A Nova Peneira parroquia a parroquia: Beluso.

Bueu é un municipio costeiro da comarca do Morrazo, situado nas Rías Baixas. Está formado por varias parroquias: Beluso, Bueu , Cela, Ermelo e a Illa de Ons.

Bueu ten unha superficie duns 30 km² e un vinculo forme co mar e una forma de vida que xira ao redor del.

Hoxe imos falar de Beluso. Unha parroquia que entre o azul da ría e os cantís do Cabo Udra, conserva a identidade mariñeira do litoral galego e afronta os retos do século XXI: o avance do turismo, a presión urbanística e a necesidade de preservar un dos espazos naturais máis valiosos das Rías Baixas, pois o seu punto máis destacado, Cabo Udra, símbolo de identidade é un espazo natural protexido incluído na Rede Natura 2000.

Beluso ten unha poboación aproximada sobre 2.800 habitantes e o seu territorio mestura pequenas aldeas dispersas, praias e zonas fermosas dun alto valor ecolóxico.

A historia desta parroquia aparece documentada xa na Idade Media, ligada á organización eclesiástica do territorio como a Igrexa de Santa María de Beluso. Esta igrexa xa aparece en escritos do século XII e que abrangue dende o estilo románico ata o neoclásico. De planta de cruz latina, conta no interior con bóveda de canón, manifestada no exterior por tres contrafortes.

O seu corpo principal é do século XVI, ao que se lle engadiron as capelas en reformas posteriores. O campanario foi reconstruído en 1886, despois de que o antigo fora derrubado por un vendaval.

O interior posúe dúas pedras armeiras exactamente iguais, ambas colocadas nas paredes laterais da capela maior. No seu campo figuran dous dragóns afrontados, cun B entre as fauces; bordura cargada de oito vieiras, armas da liñaxe Ibáñez de Mondragón.

Ao redor desta igrexa e a súa historia celébranse as festas patronais na honra a San Martiño. Esta festa é unha das citas máis importantes da parroquia e celébrase arredor do 11 de novembro, mestura a tradición relixiosa co ambiente festivo de Galiza, desas festas que xuntan veciños, familia e xente que volve ao pobo aínda que só sexa por uns días. Na igrexa ten lugar a misa solemne e, segundo a climatoloxía o permita, a procesión polo pobo. É un momento máis tranquilo, pero con bastante participación, sobre todo da xente maior e das familias que manteñen a tradición.

San Martiño, ademais, ten moita presenza na cultura galega. Está ligado ao outono e ás primeiras matanzas, así que non é só unha festa relixiosa: tamén marca un momento do ano.

Como di o refrán: “A cada porco chégalle o seu San Martiño”. Nesta época é típico xuntarse arredor da mesa e comer a carne da matanza do porco, festexar o magosto e beber o viño novo.

Esta parroquia está vencellada ao mar e non é só unha paisaxe, é unha forma de vida. E este o que lle deu o sustento durante xeracións as súas xentes, pois é a pesca artesanal e o marisqueo os que construíron a súa economía desde hai séculos. Polas mañás cedo, cando aínda o sol apenas rompe, xa hai movemento no seu pequeno porto. As embarcacións saen ou regresan, dependendo da marea e da xornada. “Isto non para”, comentan mariñeiros mentres revisan as redes. “Se queres vivir do mar, tes que estar sempre atento”. Esa rutina, repetida durante décadas, segue marcando o ritmo dunha parroquia que medrou mirando á auga.

Beluso mantén ese equilibrio entre o tradicional e o que vai chegando pouco a pouco. Non é un lugar alleo aos cambios: hai novas construcións, xente que chega de fóra ou que fai aquí a súa segunda residencia e negocios tradicionais que se adaptan aos tempos para poder sobrevivir. Pero aínda así, conserva unha identidade clara. As conversas nas rúas, o saúdo entre as súas xentes e o ambiente familiar seguen sendo parte do día a día no inverno. No verán, cos turista e xente de fora a súa estampa e algo distinta pero, aínda así, os días transcorren con respecto entre veciños, veciñas e foráneos de temporada.

Estes veñen desfrutar dunha costa cunhas parias que non teñen nada que envexarlle as praias do Caribe. Espazos naturais e miradoiros fan desta contorna un lugar privilexiado na Comarca do Morrazo con praias tranquilas e agradables, pois case non hai aparcadoiros e iso fai que os areais non estean masificados.

Aquí podemos destacar a praias como a Praia de Lagos que é unha das máis coñecidas: pequena, tranquila e perfecta para familias. Moi preto está a Praia de Tuia, xa no límite con outras parroquias de Bueu, cunha paisaxe máis aberta e natural. Area de Bon, Mourisca, Beluso, ou Ancoradoiros. Son areais limpos, sen grandes infraestruturas, ideais para quen busca algo máis relaxado que os destinos turísticos masivos.

Destacar a Cabo Udra que aínda que abrangue máis parroquias de Bueu, comparte areais con Beluso. Pertence ao espazo Rede Natura 2000, e nel combínanse unha gran cantidade de especies arbóreas e animais que o converten nun lugar único. Así mesmo, dende aquí pódense observar as aves mariñas que residen no litoral ou que están de paso e Cabo Udra é un gran observatorio. Polas redes socias circulan infinidade de fotos da súa belísima posta de sol. Eu mesma vou por alí todos os veráns a desfrutar dunhas vistas, unha posta de sol e unha tranquilidade que non se pode pagar con diñeiro, senón con ledicia e agarimo.

No aspecto etnográfico destacan os chouzos de Chan de Esqueiros que eran refuxios de pastores do século pasado construídos nos ocos das rochas. Tamén existen os restos de dúas fábricas de salgadura, unha na praia de Ancoradouro e outra en Mourisca.

En Cabo Udra aínda se conservan en ruínas os restos dun antigo cuartel militar do século pasado coñecido como Batería J-2, que formaba parte dun sistema defensivo da costa ante eventuais ataques de países inimigos.

Sen necesidade de grandes estruturas, Beluso ofrece varios puntos elevados desde onde contemplar a ría. Pequenos camiños e zonas altas permiten ver postas de sol espectaculares sobre a Ría de Pontevedra. Son lugares perfectos para pasear e desconectar.

Pero non todo é verán. No inverno, cando baixa o ritmo, é cando se ve a Beluso de verdade. As rúas quedan máis baleiras, o vento sopra con forza e o mar amosa o seu lado máis bravo. “É cando máis se nota que isto é un pobo mariñeiro de verdade”, di unha veciña que leva toda a vida aquí. “Non é só bonito, tamén é duro”.

Para a economía local, este mar calmo no verán e bravo no inverno segue sendo clave, pero non o único. Hai pequenos negocios, hostalaría e servizos que sosteñen a actividade do lugar. A proximidade con outras zonas máis urbanas como Vigo, permite tamén combinar a vida tranquila coa mobilidade laboral. Aínda así, hai retos como teñen todas as parroquias do país: o envellecemento da poboación e a falta de oportunidades para a xente nova son temas que preocupan para o futuro da veciñanza.

Beluso é hoxe un reflexo das transformacións que atravesan moitas parroquias costeiras galegas: un territorio que tenta manter o seu vínculo co mar mentres se adapta a modernidade económica e social. Se buscas algo auténtico e sen artificios, este recuncho de Galicia e as súas xentes teñen moito que ofrecer.

Primer comentario

Deixa a túa opinión