O PP pretendía hipotecar o futuro da vila
O Porriño, 29 de xullo de 2022
Os orzamentos presentados polo PP non son nin realistas, nin serios e non están traballados. Supoñen unha hipoteca de máis de 9 millóns de euros en inversión sen especificar, unha tomadura de pelo a todo O Porriño e uhha falta de respecto ao resto da Corporación.
O Porriño leva sen orzamentos dende o 2018 e urxe ter uns que se axusten á nosa realidade. A proposta levouse ao Pleno con mala fe cara á veciñanza. Sabendo que non poden saír adiante buscábase a escusa para culpar ao resto dos grupos da súa desastrosa xestión. Non aseguraban nin a solución ao paso a nivel, nin vivenda protexida, nin saneamento, todo fume.
Os informes de intervención poñían en dúbida que se puidera afrontar o pago dunha operación de crédito de máis de 9 millóns de euros, máis do 50% do orzamento actual. A estas alturas do ano xa chegan tarde e o máis sensato sería estar a traballar xa nos do vindeiro, consensuando con todos os grupos un plan de inversións viable, sempre e cando exista intención de sacalos adiante.
O anterior goberno era inoperante, este caótico e cun alcalde máis influencer que xestor, un relacións públicas que non defende ao Porriño e ao que non toman en serio nin na Xunta do PP cando pretende empeñarnos en 9 millóns en vez de conseguir fondos.