A froita e o can

Tino Lago director a Nova Peneira
Tino Lago director a Nova Peneira

A modo de celebración das festas de Nadal do ano 2024 o PPdeG distribuíu un vídeo publicitario no que unha das súas secuencias consistía en que un autobús que conducía o propio Alfonso Rueda era saudado fervorosamente na rúa por unhas persoas que estaban nun posto de venda ambulante de froita decorado co seguinte cartel “ Me gusta la fruta”.Lembremos que a devandita parvada, carente da máis mínima graza, alude ao momento en que a presidenta da Comunidade Autónoma de Madrid insultou gravemente ao presidente do goberno do estado Pedro Sánchez chamándoo “ Hijo de puta”no parlamento español.

Aos creativos do partido popular de Galicia non lles debeu de parecer suficiente facer unha evidente apoloxía do insulto nas festas do pasado ano, e nesta ocasión volveron editar un vídeo ridículo, para supostamente celebrar o Nadal,que contiña varias secuencias lamentables e puerís ao nivel intelectual que podería ter un adolescente caprichoso tratando de obter un número elevado de gústames, nas redes sociais, con vídeos agresivos e ofensivos cara a calquera outro adolescente obxecto da súa estulticia.

A película en cuestión trataba de representar unha cea cociñada polo propio presidente do país destiñada á totalidade do pobo galego.Porén os únicos comensais eran destacados membros do PPdeG nunha metáfora preciosa do que é a xestión pública para a dereita: “Todo o país somos nós, e aquí os únicos que comemos somos nós”.Nas conversas amósase a importancia que ten o idioma galego para o PP en xeral e para o presidente de Galicia en particular, pois o máis grave non é que algún dos comensais fale en español, esceas buscadas que claramente pretenden presentar unha situación de convivencia normal entre as dúas lingua que se falan no noso país, algo que é irreal e acientífico.En Galicia vivimos unha situación lingüística de diglosia de manual: A lingua propia do país está a piques de morrer fagocitada por unha lingua máis poderosa. E falsear a realidade científica presentándoa como unha situación de convivencia normal entre dúas liguas, que son faladas por cada persoa en liberdade no momento que desexe, é mentir e é contibuír de maneira absolutamente irresponsable á morte do noso idioma por parte de quen debería ter a máxima responsabilidade de protexelo. Porén o máis grave no que a lingua se refire é, ao meu xuízo, que nas partes das conversas en idioma galego ás veces utilizaron léxico castelán para referirse a significados que teñen voces propias no noso idioma.Así por exemplo ao peixe sapo chámano ” rape”.Pero que falta de respecto é esta ao idioma galego por parte da máis alta autoridade de Galicia?. É que o noso idioma impórtalles un nabo de tal maneira que nin se lles ocorreu o máis básico: que un lingüísta revisara o vídeo antes de editalo?.O certo é que considerando que o noso presidente ten asistido a algunha manifestación dos extremistas de ” Galicia bilingüe”, agora ” Hablemos español” antes de ocupar o cargo que agora ocupa resultaba moi complicado ter algunha expectativa razoable sobre a súa implicación na protección da única lingua propia de Galicia.

O nacionalismo tamén ten o seu oco no simpático vídeo dos populares galegos. Así: unha muller representa á figura de Ana Pontón como se fose unha desequilibrada mental que dixera que non a todo por sistema, porque si, non a todo sen razón algunha para dicir que non. Esta forma de facer política: presentar o que son as lexítimas diferenzas de modelos sociais que defende o adversario como se fosen unha especie de patoloxía, que lle leva a dicir que non a todo por sistema, é outra forma de enganar e manipular á sociedade. Non, nin os políticos do PP nin os do BNG están tolos, o que acontece é que ambas forzas políticas defenden formas diferentes de organizase socialmente e por conseguinte é normal que ambos rexeiten o que propoñen os outros.

Pero o máis grave dese disparatado vídeo chega coa escena na que alguén trata de entrar á cea cun “perro”.Ollo, non cun can, senón cun “perro”. E o presidente Rueda esboza unha evidente carantoña de desgusto ante quen claramente trataba de representar a “ Perro Sánchez”.De novo os creativos do PPdeG consideran que insultar a un adversario político, neste caso chegan a animalizalo, é unha forma divertida de felicitar as festas ao conxunto do pobo galego.

A fin de ano, como é habitual, o noso presidente tirou outra mensaxe de felicitación. Para outra ocasión queda a analizar o intento de apropiación indebida da figura de Castelao, pero desta volta quixera rematar este artigo co seu “ Todos facemos falta e non sobra ninguén”.Claro todos facemos falta agás os do BNG que son uns desequilibrados mentais e din que non a todo por sistema, e todos agás os do PSOE cuxo SX é un “ Perro ao que lle gusta a froita”.