O Peixe escorpión e o nacionalismo galego

Ana Pontón 25 de xullo

“O Peixe escorpión” é o segundo dos libros ,e ao meu xuízo o de máis calidade, dunha extraordinaria triloxía que coa temática das viaxes escribiu o autor suízo Nicolas Bouvier. Nestas tres obras o autor describe as circunstancias dunha longa viaxe persoal, que entre 1953 e 1956, xunto cun amigo seu, o levou a percorrer desde a antiga Iugoslavia ata a India. No libro cuxo título encabeza este artigo, como Adrián Solovio en “Arredor de si”, Bouvier logra penetrar no máis profundo de si mesmo e chega á conclusión de que cando iniciamos calquera traxecto pensamos que imos facer unha viaxe, pero na realidade é a viaxe a que fai, ou a que desfai ao viaxeiro. En certa medida todas as persoas que nos sentimos galegas de nación, e que nalgún momento das nosas vidas tivemos a necesidade de contribuír, na forma que puidemos, quixemos e soubemos, a que este país non desapareza de todo, tamén facemos unha viaxe, paralela á propia andaina persoal inherente a cada ser humano, que nos fai ou nos desfai como suxeitos políticos.

O pasado 25 de xullo, día da nación galega, estiven, como case sempre nas tres últimas décadas, na manifestación en Compostela convocada polo BNG. A asistencia foi impresionante, unha das máis numerosas que recordo en toda a miña vida. O extraordinario ambiente de ilusión e esperanza que se respirou ao longo de todo o día faime presumir que o nacionalismo ten aínda un inmenso potencial de crecemento que coido se reflectirá nas eleccións municipais do ano próximo. E o silencio co que os grandes medios de comunicación ocultaron deliberadamente un feito de tal dimensión amosa que a xenreira e o medo atávico, propios da mentalidade colonial española a todo o que cuestione o estado das cousas , unha vez máis non nos van deixar xogar en igualdade de condicións pois o que o presidente Sánchez definiu como “unha democracia plena” non se axusta á realidade, é simplemente falso.

A manifestación rematou co discurso da portavoz nacional do Bloque, algo longo de máis segundo o meu punto de vista, no que fixo unha diagnose acertada sobre a situación do noso país: a dereita nepotista goberna ao servizo dos intereses das elites económicas empobrecendo ás maiorías sociais , no que formulou un modelo alternativo adecuado: é preciso que o pobo galego poida xestionar por si mesmo os seus intereses, e no que expresou o único camiño posible para mudar o desexo en realidade: cómpre que o nacionalismo sexa maioritario no conxunto da sociedade galega.

Cando eu tiña 13 anos , grazas a un profesor de Moaña, iniciei o meu particular “ peixe escorpión “ polo universo do nacionalismo galego. Nestes 39 anos compartín camiño con moitas persoas, cometín infinidade de erros, e tamén algún acerto, presenciei fenómenos que, como o eterno retorno de Nietzsche, se repiten constantemente, entre eles a pesada tensión entre o posibilismo e a ortodoxia, e coñecín persoas marabillosas que sempre mantiveron a mesma posición intelectual: a meta da viaxe ten que ser conquistar o corazón da maioría social do noso pobo. Si, Ana Pontón ten razón : non hai outra maneira de mudar a realidade que loitar de maneira incansable por sermos moitos e moitas máis, pelexar de maneira infatigable por facerlle ver a quen non o ve aínda que somos un país rico con potencias inmensas que non podemos aproveitar porque non temos a capacidade política para xestionar os nosos propios recursos. Só así, só nese estadio de cousas, poderá ser posible evitar que a nosa identidade se dilúa nas brétemas da historia, que o noso idioma morra, que as nosas fragas milenarias sexan transformadas en inmensos parques eólicos que enriquezan a Madrid, que o eucalipto siga colonizando os nosos montes, que os nosos sectores produtivos desaparezan e que nos convertamos nun país de camareiros e camareiras cuxo único horizonte vital sexa servir aos turistas. Os homes e mulleres que algún día iniciamos unha viaxe sen retorno polos camiños da nazón de Breogán, non podemos parar nunca de viaxar, non debemos deixar de sumar xamais. Debémosllo a quen estivo antes e a quen virá despois