Sempre presentes

Centro Comercial Tameiga Mos A Nova Peneira
A Tameiga Mos A Nova Peneira
Antonio Cajide | Presidente da Comunidade de Montes de Tameiga

O 2019 foi un ano agridoce, cheo de grandes fitos protagonizados pola veciñanza comuneira pero non falto de desgustos e amarguras. Pero postos a escoller, eu quédome coa veciñanza tinxida de verde, a solidariedade cotiza a alza en Tameiga. As veciñas e veciños comuneiros acudiron prestos a cada cita na defensa dos montes comunais: andainas, palestras, manifestacións, concentracións,… Sempre presentes. 

Enchemos de dignidade a praza do Concello cunha participación histórica; máis de trescentas persoas percorremos os montes de Tameiga nunha andaina solidaria; nunca un profesor en economía aplicada tivo unha audiencia tan entregada como a veciñanza que abarrotou o auditorio do Pazo de Mos e levamos a marea verde a Compostela na defensa do monte galego e a Vigo camiñando xuntas polo clima. A veciñanza nunca defraudou, sempre presente. 

Un orgullo compartir parroquia cunha veciñanza que defende a súa dignidade como comunidade, que non deixa que de fora lle impoñan como ten que ser e pensar. 

Para salvar o nosos montes comunais nunca camiñamos sós. As comunidades de auga afectadas e a asociación veciñal da parroquia apretan cóbado con cóbado connosco como numantinos. Temos tamén o respaldo de todo o movemento ecoloxista (Greenpeace, Verdegaia, Ecoloxistas en Acción, Adega, Fridays for future,…) e das centrais sindicais do país (CIG, CCOO, CGT, CUT, UGT,…). E desde hoxe tamén contamos co recoñecemento da ONU pola nosa denodada labor por manter os montes e os seus usos comunais fora do alcance da especulación. A propia organización mundial fai un chamado ás administracións tanto local como autonómica para que respecten a vontade da veciñanza comuneira expresada democrática mente nas súas asembleas. Pero a cobiza ten sordeira crónica. 

O camiño non estivo exento de amarguras. A desazón foi grande vendo como se criminalizaba ás directivas das traídas e como se ensañaban contra os meus compañeiros e compañeiras de xunta reitera. Contivemos a rabia vendo como se trataba como delincuentes ás veciñas e veciños por exercer  uns dereitos democráticos tan básicos como os de libre asociación e libertade de expresión. Dispararon acusacións contra todo aquel que levantou a voz denunciando a inxustiza. Abusando dos poderes do cargo intentaron intimidarnos e desacreditarnos para que a veciñanza perdera os seus referentes e rematara sumisa ás agresións. Anunciaron tantos delitos e detencións que segundo eles media Tameiga debería de estar xa entre rexas, pero o certo é que estamos todos e todas na casa tomando tranquilamente o turrón. Mentres, quen pode rematar tendo serios problemas coa xustiza son os promotores da operación especulativa. A alongada sombra da sospeita cérnese sobre eles. Agardamos que a fiscalía abra dilixencias en base as múltiples irregularidades detectadas na concesión.

Ante a absoluta carencia de apoio popular agora queren construir a falacia de que as eleccións municipais foron un plebiscito sobre o seu proxecto pero a parroquia lembra como asaltaron casa por casa xurando que nunca expropiarían o monte de Tameiga e que nunca farían nada sen o consenso da comunidade. Se as mentiras foran comestibles, en Mos hai tempo que tiñamos rematado coa fame do mundo. 

Moito se empeñan en facer ruído mediático simulando o Macro Centro Comercial como algo feito, pero o seu despropósito segue estando fora de toda ordenación e así quedará ante a marea de alegacións que vai inundar o Concello de Mos para parar o proceso de expropiación e recualificación dos montes comunais. 

Axítanse e revólvense contra nós porque a tempestade mudou ao seu barrio mentres en Tameiga brila o sol da solidariedade. Mentres a veciñanza comuneira estea sempre presente teño a segura certeza de que NON PASARÁN!.