Martín Acuña eJuan José “CHARANGO”, técnicos deportivos das Escolas Municipais do Concello de Salceda de Caselas, e Manuel Ramiro, colaborador das Escolas Deportivas

Martín Acuña eJuan José “CHARANGO”, Técnicos deportivos das Escolas Municipais do Concello de Salceda de Caselas, e Manuel Ramiro, Colaborador Das Escolas Deportivas

Salceda é unha vila que posúe unha peculiaridade significativa pois é unha das poboacións do país galego nas que existe un índice de natalidade máis elevado. Resulta enormemente agradable gozar do solpor outonal, na fermosa praza principal da vila de Salceda, e cruzarse con moreas de nenos e de nenas que xogan e desfrutan dos azuis e luminosos días da súa infancia. En calquera localidade na que haxa un importante volume de mozas e de mozos a administración debe procurar a existencia dunhas instalacións deportivas suficientes e de calidade, para poderen gozar do seu tempo de lecer practicando deporte. En Salceda existen unhas escolas deportivas con máis de 20 anos de antigüidade e nós alá fomos a coñecer aos dous técnicos que nela traballan, Martín e Charango, asemade tamén tivemos o pracer de conversar con Manuel. El é un vello amigo da nosa casa e é desas persoas que paga a pena cruzarse no camiño pois dedica boa parte do seu tempo `persoal a axudar aos demais .Manuel organiza torneos deportivos solidarios sempre en beneficio das necesidades de outros. Os tres interlocutores son salcedeses de pura cepa . Velaí vai o resultado da nosa conversa

Cando naceron as escolas deportivas de Salceda?

Naceu no ano 1999, o pobo xa levaba tempo demandándoas e foi neste ano cando as demos de alta por iniciativa do Concello.

E xa comezastes de aquela nas escolas?

Martín: Todos non, comecei eu con outro compañeiro chamado Jabucho, despois Alberto e logo viu Juan (Charango), que leva 15 anos con nós.

Nos inicios das escolas deportivas que disciplinas abranguen?

Comezamos con fútbol sala, balonmán, atletismo e fútbol.

Que receptividade atopastes na mocidade de Salceda?

Ao principio moita porque xa había moita cultura do deporte escolar.

E a práctica deportiva é máis atractiva para os nenos, para as nenas, ou igual para os dous xéneros?

Nós aquí, por sorte, temos unha porcentaxe moi parella entre nenos e nenas e agora chegamos aos 550 alumnos e alumnas.

Martín, ti que formación tes?

A parte do bacharelato, diferentes cursos de técnico deportivo.

E ti Charango?

Eu o mesmo, pasei por diferentes carreiras na universidade pero rematei facendo os cursos de técnico deportivo tamén.

E desde que comezou a escola, despois desa boa receptividade, seguistes crecendo en alumnado?

Si, aumentamos a oferta e aumentan os nenos e nenas todos os anos. Agora temos oito disciplinas distintas.

Cales son?

Tenis, bádminton, patinaxe, baloncesto, balonmán, judo, fútbol sala e capoeira.

Aquí, a parte de volos dous, hai máis técnicos que veñen traballar non?

Si, en cada área hai un coordinador e varios adestradores, senón sería imposible.

Eses 550 nenos e nenas, que abano de idades abrangue?

De tres a dezaoito anos.

Entón unha persoa maior coma nós non podería practicar deporte aquí?

Si, podería alugalo pavillón ou vir a través dos clubs. Actividades para maiores temos tenis e bádminton

Que tipo de relacións tedes coa escola Denis Suárez?

Temos boas relacións, eles só teñen fútbol e nós o resto dos deportes. Antes si que tiñamos fútbol pero a través dun acordo pasáronllo para eles.

E iso que vos pareceu?

Home en principio moi ben non sentou pois nós non fomos consultados previamente. En calquera caso as relacións profesionais con eles son boas, temos que coordinarnos nos horarios da instalación do campo de fútbol de Penedo Redondo As cuestións que decidan os políticos non son cousa nosa, nós ocupámonos do deporte e xa che digo que con eles moi ben

En que goberno quitáronvos o fútbol?

No mandato pasado

Tedes algunha colaboración privada?

Cando hai algún torneo si, para mercar os trofeos e demais. A nivel de escola, o patrocinio que temos é para mercar equipaxes, material ou roupa deportiva.

As instalación que tedes no pavillón son as axeitadas e suficientes para todo o volume de disciplinas deportivas que tedes, ou insuficientes en algún aspecto?

Axeitadas son, o pavillón está moi ben, pero son insuficientes.

E que necesita?

Máis espazo. Hai equipos que por falta de espazo non poden coller máis rapaces e rapazas.

E que solución tería isto, unha ampliación, un pavillón novo?

Un pavillón novo estaría moi ben. Os técnicos tamén están vendo si se podería cerrar e anexar onde están as pistas polideportivas que temos detrás do pavillón, pero estas tamén pertencen a educación e creo que non se vai poder facer.

E falastes coa administración para poder facer un pavillón novo?

As administracións saben a falta de espazo que temos no pavillón. Nós vimos advertíndoo desde que se disparou a natalidade

Entón nin Chicho, nin Marcos, nin Loli atenderon a esta petición?

Este pavillón inaugurouse en 1.995 pero quedouse pequeno. Logo físoxe convenio co IES Pedras Rubias para o uso do pavillón do instituto e ultimamente estase a empregar o pavillón de Entenza. Aínda así hai necesidade de máis espazo .Esta é unha reclamación que fan os clubs todos os anos aos distintos equipos de goberno.

E as escolas deportivas como se financian?

Fundamentalmente pola subvención do Concello, os usuarios das escolas deportivas pagan unha cota mensual ou anual, e con diferentes subvención de outros organismos como a Xunta de Galicia ou a Deputación de Pontevedra.

E con estas vías de financiamento chegan para soster economicamente a escola deportiva?

Aquí máis ou menos estamos cubertos.

As cotas que pagan as familias poden ser flexibles, unha familia que o estea pasando mal ten algún tipo de axuda por parte das escolas deportivas?

Si, claro. Hai familias que poden fraccionar as cotas durante todo o ano Tamén hai algúns nenos e nenas que non pagan nada por baixos ingresos familiares e veñen a través dos servicios sociais. Non hai ningún neno nin nena que se quede sen facer deporte porque as familias non poidan asumir o gasto.

Agora imos a falar dos torneos, que nos tedes que dicir sobre eles? En que consistían?

Fixemos cinco edicións de torneos de fútbol sala e sempre para recadar diñeiro para unha acción solidaria.

As tres últimas edicións foron para recadar cartos para o equipo feminino de fútbol sala de Salceda que estaba en liga galega e o diñeiro que lles aportaba o Concello era insuficiente para soportar esta competición.

As dúas primeiras foron para recadar fondos para a investigación dunha enfermidade neurolóxica dexenerativa chamada Rett. É unha enfermidade que non ten cura, leva a investigación o Hospital Sant Joan de Déu Barcelona. Teñen a única liña de investigación aberta a nivel nacional e os fondos eran para aí.

E a aceptación que tiveron estes torneos na sociedade foi a esperada?

Si, son torneos moi divertidos e tivemos uns 50 equipos competindo. Cada día había 24 partidos e os torneos duraban unha semana. As inscricións eran para maiores de 16 anos e os gañadores levaban como premio unha pata de xamón, un trofeo e unha cena. Logo tamén había premio para o equipo máis divertido e viñan xogadores disfrazados, risas… para min as mellores eran as mozas que tiñan máis imaxinación para os disfraces.

Como anécdota, o primeiro ano tivemos problemas cos árbitros porque ao ver a xente disfrazada non lles querían deixar xogar.

E conseguistes recadar moitos fondos para doar?

A base de traballar moito, os torneos saen caros

E porque non se seguiu despois da quinta edición?

Desde que nos viu esta pandemia do Covid-19 temos todo parado. Esperamos poder seguir, se as circunstancias o permiten, para o ano que ven. Sempre se celebra por xullo na semana das Festas do Cristo, veñen equipos de nivel desde Tui ata Pontevedra, hai piques entre eles e facemos unha boa festa, despois do torneo convidamos a pinchos a todos os participantes e son uns torneos moi divertidos.