecto que representa Gonzalo Caballero non tivo o tempo suficiente para desenvolver toda a súa capacidade. Nós estamos moi satisfeitos co traballo do grupo parlamentar e é de xustiza agradecerllo porque sempre se fixeron eco dos nosos problemas