A Asociación pola Recuperación da Memoria Histórica de Marín, presentou o mércores 10 de agosto o libro “Galegos no exército de Euzkadi 1936-1937” do investigador oriundo de Marín, Sergio Balchada Outeiral.
O acto tivo lugar ás oito da tarde no salón de actos da Casa de Cultura de Seixo) e contou coa presenza do autor que disertou sobre o seu traballo de investigación.
Sergio Balchada, Satxa, como historiador e investigador ten numerosos artigos publicados nas revistas Luzes, Aztarna (Revista da Asociación do mesmo nome de Etnografía e Difusión do Alto Nervión), Estibaus (Boletín de Altzako Historia Mintegia) e en Nós Diario.
Dende o ano 2014 publica o blog elgajedeloficio.wordpress.com con varios apartados: Idade Media, Idade Moderna, Guerra Civil Española, cine, … Satxa tamén é guionista e actor de cine. A modo de exemplo podemos citar a longametraxe Baile en el sindicato ambientada no frente de Álava na Guerra Civil.
“Galegos no exército de Euzkadi 1936-1937″ recolle e divulga a presenza de milicianos galegos no “Euskadiko Gudarostea” (Exército de Euskadi). Esta presenza non foi anecdótica e podería superar os dous mil efectivos, en base aos datos obtidos na investigación de Balchada Outeiral. No libro atopamos un apéndice cunha lista de 997 galegos identificados en documentación obtida en distintos arquivos. De eles temos que cerca do 11%, un total de 106, son veciños de Marín e as súas distintas parroquias. Aos xa coñecidos por todas e todos nós como son Emiliano Manduca Rosales Davila, os irmáns Manuel e Antonio Aguete Lino ou os irmáns Antonio, Gerardo, José e Manuel “Muchiquín” Lobeira Rodríguez, temos que sumar 99 nomes adicionais de diversos lugares marinenses: Aguete, Ardán, Bagüín, Cantodarea, Castro, Coirados, Loira, Mogor, O Campo, Piñeiro, San Xián, Seixo, … e que loitaron, entre outras agrupacións no batallón CNT 1 Bakunin, no batallón CNT 6 Celta ou na Mariña Auxiliar de Euzkadi.