Achegámonos ata o Concello de Pazos de Borbén para coñecer a valoración de Xurxo Pardo, concelleiro e líder do BNG local, sobre a situación política do seu pobo. Xurxo amosouse moi decepcionado coa acción de goberno do alcalde Luciano Otero. Ao seu xuízo as expectativas que xerou o cambio político na súa localidade, despois de toda unha vida de goberno do PP, esvaecéronse por mor dun goberno ineficaz e coas mesmas actitudes despóticas do anterior equipo de goberno. Por outra banda o concelleiro nacionalista manifestounos a súa satisfacción polo estado de saúde do BNG local; unha organización sólida e solvente que confía que no 27 sexa protagonista do cambio político que el considera necesario en Pazos de Borbén.
“O goberno de Luciano Otero é un absoluto fracaso”
Con motivo dos actos previos ao pasado 25 de xullo Ana Pontón estivo en Redondela, e vexo que aproveitou a visita para subir ata Pazos e compartir uns momentos contigo, verdade?
Comigo e coa militancia do Bng de Pazos, si, é verdade.
Esa visita podémola interpretar como o aval da dirección nacional do BNG ao traballo do BNG de Pazos?
Ana estivo con nós para interesarse por cales son os principais problemas que sofre Pazos de Borbén, asemade expresounos o seu apoio, e deunos ánimos e folgos para continuar co noso traballo político. Ela é moi consciente da enorme relevancia que ten que a voz do nacionalismo galego se escoite en todos e cada un dos currunchos do país. Para nós foi moi importante recibir o apoio explícito da máxima responsable do BNG, e desde logo que continuaremos facendo oír ao nacionalismo no noso concello con independencia de calquera conxuntura política.
A voz do nacionalismo en Pazos só a expresa o BNG?
Si, só o BNG. Indiscutiblemente si. A casa común do nacionalismo en Pazos, ao igual ca en todo o país é o BNG,
Como está a saúde do BNG en Pazos?
En liña co estado da organización en todo o país:excelente. Podo dicirche Tino, que nos últimos anos o número de militantes do bloque en Pazos multiplicouse por 5.Temos unha organización viva, que está a pé de rúa firmemente chantada na realidade social de Pazos, que está alí onde haxa calquera conflito, que está a carón dos que sofren abusos e inxustizas. De feito aproveito a oportunidade das vosas páxinas para convidar a calquera veciño ou veciña que que queira contribuír a facer un Pazos mellor a que contacte con nós.
Dicíasme que Ana Pontón veu interesarse polos problemas máis importantes que padece Pazos de Borbén. Cales son eses problemas?
O rural galego en xeral ten problemas moi graves e Pazos non é ningunha excepción. O principal problema que ten Pazos é o mesmo que o de moitos outros pobos:non existen nin servizos nin oportunidades suficientes para poder desenvolver un proxecto de vida na nosa localidade. Hoxe, 2 de agosto, non temos nin un só médico no centro de saúde desde o 15 de xullo, e non temos nin idea de cando se vai solucionar. Por outra parte para un concello como o noso é básico que estea adecuadamente conectado con Redondela, Vigo, Pontevedra…e por desgraza o transporte é lamentable.
Hai pouco vimos de superar a metade do mandato. Como valoras estes dous primeiros anos do alcalde Luciano Otero?
O balance do goberno de Luciano Otero e de fracaso absoluto.
Así de rotundo?
Así de rotundo e con letras maiúsculas. En Pazos de Borbén facía falta un cambio e nós contribuímos a ese cambio co noso voto favorable á investidura do alcalde Luciano Otero, pero o resultado é tan malo que non trouxo máis que decepción e frustración.
Por que é un goberno de “ fracaso absoluto”?
Porque incumpriu absolutamente todo o que dixo que ía facer, e porque ten unha actitude tan déspota e caciquil que está a facer bo ao partido popular.
O goberno é ineficaz, está paralizado e absolutamente illado. Non ten maioría suficiente e compórtase como se tivese maioría absoluta. Asoballa á oposición e inexplicablemente non trata de acadar ningún tipo de acordo.
Pero o alcalde non trata de chegar a consensos con vós?
Fíxate: nos pasados días recibín unha mensaxe del na que me pedía a nosa opinión sobre cales debían ser os festivos locais. Con máis de medio mandato xa consumido o único tema do que pediu a opinión do BNG é ese: os festivos locais.
O goberno de Pazos ten un modelo de pobo?
Non, non o ten. Limítase a xestionar como pode o día a día, e digo “ xestionar” sendo moi xeneroso porque na realidade a xestión brilla pola súa ausencia. O goberno de Pazos vai ao chou, esa é a triste realidade do noso concello.
Cando lle destes o apoio a Luciano para a súa investidura cal era a vontade política do BNG?
O BNG é unha forza responsable que está nas institucións na procura do ben común. Nós tiñamos a vontade de chegarmos a consensos que permitiran a realización de políticas que melloraran a vida da veciñanza. Pero a actitude do alcalde fíxoo completamente imposible.
Como está a situación do polígono de Amoedo?
Deuse algún paso no terreo administrativo, pero queda o máis importante: a realización dun convenio entre o Concello e a Comunidade de Montes, e a aprobación definitiva no pleno.
Cando se leve a pleno, se como supoño se leva, que posición vai adoptar o BNG?
Nós por descontado que queremos solucionar o problema do polígono, pero a nosa posición nun pleno pois dependerá do que se leve en concreto, e de como se leve. Agardo que alén da aprobación definitiva leven tamén o convenio, porque unha cousa sen a outra non vai funcionar.
En relación á estrada de Nespereira cal é a posición do BNG?
Ben, o arranxo desa estrada, de toda a estrada non só dun tramo, é unha necesidade imperiosa para o noso pobo. É intolerable que non se fixera nada ata o momento, e se non se fixo foi pola lamentable actitude do PP que non fai nada por puro interese partidista. Por outra parte a forma le tratar este asunto que ten o alcalde é moi deficiente. Debe de petar na porta da Deputación e non levantarse ata conseguir un compromiso concreto e claro de cando van empezar as actuacións na estrada de Nespereira. É dicir:o nepotismo do PP e a incapacidade do alcalde para negociar e xestionar fan que esa estrada estea aínda nas condicións que está.
O tempo pasa moi rápido e para as eleccións do 27 xa non falta moito. Como estás ti de ánimos?
Eu estou mellor que nunca, coa convicción plena de que o modelo de pobo do BNG, que en tantas ocasións se ten amosado como un éxito, é a receita adecuada para mellorar a vida da veciñanza e coa ilusión de que o traballo dos nosos simpatizantes e militantes acabe por chegar á maioría social da nosa localidade. Pazos de Borbén precisa un tempo novo que só pode vir da man do BNG.
