Despois de 12 anos na alcaldía, Marcos Besada, cedía a testemuña, o pasado maio, á súa compañeira de Movemento Salceda Loli Castiñeiras. A aritmética deste concello non é doada, de feito o goberno municipal xurde dun acordo entre MS e o PSOE que fará a Loli alcaldesa os dous primeiros anos do mandato, e a Verónica Tourón do PSOE os dous últimos. Achegámonos ata o concello de Salceda a coñecer e a conversar con Loli.
Para min, Loli, que xa estiven aquí varias veces resulta un tanto estraño, non ver a Marcos, como lle vai a vida?
O Primeiro benvidos, estou encantada de recibirvos. Marcos, para min, é unha persoa especial tanto desde un punto de vista político como humano, podo dicir con orgullo que é o meu amigo, afortunadamente el está moi ben.
Supoño que estará máis tranquilo e con menos presión, non?
Máis tranquilo e sosegado. Pero eu sempre lle digo que vai ser político toda a vida.
Esa tranquilidade que gañou Marcos e a presión que perdeu, supoño que para ti sería o proceso inverso?
Poder ser, teño maior responsabilidade abofé que si, pero lévoo moi ben, con moita ilusión e cunha actitude moi positiva. Eu levaba oito anos formando parte dos diferentes gobernos de Salceda, e teño maior responsabilidade porque son unha persoa moi responsable, pero tamén son unha persoa de equipo e iso supón repartir un pouco as cargas, aínda que a decisión final sexa miña, é compartida. Gústame consensuar sempre co equipo de homes e mulleres que me rodean. Neste caso mulleres, que somo maioría.
A situación aritmética do Concello de Salceda é un pouco peculiar, ti vas ser alcaldesa dous anos e Verónica Tourón do PSOE vai ser alcaldesa outros dous. Esta cohabitación esixe un nivel de compenetración moi elevado e de comunicación moi importante, porque senón sería moi difícil traballar. Existe ese nivel de compenetración e compatibilidade coas túas compañeiras do PSOE?
Esta é a pregunta que máis me repiten ultimamente, e sempre digo o mesmo, a relación é excelente. Sei que é un acordo peculiar pero non podiamos permitir que chegara o goberno do PP a Salceda. Tivémolo claro desde o principio, e nun exercicio de responsabilidade e madurez, decidimos, Movemento Salceda e PSOE, chegar a un acordo . Este vai ser, sobre todo, produtivo para os veciños. Temos un equipo que funciona, estable e con maioría. Isto da unha tranquilidade tremenda
En feitos concretos, que se fixo nestes seis meses polos veciños e veciñas de Salceda?
En canto a obras, rematamos algunhas que eran moi importantes e deron outra imaxe a Salceda. A obra da Devesa; a do antigo Campo da Feira, que mudou por completo a visión de entrada á vila, máis accesible e moderna. Falamos tamén do espazo da Gándara, unha zona humanizada e que se recuperou para a accesibilidade.
Un pequeno inciso. Nas redes sociais do PP definen a obra da Gándara como unha autentica chapuza.
Supoño que para o PP son “chapuzas” porque non as fixeron eles. Totalmente en desacordo coa súa opinión. Creo que é un exemplo de humanización e incluso de mobilidade. Está avalada pola Deputación de Pontevedra e polos seus enxeñeiros, non sei con que criterio fan esta crítica. Cando se fai unha crítica ten que ser responsable, baseada en argumentos sólidos, e non que se diga unha chapuzada sen máis. Que definan as súas críticas e se cadra poden aportar argumentos para mellorala..
Foron meses de moitas obras ao mesmo tempo, que xeraron moitas dificultades para a veciñanza, pero o que conseguimos foi unha vila moito máis fermosa e moito máis accesible, que coida, sobre todo, dos colectivos que nos importan. Infancia, maiores e as persoas con discapacidade.
Aquí tamén quero falar das parroquias. Desde a remodelación da antiga escola de San Xurxo para convertela en centro onde se atenden enfermidades neurodexenerativas en colaboración con AFAGA, desde Parderrubias a mellora do Penedo Redondo para que diferentes clubs deportivos e a nosa escola de fútbol Denis Suárez segan tendo cobertura e poidan ampliar a súa capacidade de nenos e nenas, as melloras viarias na Petoa, na feira ata o enlace que une parroquias como Parderrubias e Soutelo. As parroquias tamén son Salceda e a nosa atención con elas vai ser especial.
Isto é no que se refire as obras, pero para min hai algo fundamental que son as pequeniñas cousas que afectan á nosa veciñanza, para coñecelas saímos á rúa e preguntamos, escoitamos e procuramos solucionalas
Salceda ten unha peculiaridade importante, en plena crise demográfica sodes das vilas de todo o país cun índice de nenas e nenos máis elevado.
Si, que gusto dá escoitar isto.Onte escoitei os datos de que Galicia é a comunidade que máis poboación perde, estamos a un nivel de nacementos dos anos corenta, e pensei, que sorte teño como alcaldesa porque a nosa vila ten moitísimo futuro. Temos unha media de nacementos en torno aos cen ao ano.
Que explicación ten ese fenómeno? Sodes moi felices e facedes moitos fillos e fillas?
Ha ha ha. Isto poeticamente está moi ben pero, penso que é un resultado de termos realizado, os gobernos de Marcos Besada, políticas adecuadas baseadas na creación de servizos que lle facilitaran a vida ás persoas, como por exemplo: comedor escolar, a gardería Galiña Azul, acción temperá, gabinete de logopedia e pedagoxía, un Centro de Saúde novo..
Falemos do novo Centro Médico.
O Centro de Saúde foi unha loita e unha pelexa de anos tremenda. Teño que recoñecer e valorar a xestión do conselleiro Almuíña. O prazo de inauguración está previsto para maio do 2020 e todo apunta a que incluso podería estar antes. O día que inauguremos o Centro de Saúde estarei moi contenta, pero temos que estar atentas e en comunicación co equipo de médicas e médicos do noso Centro de Saúde polo plan dotacional. Salceda necesita outro médico ou médica que xa está comprometido polo Sergas, pero precisamos Pediatría, só temos unha pediatra para unha poboación de 1600 nenos e nenas, así a atención pediátrica non é posible.
Que tedes pensado facer co edificio onde está o Centro de Saúde vello?
A idea fundamental é transformar ese edificio nun Centro Cívico. A sociedade de Salceda é moi dinámica, temos moitas asociacións e colectivos que moitas veces non teñen espazo onde desenvolver as súas iniciativas..
Antes cando falabamos da oposición do PP, estes mencionaron que o voso goberno é un goberno de malgasto. Supoño que estarás en desacordo?
Gustaríame que concretasen cando xeneralizan. Non podo estar máis en desacordo. Se consideran propaganda deste goberno o patrocinio a deportistas de elite para que sigan adiante coa súa carreira deportiva, investir con dípticos informativos ou nos medios de comunicación para trasladar con transparencia á cidadanía o que fas desde o concello, ter un salario digno ou unha nómina. Eu chámolle malgastar a outro tipo de cousas que fai o PP e que non paga a pena mencionar.
A oposición do PP non é unha oposición construtiva ao teu xuízo?
Vou xulgar este inicio de mandato. Tratamos que formen parte dos grandes proxectos e contar coa súa opinión. Non teño ningún problema en ir da man do PP, do PSOE e de ningún outro partido. Falar con calquera outra administración, sexa da cor que sexa. O que quero é conseguir resultados para a nosa vila.
Esa a túa actitude política, a busca de consenso no beneficio dos salcedenses. Eu pregúntoche a túa valoración sobre a actitude política da oposición do PP. É construtiva ou non?
Agora mesmo seguen nesa liña de destrución. Durante o último ano do anterior mandato sufrimos un acoso tremendo a través das redes sociais. Eu sei que a veciñanza sabe que detrás deses perfís falsos estaba o PP cunha campaña demoledora.
Estamos a piques das festas do nadal. Definídelo como un programa de nadal diferente, por que?
É diferente porque é o noso, fixemos un tremendo esforzo para que estes colectivos dos que levamos falando na entrevista véxanse representado. Pretendemos que ese respecto a nosa cultura e a nosa lingua estea presente.
E para o entroido, xa tedes algo pensado?
Este é como o noso sinal de identidade. Temos a sorte de contar con colectivos sociais tan importantes que xa un pouco o cociñan eles, só temos que encaixalas pezas. No entroido tradicional da Feira e Barreiro, aí non te metas….Converten ao domingo do entroido no máis especial, rechamante, numeroso…
De todo o país galego problablemente.
Eu vou ser algo máis humilde e vou dicir da Comarca ou da Área Metropolitana.
Como son as relación do Concello coa Deputación de Pontevedra e a Xunta de Galicia?
A miña relación coa Deputación é excelente. Agora e nos mandatos anteriores. O traballo da Deputación con Salceda é moi bo. O Plan Concellos, a min paréceme unha forma excelente de traballar.
Atendendo a criterios obxectivos como poboación, dispersión e extensión.
Encantaríame que estes criterios foxen utilizados pola Xunta, téñoo clarísimo, aos concellos daríalle un aire e unha vida nova.
Coa Xunta aínda non teño ningún tipo de relación, solicitei tres entrevistas con diferentes consellerías e supoño que me recibirán como reciben a outros alcaldes e alcaldesas.
Hai moito tempo que as solicitaches Loli?
A primeira vai facer dous meses, e as dúas últimas coa Consellería de Educación e a de Estruturas fará un mes e medio, terei que darlles algo máis de tempo. Arrincaremos o ano intentando que me reciban como o fan cos demais. Espero que non sexa pola cor política e vou a crer que me recibiran pronto.
Imos rematando, iniciamos a Conversa cunha pequena confusión, eu pensei que te coñecía da última Gala que fixemos en xaneiro. No ano 2021 teremos a seguinte, en xaneiro aínda serás alcaldesa. Espero contar contigo e que poidamos vernos nese momento.
Non puiden asistir como concelleira, pero penso asistir como alcaldesa.
Mira que queda gravado, estás obrigada.
Por iso o digo.