Sobre a pretensión de construír un encoro en Forzáns

Embalse de Eiras

Non quedes inmóbil ao borde do camiño,non conxeles a ledicia,

non ames con desleixo, non te salves agora nin nunca…………

…….Pero se malia todo non podes evitalo e sálvaste agora……se quedas inmóbil ao borde do camiño…

entón, non te quedes comigo.

Mario Benedetti

Neste medio de comunicación temos defendido en innumerables ocasións que é a unión da sociedade civil organizada a única forma posible de facerlle fronte aos abusos dos especuladores sen escrúpulos que se cren con dereito a agredir o medio de vida de outros no seu propio beneficio. E este fragmento dun fermoso poema de Benedetti, que chama a non renderse nunca no combate contra a inxustiza, resume á perfección o que puiden percibir nas miñas conversas con representantes sociais, veciñais e tamén políticos dos concellos afectados pola pretensión de construír un encoro na parroquia de Forzáns, no concello de Ponte Caldelas. Este encoro afectaría tamén a dúas entidades de poboación da Lama: Gaxate e Berducido, e a parroquia de Vilán, do Concello de Fornelos de Montes. E a sociedade dos concellos afectados non o quere, non está de acordo, están dispostos a pelexar para evitalo. E se finalmente se fai. vaise facer contra a vontade maioritaria das e dos afectados e pola forza da imposición.

O mundo semella estar entrando nunha espiral de auto destrución que parece moi difícil de reverter. A voracidade do liberalismo económico ameaza con esgotar os recursos do planeta para engrosar os beneficios duns poucos e a miseria de moitos. Ata tal punto chega a tolemia dun sistema que nos condena a competir para poder vivir que imos mudar o clima da terra de tal maneira que grandes segmentos de poboación, cando non a humanidade enteira, poden ser condenados a padecer cataclismos inimaxinables en toda a historia da humanidade. Pero, como a orquestra do Titanic que tocaba alegres melodías mentres a nave afundía de maneira irreversible, alcaldes e alcaldesas de nefasta catadura moral, e ou de dubidosa saúde mental anuncian millóns de luces de nadal en pleno mes de agosto ou facilitan o negocio de especuladores arrasando os montes dos seus concellos .Iso si, con afouteza, que é unha palabra tan bonita que ata utiliza o xefe do estado cando ven de paseo polo noso país.

Unha nova ameaza contra unha das contornas máis fermosas do interior do país galego, o bosque de ribeira a carón do Oitavén e o Verdugo, en forma do proxecto dun encoro, pende dun fío, como a espada de Damocles, sobre as cabezas das veciñas e veciños afectados. O alcalde de Vigo defende que non teñen auga dabondo e que o encoro sería a solución adecuada. Porén a veciñanza dos concellos afectados contesta que unha agresión de tal dimensión sería letal para os seus ríos, alén de innecesaria, pois o volume de auga que podería achegar sería o mesmo que se se arranxasen as perdas nas tubaxes entre Eiras e Vigo, estimadas nun 30%, e incluso menos se administración municipal viguesa fixese un uso responsable da auga.

Nós que somos dos que non estamos afeitos a mirar cara a outro lado, dos que tomamos partido, partido ata mancharnos, unimos a nosa voz á de Pili, presidenta da AVV de Forzáns, á de Vanesa presidenta da AVV de Vilán e á de tantas e tantos para berrar canda eles: Encoro Non¡¡

Velaí van as entrevistas con ambas mulleres, con Manu, deputado do Bng,con Emiliano, alcalde de Fornelos e con Andrés, alcalde de Ponte Caldelas.


Pilar Fernández presidenta da AVV de Forzáns e voceira da plataforma Encoro Non

Pilar é unha muller de Forzáns que preside a AVV da súa parroquia e é voceira da plataforma “Encoro non”.Ela vive con moita intensidade a defensa dos ríos da súa terra natal que considera en serio perigo polo intento de construír un encoro e ou do transvasamento da auga do verdugo. Velaí vai o que deu de si a nosa conversa

A plataforma, veu para quedarse, vimos para gañar esta batalla e para protexer aos nosos ríos de todos os intentos futuros de agresión”

Cales son os concellos afectados polo proxecto do encoro contra o que protestades?

Afecta a 4 concellos: Ponte Caldelas, A Lama, Soutomaior e Fornelos

Como comezou todo?

Xa había certo ruxe ruxe sobre a posibilidade de facer un encoro en Forzáns. Pero logo xa vimos publicado , o 13 de abril nun periódico de Vigo, un estudo no que se fala de construír dous encoros novos

Pero non é a primeira vez que se fala deste asunto verdade?

Non, todo isto ven do 2017 que foi a anterior seca importante que houbo. Naquel momento querían facer un transvasamento dos noso ríos

Nesta seca estades a ter problemas de auga?

E tanto que si, de feito na zona de Gradín xa tiveron que subministrar auga. Nós en Forzáns intentamos facer un uso responsable da nosa auga. Temos 8 mananciais e xa lles dixemos aos veciños e veciñas que mentres a situación non mellore non se pode baldear, nin lavar os coches….

Sabemos como está o nivel de Eiras?

A última semana de xullo estaba ao 95% e dos que están en mellor situación. E cando maiores eran as queixas Eiras estaba ao 40%..Quen lle dera a Castela ou a Andalucía estar neses niveis. Eiras ten dous problemas serios que se solucionasen non sería necesario formular ningún tipo de medida tan traumática como é a dun novo encoro

Cales son eses dous problemas?

A sedimentación e as fugas. Estas últimas están cuantificadas nun 30%.O encoro que pretenden facer en Forzáns, en realidade aumentaría un 30% o volume que pode conter Eiras. É dicir, xusto a auga que se estima perde Eiras coas fugas que ten. Asemade a depuradora do Casal, en Vigo, deixa de ser operativa cando Eira baixa do 40% por ser incapaz de procesar o alto contido en ferro da auga remanente. Por outra parte en Vigo non se fai un uso responsable da auga. Nun contexto tan delicado como o desta seca seguen a baldear e a regar con auga potable, acaban de poñer un río artificial en Navia….Se Vigo fixese un uso racional, responsable e sostible da auga e arranxase eses problemas que che mencionei non tiña porque ter necesidade. Porén non o fai,así a modo de exemplo hai un par de semanas saíu unha nota de prensa que facía referencia a que Vigo se ve colapsado pola inmensa cantidade de peticións de piscinas que ten, e dese modo,a o non facer un uso responsable, pon en perigo moi grave a supervivencia dos nosos ríos e a nós mesmos como sociedade.

O encoro onde iría situado?

No río Oitavén que como sabes ten menos caudal que o outro co que conflúe, o Parada. É a 3 vez que veñen a ese sitio. Xa entre o ano 48 e 52 do pasado século houbo un primeiro intento, e pouco antes de facer Eiras, a finais da década dos 60 houbera outra tentativa. E agora veñen por terceira vez. Non o entendemos e o consideramos como un erro moi grave. O Oitavén non ten o caudal que tiña antes. O encoro afectaría a Forzáns, de Ponte Caldelas, a Vilán de Fornelos, a Berducido e a Gaxate da Lama. Pero é que non é un senón dous. Hai un segundo encoro proxectado no río Verdugo que tamén afectaría a Soutomaior porque queren facer un transvasamento

Na plataforma cantos colectivos hai?

A día de hoxe somos 129 colectivos, non só dos catro concellos directamente afectados, senón de moitos máis sitios. A plataforma é absolutamente plural, malia que nos teñen acusado de estar controlados polo PP iso é absolutamente falso. Somos máis de 100 colectivos e subindo e estamos compostos por persoas de todo tipo. O noso único partido político é o río e quen nos acuse de estar controlados por calquera grupo político está a faltar á verdade.

Como son os terreos onde queren situar o encoro?

Abel Caballero di que son un páramo. Pero iso é radicalmente falso. Hai un bosque de Ribeira impresionante e unha fauna de enorme riqueza. Eu teño máis de 50 anos e alí nunca vin lume, vino en moitos sitios pero aí nunca .O tipo de bosque que é, alén de a súa extraordinaria riqueza, actúa de barreira contra o lume.

No caso de facerse o encoro algunha vivenda estaría afectada?

Si, a zona de Agra en Forzáns quedaría asolagada e os veciños dese lugar perderían as súas casas

Cal é o sentir xeral da sociedade dos 4 concellos afectados?

Está todo o mundo radicalmente en contra. A sociedade civil e os representantes políticos están absolutamente en contra dese disparate. Nós entendemos que esta é unha loita colectiva é que a unidade social é imprescindible para podermos gañar. Ou imos man con man e cóbado con cóbado na defensa dos noso ríos ou corremos o risco de que sufran un deterioro irreversible

A plataforma ven para quedarse?

Non teñas ningunha dúbida. Agora mesmo estamos intentando conseguir no congreso unha figura xurídica de protección para os nosos ríos. En calquera caso nós vimos para quedarnos, vimos para gañar esta batalla. E para facer fronte ás batallas futuras porque por desgraza, neste contexto de depredación salvaxe dos nosos recursos naturais no que vivimos, temos a certeza que despois deste intento han de vir outros.


Manu Lourenzo deputado do BNG

A veciñanza de Forzáns, Vilán, Gaxate , Berducido, e todas as zonas ás que lles afectaría este disparate, pode contar sen matices, cóbado con cóbado e corazón con corazón, co BNG para pelexar ao seu carón e tratar de evitar a construción dun encoro en Forzáns”

A dia de hoxe en que situación está a pretensión de facer un encoro na parroquia de Forzáns?

Ben, como sabes hai un informe pagado en parte polo concello de Vigo e pola Xunta, que vai nesa liña. A conselleira no parlamento desbota a posibilidade do transvasamento de auga do Verdugo, outra das hipóteses das que tamén se fala, pero negouse a descartar a construción do encoro de Forzáns

Pero negouse explicitamente?

En dúas ocasións, unha no parlamento e outra en comisión, algo que a nós nos preocupa moito.

Cal é a posición do BNG ao respecto deste asunto?

A nosa posición é clara e contundente; estamos en contra. Non temos dúbida do carácter disparatado deste proxecto e somos a única forza con representación parlamentar que dicimos o mesmo en todos os lugares. O PP e o PSOE din cousas diferentes dependendo do contexto no que as digan. Nós estamos inequivocamente en contra. Apostamos por unha nova cultura da auga , polo seu uso responsable e pola súa xestión razoable. Un proxecto de enorme impacto, como o que suporía a construción dun encoro en Forzáns, crearía un problema moito máis grave do que supostamente pretende solucionar.

Esa xestión responsable da auga, que reclamades, non se fai en Vigo?

Eu penso que non, que non a fan. De feito creo que non é unha cuestión opinable senón que é algo que se puido medir cos informes de Augas de Galicia. Na seca do 2017 nin descendeu o consumo, nin deixaron de baldear con auga potable nin concretaron ningún tipo de medida de control de consumo

Ti es natural de Soutomaior e coñeces moi ben a zona dos concellos aos que afectaría a construción deste encoro. Cal é o sentir xeral que percibes polas rúas ao respecto deste asunto?

Na sociedade non hai debate, todo o mundo está en contra. Agora ben, quero deixar claro que nós somos unha sociedade solidaria e que nunha situación difícil, de verdade, somos capaces de compartir tanto como os que máis. Pero o que de ningún modo imos consentir e unha agresión de tal magnitude ao noso medio natural para protexer o dispendio da auga que fan outros. Por outra parte se se construíse o encoro xurdirían outra serie de problemas derivados de enorme magnitude. Así por exemplo sería gravemente prexudicados os bancos marisqueiros do fondo da ría de Vigo que se sustentan da auga do Verdugo ou a rede natura da enseada de San Simón.

Ti , que che coñezo hai moito tempo, es un home moi rigoroso que soes adoptar as túas posicións políticas e intelectuais despois de beber en fontes moi diversas de información. Neste caso podes mencionar algún estudo que avale a posición do BNG ?

Si, claro. Están os estudos do profesor Fernando Cobo un experto moi importante en hidrobioloxía que van na liña do que é a posición política do BNG, a miña propia, e a opinión da sociedade dos 4 concellos afectados. Esta infraestrutura e innecesaria e enormemente agresiva co entorno.

Rematamos Manu, entendo que a veciñanza pode contar co BNG para tratar de evitar este novo intento de agresión ao noso entorno?

Pode contar cóbado con cóbado e corazón con corazón no principio, no medio, e no final da batalla. O BNG existe para defender os intereses do pobo galego, por ese motivo naceu hai xa 40 anos e por esa razón seguimos existindo.


Vanesa Couto presidenta da AV de Vilán (Fornelos do Montes)

Nós somos unha sociedade solidaria, pero unha cousa é a solidariedade e outra ben diferente aceptar sen máis unha agresión de tal calibre á porta das nosas casas, para pagar que outros non fagan un uso responsable da auga”

Vanesa, desde cando es presidenta da asociación de veciños e veciñas de Vilán?

Levo algo máis de 10 anos

Cal foi o proceso que che levou a presentarte a presidenta da asociación de veciños?

A asociación naceu no seu día para defender un camiño, a presidenta xa era moi maior, duns 80 anos, e a xente do pobo tamén, entón contactaron comigo e convencéronme para que me metese eu na asociación.

Debes ser das máis nova do pobo?

Si, da miña xeración somos como catro ou cinco da miña idade.

Hai rapaces e rapazas pequenas no pobo?

De fin de semana, si, pero que vivan permanentemente hai como tres ou catro

Que actividades desenvolve esta asociación, da que es presidenta?

A verdade é que somos moi pouca xente aquí no pobo vivindo entre semana. Seremos como moito, unhas 30 persoas. Non dá para ter moita actividade, os domingos pola tarde xúntanse na casa cultural para xogar ás cartas. A maiores, celebramos o magosto, San Xoan e facemos unha comida popular anual para a xente do pobo.

En que data facedes esta comida?

No verán, entre xuño e setembro.

Entón tedes local, quen o financia, o concello?.

Non, con subvencións da Deputación e da Xunta De Galicia. O Concello axudounos un pouco como puido.

Isto era unha casa que pertencía á Comunidade de Montes e cedéronnola por 30 anos, pero estaba moi mal e houbo que reconstruíla case por completo.

Canta xente sodes na Xunta Directiva?

Somos 7 persoas.

Se o encoro acaba finalmente facéndose afectaría directamente Vilán, non?

Si, segundo o plano como mínimo o muro estaría feito en terreos da nosa parroquia

Cando coñeces a existencia deste proxecto?

Isto xa viña escoitándose desde a seca do 2017.Logo unha vez que viñeron un par de anos relativamente bos de chuvias semella que quedou un tanto no ar, ata que en abril deste ano aparece o famoso informe pagado polo Concello de Vigo e pola Xunta na que se abre a posibilidade de retomar este proxecto disparatado novamente

E ti como tes as primeiras novas de que a espadade de Damocles do encoro volve pender sobre as vosas cabezas ?

Pola prensa. Unha compañeira que leva o tema de A Rapa Das Bestas. Leuno en prensa e chamounos a min, como presidenta da AV de Vilán; a Pilar, a presidenta da AV e Forzáns e a Antón, o presidente da asociación cultural de Forzáns.

Por mor disto, facemos unha xuntanza veciñal das zonas afectadas e decidimos facer unha plataforma onde non houbese ningunha directiva. Traballo conxunto de todos e todas para todos e todas, cunha voceira, Pilar.

A posición da plataforma é totalmente en contra. Por que?, que consecuencias negativas podería ter para os vosos pobos no caso de que se fixese o encoro?

Estariamos invadidos de néboas, afectaría as enfermidades reumáticas, aos nosos cultivos, ás especies que habitan aquí, á biodiversidade e rompería o ecosistema. As augas xa non terían a calidade que teñen grazas a que nós limpamos os ríos. Afectaría á flora e a fauna que leva aquí miles de anos e sería un desastre ecolóxico, ademais de colaborar ferozmente co cambio climático.

Que lle dirías a quen vos acusa de insolidarios?

Que nós somos unha sociedade profundamente solidaria, non temos problema en compartir, cando fai falta de verdade, con quen teña necesidade. Pero unha cousa é ser solidarios e outra ben diferente aceptar sen máis unha agresión de tal calibre ao noso medio natural, unha agresión xusto na porta das nosas casas, para pagar que outros non sexan capaces de facer un uso responsable da auga.

Está moi baixo o caudal do río?

O río Verdugo no verán xa non chega ao mínimo e o río Oitavén, o mesmo.

É mellor dicir que nós somos insolidarios, pero se miramos os datos, unha vivenda do concello de Vigo gasta de media uns 400 l. de auga ao día, unha de Zaragoza 96 l.

O concello de Vigo fai un uso irresponsable da auga. Nós xa somos solidarios, xa compartimos a nosa auga co concello de Vigo. Non bebemos do encoro de Eiras, pero si sufrimos o impacto da súa construción.

Entón, do que se trata é de que Vigo faga un uso responsable dun ben esencial para a vida como é a auga?

Exactamente. Iso é algo que se debera promover a todos os nenos e nenas, e canto antes mellor

Vanesa, ti es veciña de Vilán, fixechees aquí a túa vida. Cal é o sentir xeral que percibes dos teus veciños e veciñas en relación a este tema do encoro?

Hai de todo. Xente moi concienciada co tema, outra que non se implica ou que parece que non vai pasar nada. Tamén hai que o que pensa que veña o encoro para vender os campos. A ignorancia é atrevida e diante isto non podes facer nada.

Ata onde tedes pensado seguir loitando?

Ata que non se faga,ata que se desestime o proxecto. E gustaríanos ver que empecen a facer xa todas esas medidas para empezar a coidar da auga.

Como valoras a acción política do concello de Fornelos ao respecto deste tema?

Pórtase ben non nos podemos queixar. Pero eu creo que se podía facer algo máis.

A que te refires?

O alcalde de Soutomaior, do PP; o da Lama, do PP; o de Ponte Caldelas do PSOE e o de Fornelos, do PSOE. Todos manifestan estar en contra do encoro. Por que non se poñen de acordo e contratan cunha empresa que lles faga un estudo ambiental para botar abaixo o estudo que presentou o concello de Vigo e a Xunta?. Tombalo sería ben fácil. En resumo, eu boto de menos unha acción política máis decidida e contundente dos catro alcaldes. Veremos como evolucionan os acontecementos


Emiliano Lage alcalde de Fornelos de Montes

Emiliano Concello de Fornelos

A nosa posición sobre a intención de facer un encoro en Forzáns é absolutamente contraria “

A día de hoxe Emiliano, en que situación se atopa a pretensión de facer un encoro en Forzáns, que afectaría ao Concello de Fornelos, concretamente á parroquia de Vilán?

A información que teño neste momento é a través da prensa e das diferentes asociacións da zona. O concello oficialmente non ten coñecemento de nada. Tamén teño que dicir que a nosa postura é totalmente en contra da construción deste novo encoro.

Queres dicir que nin a Xunta, nin Augas de Galicia, nin ningunha institución se puxo en contacto contigo, como máximo responsable do concello de Fornelos, para indicarche que hai esta opción de construír un novo encoro?

Ningunha administración implicada neste proxecto púxose en contacto comigo por este tema.

Porque estades en contra da construción dun novo encoro?

Temos unha posición contraria porque hai outras alternativas para non seguir danando ao río Oitavén. Alternativas como arranxar as perdas que hai nas tubaxes que canalizan a auga desde o encoro de Eiras cara a Vigo, estas perdas supoñen un 30% da capacidade de auga da presa.

Tamén existe outra opción que sería traer a auga do río Miño, que ten auga suficiente.

Ou, por exemplo, poderíase drenar o encoro de Eiras, que a súa capacidade vese minguada cada ano. Na última seca do 2017 ben se viu que estaba cheo de lodo.

Vigo é unha cidade costeira e, como tal, debería de construír desalinizadoras para usar esa auga para regar e limpar as rúas no canto de utilizar a auga potable de Eiras cuxo destino debería ser o consumo humano. Isto non é só unha cuestión da auga de Vigo, senón que implica a nove concellos.

Estes nove concellos son os que beben da auga de Eiras, non Emiliano?

Si, exactamente. Nun futuro seguramente sexan máis. Aínda que este novo encoro aféctenos en pouco terreo, si nos afecta moitísimo desde o punto de vista medioambiental.

A túa oposición contraria é compartida polas demais formacións políticas do concello?

Totalmente. Fixemos unha moción nun pleno e todos os grupos votaron en contra deste proxecto. Houbo unanimidade en .

No caso de que se chegase a construír. Que consecuencias negativas tería para a parroquia de Vilán en concreto, e para o pobo de Fornelos en xeral?

En Vilán quedarían moitas leiras completamente asolagadas. Unha paisaxe marabillosa que é un paraíso con especies forestais de todo tipo, quedaría destruída. Por sorte, nunca ardeu en ningún incendio e agora queren destruíla cun encoro.

Logo temos a marabillosa praia fluvial de Portovilán que quedaría afectada tamén.


Andrés Díaz alcalde de Ponte Caldelas

Se isto segue adiante iremos aos tribunais contra quen sexa necesario”

En que situación está a pretensión de facervos un encoro na parroquia de Forzáns?

Agora mesmo, que eu saiba, está en punto morto. Parece que tanto a administración autonómica como a estatal están a botar balóns fóra. Nós enviámoslle un escrito a ambas administracións advertíndolles de que calquera agresión contra o noso territorio tería unha inmediata resposta nos tribunais por parte do goberno municipal. Este proxecto incumpre a normativa ambiental europea e eu creo que vai quedar en nada.

Pensas que vai quedar en nada?

Si, eu penso que si. En calquera caso estamos atentos e á expectativa de calquera movemento que se puidera producir para actuar de contado. O propio estudo que eles pagaron, o Concello e A Xunta, fala dunha alternativa que sería unha desalinizadora en Vigo.

A túa posición é compartida por toda a corporación de Ponte Caldelas?

Non o sei. O que si che podo dicir é que se fose necesario para parar este proxecto nós iniciariamos un proceso xudicial, contra quen faga falta. E a verdade teño serias dúbidas de que o PP de Ponte Caldelas se atrevese a litigar contra a Xunta

No caso de que finalmente se acabe construíndo o encoro cales serían as súas consecuencias?

Sería un desastre ecolóxico superlativo. Asolagaría terreos nas que hai especies de flora e fauna de grande valor e elementos patrimoniais moi importantes. Por outra parte temos o exemplo de Eiras e vemos como un encoro crea un ecosistema propio que afecta a todo o que o rodea, así pois as zonas máis próximas viven nunha brétema permanente. Temos un problema de auga que non se arranxa facendo encoros senón facendo un uso responsable deste recurso. Nós chamamos a un consumo responsable non só á cidade de Vigo senón a todos os concellos que beben de Eiras e Zamáns. Eu envieilles unha carta a cada un deses 11 alcaldes explicándolles a situación e apelando a que se posicionaran en contra. Non o fixo ningún e e´algo que me desagrada.

O sentir xeral da sociedade de Ponte Caldelas cal é?

A sociedade do noso pobo está totalmente en contra. E digo máis está indignada porque que coñezamos pola prensa un proxecto do que somos os principais afectados é unha falta de respecto ao noso pobo intolerable