Do 2 ao 22 de abril vive as 24 horas na nosa lingua
Chega a VI edición da campaña 21 DÍAS EN GALEGO na que o Concello involucra a todos os centros educativos de Moaña. A infancia, a rapazada e a mocidade propuxéronse usar a nosa lingua ata o 22 de abril como un reto para adquirir un novo hábito e mergullárense de cheo no uso da nosa lingua.
Esta VI edición arranca co bando da Alcaldía para involucrar e animar neste proceso a toda a cidadanía moañesa. Neste contexto chega con forza un ano máis esta campaña na que o alumnado de infantil ata 2º de primaria identificarase cunha chapa co lema Fálame galego; tamén lucirá esta chapa o alumnado que de 3º de primaria ata bacharelato se inscriba na campaña de maneira voluntaria e, como non, o profesorado, o persoal administrativo, do comedor…
Do 2 ao 22 de abril nos centro de educación moañeses teñen o reto de usar o galego en exclusiva as 24 horas e para iso, desde o Concello fixémoslles chegar, ademais da cartelería e as chapas, os seguintes xogos de mesa didácticos e educativos:
– O Agasallo para o alumnado de infantil (de 3 a 6 anos), que ten por finalidade estimular a agudeza visual e a concentración.
– O Gatipedro para o alumnado de 1º e 2º de primaria (aínda que tamén pode xogar o resto de primaria), que ten por obxectivos mergullarnos na mitología galega e na tradición oral e para traballar o razoamento, a axilidade mental e a concentración.
E coma sempre, serán días cunha morea de actividades de reforzo:
- En 5º de primaria desenvolvéronse a finais de marzo os obradoiros de regueifas e o mércores 3 de abril participan no III Encontro escolar de poesía improvisada na Sala Celso Parada en Quintela de 10 a 13 h.
- En 6º de primaria: obradoiros de portugués: O mundo de INHO. O alumnado descubrirá as similitudes dos sons do galego oral e do portugués e reflexionarán sobre a vocación profesional.
- En 1º de bacharelato: Obradoiros de portugués: Ops! O português simples. Trátase de ofrecerlle á mocidade unha actividade para desmontar o prexuízo lingüístico da falta de utilidade do galego, pois serve de ponte para acceder ao mundo lusófono e constitúe unha vantaxe competitiva respecto do resto de España e de Europa.
Estas actividades desenvolveranse seguindo o seguinte calendario de abril:
LUNS | MARTES | MÉRCORES | XOVES | VENRES |
2 Comezo da campaña dos 21 días. | 3 III Encontro escolar de poesía improvisada en Quintela de 10 a 13 h | 4 O mundo de INHO – 10:05h Reibón – 12:15h Reibón | 5 Ops! O português simples – 10h IES As Barxas – 12h IES As Barxas | |
8 Ops! O português simples – 12:30h IES A Paralaia – 16:30h IES A Paralaia | 9 | 10 | 11 O mundo de INHO – 9:15h Seara – 12h Quintela | 12 O mundo de INHO – 10:10h Domaio – 12:05h A Guia |
15 | 16 | 17 | 18 O mundo de INHO – 10:05h Abelendo – 12:40h Tirán | 19 |
22 Fin da camapaña dos 21 días. | 23 | 24 | 25 | 26 Concerto musical de Lontreira |
Todo o alumnado de 3º de primaria en diante que acade o reto de falar os 21 días en galego levará de “premio” asistir ao concerto musical do trío galego Lontreira formado por Rotce (bases e teclado), Adri Coyote (voz) e Iván Barral (guitarra). Será o venres 26 de abril sobre as 11.30 h nos soportais da praza do Concello.
Nesta VI edición os datos de participación do alumnado son os seguintes:
- EEI do con: 30
- EEE de Verducedo: 34
- CEIP de Domaio: 111
- CEIP da Guía: 90
- CEIP de Reibón: 328
- CEIP de Seara: 190
- CEIP de Abelendo: 118
- CEIP de Tirán: 170
- IES As Barxas: 250
- IES A Paralaia: 250
Fan un total de 1.571 participantes. Na edición de 2023 participaron uns 1.700, polo que esta campaña vai camiño de consolidarse na comunidade educativa como un estímulo que axude a aumentar a presenza da nosa lingua entre a xente nova durante todo o ano contribuíndo a preservar o noso principal sinal de identidade ao deixar un legado para o futuro.
Desde o Concello animamos a toda a veciñanza, ao comercio, á hostalaría, á banca… a que se sumen á campaña e usen durante os 21 días o galego para apoiar e animar a nosa comunidade educativa no reto de “capacitarse” en galego e, de paso, atoparse consigo mesma e darlle uso e utilidade ao idioma.