Moaña, 21 días en galego

Moaña 21 días en galego

Entre os pasados 1 e 21 de marzo o concello de Moaña viviu 21 días en galego. E eu, que nacín e vivo nunha parroquia do rural galego, non puiden evitar emocionarme, pois a vida cotiá lévame a sentir unha labazada de amargura e frustración cada vez que escoito o idioma no que pregunta a xeración da miña nai e o meu pai e a lingua na que responde a xeración da miña filla: os avós e avoas falan en galego, os pais e as nais máis en castelán que en galego e as nenas e os nenos falan case exclusivamente en castelán. A cadea de transmisión xeracional do idioma galego está indubidablemente rota. Si, o galego seica é o trixésimo sétimo idioma máis importante do mundo. Pero por desgraza iso non implica que non estea camiñando de maneira inexorable cara a súa morte pois as xeracións máis novas non o falan. Na cidades, vilas, e cada vez máis nas aldeas galegas, obsérvase como o idioma de Castela é case o exclusivo que empregan os nenos e as nenas para se comunicar. E se non se dan pasos para reverter a situación de contado pódese dicir case con certeza matemática que nun par de xeracións vai ser imposible escoitar falar galego en Galicia.

É a administración autonómica a única que ten recursos para poder facelo, pero lamentablemente non o fai e só nos queda agardar que máis pronto que tarde se produza o necesario cambio político que teña a vontade de darlle unha viraxe de 180 graos á política lingüística nefasta do PP. Mentres tanto iniciativas tan marabillosas como esta de 21 días en galego impulsada polo goberno de Moaña, e tantas outras das partes máis concienciadas da sociedade civil, son as que permiten de momento e con moitas dificultades resistir. Esta campaña trata de implicar aos nenos e nenas para que durante 21 días consecutivos se expresen en galego as 24 horas do día. Desde as nosas páxinas dámoslle emocionados parabéns ao goberno de Moaña á alcaldesa Leticia Santos e en particular a Aldán Santamarina, concelleiro de normalización lingüística, polo seu esforzo e conciencia.

Aldán Santamarina, concelleiro de normalización lingüística de Moaña.

O galego está nunha dinámica descendente drástica, con estas campañas tentamos paliar ese descenso e darlle presenza social .”

-Cal é a túa formación e profesión?

Son licenciado en matemáticas e dou clase no instituto de Chapela.

-Que áreas de goberno levas ti?

Son concelleiro de Facenda, de persoal e de normalización .

-Os últimos datos sociolingüísticos sobre o uso so noso idioma nas xeracións máis novas son aterradores. Supoño que Moaña non é allea a ese contexto dramático no que a cadea de transmisión xeracional do idioma parece rota?

Moaña está no contorno da área metropolitana de Vigo. Vigo exerce como cidade influencia en todas as localidades que a rodean. En Moaña entre a xente nova, o uso do castelán é case exclusivo.

En Moaña hai 2 coles infantís, 7 colexios entre Infantil e Primaria e 2 institutos que son todos públicos. Cada 4 anos facemos unha enquisa entre o alumnado de Infantil e Primaria, a última fíxose no 2022. Esta contéstana os pais. Na ESO contéstana os alumnos e alumnas. Destas enquisas sacamos que: Os avós falan maioritariamente en galego (62%), as nais e pais menos (entre 19 e 22 %), pero moito máis que os propios nenos e nenas (4%). Tamén sacamos que o alumnado utiliza so o castelán. A transmisión xeracional está totalmente rota en Moaña tamén, esta situación do galego é dramática.

Tamén preguntamos ás familias se había predisposición para aumentar o uso da lingua galega e se estaban preocupadas por isto. Aquí as respostas foron moi positivas. Un 7,12 sobre 10 cre que debe fomentarse o uso do galego. Un 7,37 queren que o seu fillo ou filla mellore no uso do galego. Un 7.28 considera que debería haber máis filmes, máis música e máis recursos lúdicos na nosa lingua. Un 8.7 está preocupado polo futuro do galego. Un 7.69 considera que todos e todas temos unha alta responsabilidade no futuro do idioma.

-Cando nace a campaña Moaña 21 días en galego e por que?

Pois nace neste contexto desta enquisa e nas reunións que temos a principio de curso coas persoas coordinadoras dos equipos de dinamización da lingua galega “EDLG” que por lei ten que existir, e estar constituídos en todos os centros educativos do país. En Moaña temos a sorte de ter xente activa e comprometida nestes equipos. Nestas reunións analizamos que tipo de traballo se pode facer desde o concello e xurdiu a campaña de 21 días en galego. Esta campaña naceu dun Instituto da Pobra do Caramiñal hai uns anos. Esta iniciativa levou moitos premios e estendeuse polo país e mesmo nalgún momento promóvese desde a Xunta de Galicia pero só a nivel de instituto. A nosa proposta foi estendela a nivel de todo o concello, a nivel social e para crianzas máis novas.

-En que consiste?

Trata en propoñerlle ao alumnado que non o fai, falar exclusivamente en galego as 24 horas do día durante 21 días.

-A que abanos de idade está dirixida?

Ten dous tramos de idade.

O primeiro, vai desde os 3 anos nos tres cursos de infantil ata segundo de primaria. Esta faise no cole e é para todo o alumnado. Fanse actividades co uso do galego, de xogar coa lingua, de aprender cancións en galego nas aulas e anímase ás familias a que se utilice en casa tamén.

O segundo vai desde terceiro de primaria ata a ESO e o bacharelato. Aquí proponse o reto e é voluntario. Para facelo hai que asinar un compromiso escrito. Hai que validar diariamente no cole si se está usando o galego. Nos institutos fomentan que se graven vídeos ou escriban textos comentando como vai a experiencia. O ano pasado fixeron os institutos unha APP para colgar alí os vídeos.

-Como valoras a aceptación dasedicións anteriores?

Esta é a V edición, normalmente faise en febreiro pero este ano como cadraba co entroido fixémola en marzo. Moi sorprendidos e sorprendidas coa aceptación, ver a todos as familias cando traen as crianzas ao cole, implicadas e falando galego fai ilusión. Sei de varios alumnos que empezaron cos 21 días en galego e seguen falando galego.

-Que métodos utilizades para computar o número de persoas que participan, e o seu grao de satisfacción ao respecto da campaña?

Este ano están a participar 1783 alumnos e alumnas. Na edición anterior o fixeron 1320 persoas. Sacamos os datos dos papeis dos coles e institutos e sumámoslle todos os alumnos e alumnas de infantil ata segundo de primaria. Facemos unhas chapas e dámosllas a todos o alumnado de Infantil ata segundo de Primaria, logo a todos os maiores de 7-8 anos que asinen o compromiso de aceptar o reto.

Despois dos 21 días organizamos unha festa final para as persoas que conseguiron o reto. Adoitamos traer un grupo musical para esta festa e faise no concello en horario escolar. Na II edición trouxemos ao grupo “Son da Rúa”, foi un éxito tremendo e gañaron moitos fans. Outro ano editamos unha camiseta moi chula.

E para este ano?

Para este ano temos ao grupo vigués “Fillas de Cassandra” o 28 de marzo para quen complete o reto.

Tamén organizamos diferentes actividades, entre elas un “Certame de regueifas” con Luís Caruncho e Pinto de Herbón e un “Encontro escolar de poesía” para alumnos e alumnas de 5º de primaria no auditorio o día 21. “Obradoiros en portugués” para ou alumnado de 6º. Para bacharelato tamén facemos algo parecido que se chama “Ops! O portugués simples”. O alumnado de primaria tamén recibe o xogo de mesa “Vacaloura” e para infantil un xogo de parellas para exercitar a memoria e coñecer a contorna no que viven “Lembra Moaña”.

-A vontade do goberno de Moaña é que esta iniciativa teña continuidade en anos vindeiros?

Si, a validación é moi boa ano a ano e desde o concello queremos seguir co reto. O obxectivo deste reto é que a xente se dea de conta que se pode falar en galego e non o está facendo, isto estámolo conseguindo.

-Ves factible que algunha vez este tipo de campañas non sexan necesarias porque sexa posible escoitarmos falar galego en tofo tipo de contextos e en toda clase de franxas de idade?

Isto sería o obxectivo ideal, pero vendo como se atopa a situación do idioma van facer falta moitas campañas máis para poder chegar a este punto, o noso concello está completamente desgaleguizado.

O galego está nunha dinámica descendente drástica, con estas campañas tentamos paliar ese descenso e darlle presenza social. Loitamos contra todos os medios de comunicación, contra todas as inercias das redes sociais, contra todo o establecido en castelán…

-E malia que esta é unha entrevista sobre a campaña de 21 días en galego remato cun par de preguntas que non me resisto a facer: Este ano non vas na candidatura do Bloque. Por que motivo?

Levo 8 anos activo no goberno municipal e con moita responsabilidade. Isto implica unha dedicación de tempo moi importante que custa seguir mantendo . Creo que xa é o momento de refrescar os equipos de goberno para que entre xente nova, moi activa nos seus ámbitos, con ideas novas .

Cales son as perspectivas do BNG de Moaña para as próximas eleccións municipais?

Temos unhas boas expectativas porque pensamos que fixemos un grandísimo traballo por transformar Moaña neste últimos oito anos. Somos un goberno moi activo e de impulsar iniciativas como esta de 21 días en galego en todos os ámbitos e áreas. O BNG preséntase tentando aspirar a continuar no goberno municipal e ampliar a súa representación.