O PSdeG-PSOE de Pontevedra provincia recalca que a xustiza desacredita a Feijoo e a todo o PP mentres durán non dimita

Regades Carmela Silva PSOE

Regades: “É unha sentenza importante porque é a primeira vez que, con resolución firme, un alcalde galego é condenado por insultar a unha rival política con lamentables expresións machistas polo feito de ser muller”

Cada día que pasa e Feijoo permanece en silencio, permitindo que Gonzalo Durán continúe gobernando con carné do Partido Popular mancha un pouco máis esas siglas”

Valencia, 16 de outubro de 2021.

A sentenza da Audiencia Provincial que declara firme a condena contra o alcalde de Vilanova de Arousa, Gonzalo Durán, polos seus intolerables insultos machistas contra a presidenta da Deputación, Carmela Silva, non desacredita só a Durán, senón tamén directamente ao presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijoo, e ao Partido Popular mentres o condenado non dimita. Así o afirma o secretario xeral do PSdeG-PSOE de Pontevedra, David Regades, dende o Congreso Federal do PSOE en Valencia, onde está a participar xunto coa propia Carmela Silva.

Regades recalca que é a primeira vez que unha sentenza firme determina que un alcalde galego insulta deliberadamente a unha rival política polo feito de ser muller. “Cada día que pasa e Feijoo permanece en silencio, permitindo que Gonzalo Durán continúe gobernando con carné do Partido Popular mancha un pouco máis esas siglas; o PP non pode dar cobixo a un señor condenado por machismo”. Regades apela tamén á conselleira de Igualdade e á secretaria xeral de Igualdade, “que quedan nunha posición insostible”. “Máis aínda”, continúa David Regades, “todo o discurso político da Xunta de Galicia a prol da Igualdade está agora mesmo coa credibilidade polo chan”.

O representante do PSdeG provincial recalca que “os insultos machistas, sexistas, ofensivos e vexatorios de Durán son xa feitos probados e, como determinou o tribunal, nada teñen que ver coa liberdade de expresión, senón cun intolerable ataque persoal contra Carmela Silva pola súa condición de muller”. “Unha forza política democrática e de goberno, como o Partido Popular, debería manifestar tolerancia cero de xeito inmediato con este tipo de comportamentos”. “Feijoo xa debería ter apartado ao aínda alcalde de Vilanova cando proferiu eses insultos”, conclúe Regades, “tivo unha segunda oportunidade coa sentenza de primeira instancia e agora chégalle un auténtico ultimátum coa sentenza firme, que non só confirma a primeira, senón que é aínda máis dura”.