Que coman pasteis¡

María Antonieta para (foto historia y leyenda.com) Feijoo de vacacións sobrevaloradas
Tino Lago director a Nova Peneira
Tino Lago director a Nova Peneira

María Antonieta foi a última raíña de Francia. Ela nacera en Viena no ano 1755 e converteuse en soberana do estado francés en 1774, despois de casar catro anos antes co futuro Luis XVI. Abofé que esta moza non escolleu un bo momento para deixar a súa Austria natal e marchar a vivir aos suntuosos pazos dos monarcas franceses, pois 15 anos despois do seu matrimonio tería lugar un dos episodios máis significativos da historia da humanidade:A revolución francesa. Si, aquela da liberdade, igualdade e fraternidade que acabaría por condenar á parella de monarcas a ser guillotinados. María Antonieta foi executada en 1793 , un ano despois de que a monarquía francesa fose formalmente abolida.

A esta raíña atribúeselle a expresión que titula este artigo, no contexto do inicio das revoltas campesiñas. Seica María Antonieta interesouse polas causas que motivaran o estoupido dos disturbios , e alguén a tería informado de que os campesiños protestaban porque non tiñan pan para comer, e sería nese momento cando a soberana contestou:”Pois que coman pasteis”.

Non é posible constatar de maneira certeira se o episodio é real ou ficción, pero en calquera caso a expresión “ Que coman pasteis” acabouse por converter nun símbolo da insensibilidade ante o sufrimento alleo de quen vive encerrado nunha torre de cristal e, ou ben non ten capacidade para darse de conta da dor dos demais, ou ben si ten esa capacidade pero o certo é que non lle importa.

Cando alguén queira expresar de maneira simbólica esa insensibilidade ante os problemas dos outros xa pode ter onde escoller para referila de maneira apropiada, pois alén do clásico “ que coman pasteis” ten a opción de optar polo aforismo de Alberto Núñez Feijoo “ As vacacións están sobrevaloradas”.

A exótica valoración sobre as vacacións foi emitida por Feijoo nun contexto que a facía realmente asombrosa, xa que a di inmediatamente antes de marcharse el mesmo de vacacións. Quero supoñer que se trataría dunha brincadeira. Imaxino que sería iso, unha especie de broma. Imaxínoo pero non afirmo con seguridade, porque a un insolvente intelectual tan notorio como Feijoo hai que recoñecerlle o mérito de non esgotar nunca a capacidade que unha persoa normal ten para asombrarse cando espeta as súas habituais estupideces.

Se estou equivocado e non se trataba de ningunha brinca, e o que se ía de vacacións en iate cun narcotraficante pensa en realidade que as vacacións( as dos demais) están sobrevaloradas pois: traballador, traballadora, autónomo, autónoma xa sabes que che toca se este suxeito chega a presidir o goberno do estado, non podes dicir que non nos avisara con antelación.

E se como sospeito do que se trata é dunha brincadeira, non é moi difícil de valorar:Trátase dunha broma dun mal gusto superlativo que reflicte unha absoluta insensibilidade cara milleiros de persoas que na súa vida poderán gozar dunhas vacacións. É unha broma típica dunha casta que Otero Pedrayo denominaba na súa obra “ Os Camiños da vida” como “ Os da parte de arriba”, unha clase social que vive moi ben e á que nada lle importa que outros vivan moi mal.

Segundo o índice AROPE, utilizado de maneira oficial pola UE para medir a pobreza e a exclusión social, un de cada cinco habitantes da cidade de Vigo está en risco de pobreza e de exclusión. En Vigo, a cidade máis poboada deste país, hai 60.000 persoas en risco de pobreza. Persoas que en moitos casos traballan: camareiros/as, repartidores/as, operarios/as…. e cuxos soldos non lles chegan para atender as súas necesidades vitais básicas .E vai o que non é presidente do goberno porque non quere, un home que gaña máis de 100.000€ ao ano e que se marcha un mes de vacacións pagadas, e mófase dos traballadores e traballadoras precarios.

Para Alberto Núñez Feijoo a suba do salario mínimo é desmedida e as vacacións( dos demais) están sobrevaloradas. E vas ti, traballador ou traballadora que fas quendas de 12 horas 6 días á semana, e que non chegas a fin de mes e o votas. Xa sabes, se a día 20 de cada mes non chegan os cartos para encher a neveira vota a Feijoo, e sempre poderás comer pasteis.