Este pasado venres día 3 saíu no DOG a publicación para a exposición pública e período de alegacións o Parque Eólico Torroña I. Unha ameaza máis para todo o patrimonio natural e cultural da Serra da Groba, e nomeadamente para a pervivencia dos garranos, burras ou bestas do monte e consecuentemente para a milenaria festa etnográfica dos curros.
Estes días que vemos en medios de comunicación de todo o mundo a gran incidencia que tivo a premiada película de Sorogoyen “As bestas”, e as súas verbas de denuncia e apoio pronunciadas na gala dos premios do cine español dos Goya, congratulámonos cos amigos de Sabucedo dese apoio recibido, e volvemos tamén as nosas denuncias.
A gran ameaza que esta a sufrir o patrimonio natural e cultural do noso país non ten parangón, agás o andazo dos lumes, só que neste caso concreto está apoiado pola propia administración que dun xeito descarado axuda as empresas promotoras sen contar cos veciños nin cos milleiros de queixas, denuncias e alegacións que veñen facendo todo o tecido asociativo ecoloxista e veciñal, mesmo o Consello da Cultura Galega, a Universidade e a propia U.E, que veñen sistematicamente denunciando o feble empeño que pon a Xunta en protexer as paraxes naturais, brañas, fauna, flora, paisaxe… Fanse leis que logo non se cumpren ou se obvian.
Na Serra da Groba temos a ameaza continua da pretensións de varias empresas de instalar varios parques eólicos. Dun xeito fraudulento, dividiron toda a serra en dúas ADEs e un área de investigación en reserva, e ata foron recollidos no Plano Eólico de Galicia sete proxectos e as súas poligonais, nas que se levan promovendo ata o de agora os parque eólicos do Rosal, O Merendón, Torona , Albariño I e agora o Torroña I. Co movemento opositor dos veciños e de moitas asociacións e co apoio dos plenos dos concellos de Nigrán, Baiona, Gondomar, Tomiño e O Rosal, agás o de Oia que non se pronunciou en pleno e que saibamos, tampouco fixo informes sectoriais negativos, lévanse parado todas as iniciativas por renuncia ou por Declaracións de Impacto Ambientáis desfavorables .
Agora temos no DOG un máis, o Torroña I, e nos documentos sometidos a exposición pública non vemos que o EsIA recolla as afeccións e ameazas ó mellor e máis grande patrimonio vivo que temos na Serra da Groba, as burras do monte, os garranos Equus ferus atlánticus, as nosas bestas.
Tódolos estudos dos parques eólicos que temos visto, feitos e pagos polas empresas promotoras, esquecen en maior ou menor medida, o maior patrimonio natural e cultural que hai no sur da provincia de Pontevedra. Co noso apoio e solidariedade por diante, envexamos aos amigos de Sabucedo que foron quen de pór no foco as súas bestas. Tiveron a oportunidade e souberon aproveitala. Pero nós tamén denunciamos, (e non só hoxe e agora) levamos moitos
anos facendoo, o grande perigo que supón para as nosas bestas este novo parque eólico que nos queren instalar con torres xigantescas nos cumes do Arieiro e das Aradelas, nas terras de Viladesuso e Burgueira, cunha extensa rede de evacuación que atravesa toda a Groba ata Barrantes, onde proxectan a subestación e onde principiará outra aldraxe coa evacuacion eléctrica aérea ata o Rosal.
Teñen que vir os de fóra para pór no foco as nosas burras e a súa importancia,. Estes días nas redes vemos como os nosos amigos norteamericanos falan de nós e das nosas burras, e se fan eco das ameazas e dos valores que teñen, e nos lembran os estudos que levan feito e publicados como o último de Jhon Jr, Hartigan, que nos visitou no 2016 e estivo vendo os nosos curros e falando cos nosos besteiros e veciños, para este pasado 2020 publicar o seu impresionante estudo:
Shaving the Beasts: Wild Horse and Ritual in Spain1. Editorial : University of Minnesota Press (17 noviembre 2020).
Ou a visita que nos fixo a prestixiosa xornalísta e naturalista de Massachusetts Wendy WIlliams, no 2014 e que publicou no libro:
The Horse. The epic history of our noble companion2. Scientific American / Farrar, Straus and Girou. 2016.
Ou o amigo Victor Ros, que estuda os cabalos salvaxes en todo o mundo3 e que nos visitou cos seus alumnos para facer unha estadía de estudo e vixiancia dos nosos garranos nas serras galegas, e que estes días está seguindo a problemática coa que nos atopamos coas ameazas aos espazos e habitáts dos nosos garranos.
Temos na Serra da Groba a poboación máis numerosa de cabalos salvaxes do mundo, e a máis xenuína, segundo os científicos. Arredor de 1.200 exemplares entran nos nosos curros cada ano, e ocupan todos os nosos montes, axudando coa súa presenza ao mantemento do mato baixo e á convivencia con outras especies vexetais e animais. Nos anos 70 do pasado século XX tiñamos na Groba 2.100 garranos, e en Sabucedo 340. No ano 2.022 tiñamos na Groba 1.100 e en Sabucedo un máximo de 300. O declive no número de exemplares e tan evidente como alarmante e son múltiples as razóns desta mingua, pero no que todo o mundo esta de acordo e que a presión antrópica sobre os espazos nos que habitan e unha das máis salientables. Dende a Universidade da Coruña no ano 2.021 un equipo multidisciplinar dirixido polo biólogo Jaime Fagúndez , coa doutora Laura Lagos, José A. Cortés e Flavia Canastra, realizou para a U.E o estudo, no que fomos parceiros:
1 https://www.upress.umn.edu/book-division/books/shaving-the-beasts#:~:text=Wild%20horses%20still%20roam%20the,shave%20their%20manes%20and%20tails.
2 https://www.scientificamerican.com/podcast/episode/the-epic-history-of-the-horse/