Desde que a dirección de A Nova Peneira me confiou a responsabilidade de ocuparme de trasladar aos nosos lectores e lectoras a información referente á comarca de Redondela, sempre tiven claro que a vida cultural da nosa Vila, pola súa dimensión e importancia, debería de ter un lugar de honra na nosas páxinas. E a información referente ao océano cultural que Redondela, ao longo da súa historia, ten trasladado ao resto do mundo quedaría coxa sen falarmos con Jose Ángel Xesteira. El é un home de exquisita sensibilidade artística, e produción polifacética, pinta, debuxa e escribe, e sobre todo é un xornalista da cabeza aos pés do que é unha honra para min aprender.
“Na miña época o xornalista gozaba de prestixio e de presunción de veracidade, algo que agora non existe”
Cal foi a razón que che levou a estudar xornalismo ?
Ben, estamos falando dos últimos anos da década dos 60 do pasado século. Era unha época convulsa un pouco polas circunstancias históricas que se vivían naquel momento histórico e tamén polas propias circunstancias biolóxicas, a esa idade ninguén ten moi claro o que quere facer. Eu tiraba polas ciencias pero creo que foi a influencia dos meus amigos Pérez Varela e Fernando Ónega a que me levou a tomar a decisión de ir para Madrid a estudar xornalismo
Foi fácil entrar?
Que va, foi enormemente difícil, había que superar varios exames eliminatorios
Había máis xente de Redondela?
Que eu lembre 3 persoas: Suso Pérez Varela, Antonio Soto e eu mesmo. Eu fun o primeiro de Redondela con título de xornalismo porque a Suso lle colleu a mili e perdeu un ano. Daquela acababas a carreira e xa case saías con traballo. Eu cando rematei fun facer as prácticas á prensa do “movimiento” que tiña unha ampla rede de xornais. En concreto fun a un diario de Lleida. Logo xa pasei polo Pueblo Gallego, o Correo Gallego e así cheguei ao Faro de Vigo ata que acabei
No Faro estiveches de redactor xefe?
Si
Cantos anos traballaches no Faro?
25 anos
Alí, entre outras cousas facías crítica de cine verdade?
E tanto, estiven como 18 anos escribindo de cine
Tamén estiveches na Nosa Terra?
Si, na segunda etapa e última que durou dous anos. Dirixíaa Alfonso Eiré “Pucheiro”
No Faro dirixiches o suplemento “Fronteiras”. Que faciades nesa publicación?
Era resultado dun convenio que tiña o Faro cun xornal portugués. Metiamos novas da nosa zona que puideran interesar en Porto, e novas da zona de Porto que puidesen interesar aquí. Eu levaba a parte de Galicia.
Tamén tes unha parte de produción literaria.
Cóntanos como comezou?
Un pouco por casualidade. Creo que era o ano 2000 cando á persoa que naquel momento dirixía o suplemento cultural nunha ocasión falloulle unha reportaxe e quedouse cun oco para encher. Pediunos se tiñamos algún traballo para pór e eu tiña un conto “ A filla de Sherlock Holmes”,e publicouno. A partir de alí comezamos a meter distintos contos de varios compañeiros que acabaron sendo publicados por Xerais nun libro titulado “Ficcións”.Desde ese momento xa collín confianza coa xente de Xerais e publicáronme algúns contos que tiña escritos.
Logo publicaches unha novela, e tamén un precioso experimento con Luis Borines que se chamou “Memoria de Redondela”?
Si, eso parte dunha idea de Xerais que quería publicar unha colección de libros das Vilas con fotos antigas. como sabes Luis ten unha marabillosa colección de fotos e postais antigas de Redondela. E ben entre os dous fomos argallando ata que saíu. Curiosamente ese libro esgotouse e non sei porque non se reedita. Sería moi interesante que a xente soubese como era aquela Redondela que se perdeu.
Logo ven “Caldo de Mares”?
Ese foi un libro de piratas, ambientado na época da independencia de Haiti, con partes históricas e partes de ficción, que me divertiu moito escribir. De feito de todo o que eu escribín penso que foi o que mellor mo fixo pasar.
No 2005 deixas de escribir ata o ano pasado que publicas” Cóntamo outra vez Rick” , por que esa parada?
Non, eu nunca deixei de escribir, para as persoas que coma min sentimos paixón pola palabra non é posible deixar de escribir. Non volvín a publicar ata o 2021 si, pero seguín escribindo, tanto é así que teño 3 ou 4 frontes abertas. Este libro publicado no 2021 tiña que ter saído moito antes, pero entre unhas cousas e outras foise atrasando. Finalmente un pouco a raíz da pandemia déuseme por ir enviando os contos que contén a moita xente a acabou por publicalo Galaxia.
Que acollida tivo?
Pois o que percibo eu é que tivo boa acollida, polo menos a xente que se dirixiu a min así mo manifestou. Pero se che digo a verdade a min escápanseme as razóns que fan que algúns libros se vendan ben e outros, que poden ter tanta ou máis calidade, non cheguen o suficiente ao público .
O teu blog segue activo?
Non, ese blog nutríase dos meus artigos semanais no diario de Pontevedra. E cando me cansei de escribir esas colaboracións, porque co tempo dáste de conta de que só serven para contentar aos convencidos, xa deixei o blog tamén. De vez en cando aínda metía algunha cousa pero xa non é o mesmo.
Na última ou nunha das últimas entradas dese blog falas da guerra da Ucraína e da desinformación. A forma de transmitir información mudou moito desde a túa época ata a actualidade?
Todo mudou moito abofé que si. Cando eu comecei escribíase nunha máquina de escribir os teléfonos tiñan cable…e non existía nada de tecnoloxía. Por outra parte o xornalista gozaba de prestixio e de presunción de veracidade, algo que agora non existe.
Pero a información era parcial é subxectiva non?
Todo o que ti queiras. Pero o xornalista non firmaba nada que fose mentira. Nas redaccións a interacción entre os compañeiros era máxima; fumábase, bebíase, e discutíase ás veces a berro limpo….agora as redaccións son completamente dixitalizadas e a interacción entre persoas case non existe.
Ti viviches censura?
Non, pero si sabías ata onde podías publicar e desde non era posible facelo. Moitos xornalistas procurabamos sortear esas fronteiras transmitindo de maneira sutil, entre liñas, o que en teoría non se podía transmitir. Moitos xornalista xogáronse moito, incluso a súa integridade persoal, para colaborar en traer a democracia a España.
Agora xubilado pero non parado?
Non oh. Iso nunca. Estou como sabes na Rondalla, e teño moitos proxectos en mente
E para rematar unha pregunta sobre unha das persoas que máis admiro, o Zeca .Ti chegaches a coñecelo verdade?
Si, viñera actuar a Redondela no pavillón. Viñera en tren ata Tui, alí o recolleran uns xornalistas de Vigo , amigos meus, e presentáronmo. Era un tipo moi natural. Os meus fillos, que daquela eran pequenos, lémbranse de que o público pedíalle que cantara “Millo verde”