Félix Juncal alcalde de Bueu

Félix Juncal alcalde de Bueu

Se alguén me preguntara a miña opinión de Félix Juncal diría dúas cousas:1) É un excelente conversador, ten esa virtude que tan ben describiu Carmen Martín Gaite cando dicía aquilo de: “ Non hai pracer máis elevado que a conversa cando quen fala ten gañas de falar e quen escoita ten gañas de escoitar”. Pero hai que ír con moito coidado ás reunións con el, pois a pouco que un se despiste a axenda dese día ten a mesma credibilidade que o “ Entre todos” que utiliza como slogan o PP, xa que ás citas seguintes un non chega a tempo de ningunha maneira.2) Posúe a virtude que diferencia, entre outras, a un bo alcalde dun mal alcalde: Na súa vontade está a intención firme e decidida de tratar a todas e todos os veciños de Bueu con xustiza, e atendelos a todos por igual con independencia das súas simpatías e antipatías políticas.

Manteño intacta a ilusión e a forza necesaria para protagonizar a próxima década en Bueu”

A pouco máis dun mes das vindeiras municipais cales son as túas sensacións neste momento?

As sensacións son moi positivas . En min,agora mesmo, conflúen a satisfacción polo moito traballo que xa levamos feito, a ilusión polo moito que está por facer, e a responsabilidade inmensa que supón aspirar de novo a ser alcalde do meu pobo.

As persoas que se sintan próximas ao nacionalismo ou á esquerda transformadora teñen unha boa nova pois ACB, que nas eleccións do 2019 acadara un concelleiro, intégrase na lista do BNG ?

Si, intégranse na candidatura do BNG. Eu creo que é unha boa nova para a política en xeral pois amosamos que, despois dunha experiencia de co goberno que funcionou moi ben, persoas que nunha conxuntura concreta nos chegaramos a distanciar podemos camiñar xuntas.

Funcionou moi ben o goberno con ACB?

Funcionou absolutamente ben. Para min o apoio de Xulio Villanueva estes catro anos foi moi importante.

En que posto vai Xulio Villanueva?

El vai no posto número 9, por decisión deles, e unha compañeira súa, Laura Ogando, irá no posto número 3.

O posto número 9 é case un posto fetiche?

Ha ha ha. É o posto que dá a maioría absoluta. E nós , con toda a humildade o digo, pero tamén con firmeza, agardamos a confianza maioritaria da veciñanza do nodo pobo, si. Estou convencido de que Xulio Villanueva seguirá sendo concelleiro.

Cales foron as actuacións máis significativas do teu goberno neste mandato que se acaba?

Son moitas e moi positivas, malia que os dous primeiros anos foron protagonizados por unha pandemia que condicionou o funcionamento das administracións.

Así por exemplo poderiamos salientar:

-A posta en funcionamento da piscina municipal

-Rematarmos coa rehabilitación do estaleiro de Purro, a única carpintería de ribeira que se conserva na ría de Pontevedra.

-Rematamos a rexeneración de Ermelo

-Conseguimos o feito histórico de adiantar case 3 anos a amortización da débeda. Somos o único concello da mancomunidade que desde o ano 2020 non ten débeda. E sen necesidade de recorrer a incrementar a presión fiscal, pois desde o ano 2005 en Bueu non se soben impostos.

-O ano pasado logramos a bandeira azul para a praia da Banda do Río, praia que no seu momento chegara a ser case unha esterqueira. Rehabilitar ese espazo supuxo un esforzo inxente, case de traballar con bisturí para localizar os distintos puntos de vertido e limpar e arranxar cada un.

-Inauguramos hai uns días a recuperación do xardín do cemiterio antigo. Creo que o resultado foi realmente fermoso.

-Ampliamos o cemiterio de Bueu e melloramos a entrada.

-Estamos nestes momentos acometendo á ampliación do cemiterio de Beluso.

-Puxemos un servizo de aseos públicos auto limpables

-Habilitamos novas sendas, como a ampliación da senda do río Bispo.

-En moi bre espazo de tempo asinaremos a compra de dúas hectáreas de terreo na zona da Chadiza para termos solo dotacional, moi importante para o noso concello

Tes pensado algunha idea inicial para eses terreos?

Si, dotar a Bueu da primeira área de caravanas e autocaravanas con carácter público.

Vexo que aquilo de que te acusaban algúns de que o goberno está relaxado non parece moi realista?.

Cando pos negro sobre branco as cousas a realidade desmonta calquera ficción e calquera tipo de populismo.

Na zona do Valado non temos pensado ningunha actuación?

Si, estamos pendentes da autorización do párroco pois os terreos nos que queremos actuar son propiedade da igrexa.

E o párroco é sensible?

Si, si que o é. De feito estes días estamos retirando simboloxía franquista e non pon o máis mínimo problema.

Vexo que estades renovando o alumeado público?

Unha parte importante si. Estamos cambiando a LED o que supón melloras na calidade e aforro económico para o concello.

Varios alcaldes e alcaldesas , que non son do PP, de concellos da nosa área de influencia láianse de que o proceder da Xunta no reparto de fondos é terriblemente sectario pois beneficia claramente aos concellos gobernados polo PP. Cal é a túa opinión?

Por desgraza é absolutamente certo.

Como está a situación do museo Massó?

Pendente da licencia municipal, en proceso de revisión polos técnicos. Esta actuación, que nós valoramos, non colma as nosas aspiracións.

Tes definida xa toda a candidatura?

Si

En liñas xerais que tipo de perfís buscastes?

Para nós era moi importante darlle continuidade ao traballo e somos conscientes do moito valor que ten a experiencia, o rigor e a capacidade de implicación. Iso foi o que buscamos e,con toda a humildade, creo que o conseguimos formando unha candidatura de enorme solvencia.

Cando se vai normalizar a situación da plantilla municipal?

Agardo que en poucas semanas. Estamos sufrindo moito por non ter persoal suficiente para atender as necesidades o que non nos deixa outra opción que recorrer á contratación externa.

Ao principio da conversa dicíasme que estabas satisfeito do realizado e ilusionado polo que está por vir. Cales son os principais proxectos que tes en mente para o vindeiro mandato?

-Queremos levar a cabo unha actuación moi importante nos montes de Chans en Cela, de renovación daquela área. Sempre que a asemblea de comuneiros e comuneiras valore positivamente a nosa proposta claro.

-Temos un importante proxecto de renovar algunhas zonas da rúa nova de Beluso.

-Imos facer un novo pavillón en Beluso, pois do que hai só se aproveita a estrutura.

-Temos a intención de executar unha relevante actuación na zona de Agrelo Portomaior

-Imos crear unha fermosa praza na zona da casa da música

Todas estas actuacións e máis están pensadas para potenciar os nosos valores a nosa identidade

-Nas redes sociais do PP de Bueu hai queixas recorrentes sobre a suposta falta de limpeza. Bueu está sucio?

Non digo que puntualmente non poida haber problemas nalgunha zona en concreto, pero en liñas xerais Bueu si está limpo. O máis curioso é que as zonas de Bueu que, polo seu estado, precisan actuacións urxentes son zonas de competencia autonómica.

Por exemplo?

A rúa Pazos Fontenla que é a PO-315 que si require unha actuación completa de renovación.

Rematamos Félix. As expectativas coas que te presentas?

Conseguir o máximo apoio posible e poder representa a todo un pobo. Non como o PP ou como o PSOE que só o fan co segmento dos seus votantes. Manteño intacta a ilusión e a forza necesaria para protagonizar a próxima década en Bueu.