Xose Manuel Pazos Alcalde de Cangas

Manuel Pazos A Nova Peneira Alcalde de Cangas
Tino Lago

NESTE MANDATO TEMOS QUE APROBAR O PXOM E CONSEGUIR QUE TODO O CONCELLO TEÑA ACCESO AO ABASTECEMENTO E O SANEAMENTO”

Hai xa sete anos, os camiños da vida propiciaron que a andaina da Peneira e a miña se cruzaran e acabaran converténdose nunha soa. Neste tempo puiden coincidir co mellor e co peor da condición humana, enriquecerme persoalmente do coñecemento de persoas de corazón nobre que dan o mellor de si mesmos en prol do ben común, e sufrir en primeira persoa o cancro que ven padecendo Galicia desde a noite dos tempos: o Nepotismo, que bipolariza á sociedade en amigos, para os que hai todo, e inimigos para os que só hai desprezo. Xestionar un humilde medio de comunicación totalmente afastado dos circuítos do poder é terriblemente difícil e, cando a miña etapa aquí chegue ao seu final, e teña que deixar paso á xeración posterior, teño a certeza de que estarei aliviado de poder descansar de ter que batallar contra xigantes, un día si e outro tamén, pero non me cabe dúbida de que botarei de menos unha enormidade o pracer inmenso, como o máis inmenso dos océanos, que supón para min conversar con persoas boas, xenerosas, intelixentes, amables e tolerantes como Xosé Manuel Pazos. Velaí vai o que deu de si a nosa conversa

Comecemos falando de emocións en positivo. Creo que non me equivoco se afirmo que debes de estar moi orgulloso porque unha compañeira militante de Esquerda Unida, falo de Yolanda Díaz, sexa ministra no goberno do estado. Cales son os teus sentimentos ao respecto?, e cales as túas expectativas sobre o seu traballo?

Estou enormemente orgulloso efectivamente, non só porque Yolanda sexa unha significada militante de Esquerda Unida, senón porque é tamén a miña amiga. Eu son moi amigo do seu pai Suso, e Yolanda, cando era nena, estivo moitas veces no meu colo, e confeso que é unha moza á que lle teño moito cariño. Como a coñezo ben, sei que se ten á oportunidade vai facer un gran traballo

Iso que dis de “ se ten a oportunidade” é ao meu xuízo a chave. Ti cres que o que se denomina en forma de eufemismo, os mercados, que en realidade son as oligarquías financeiras, deixan marxe ao poder político, malia que sexa pequena, para poder facer políticas que poidan chocar contra os seus intereses?

É que se non existise esa marxe teriamos que marchar todos para a casa. Eu quero pensar que si. Seguramente non poida facer todo o que ela quere, pero confío en que unha parte importante, si.

Eu a verdade son un tanto escéptico de que exista esa marxe, pero nunha conversa cun filósofo amigo meu, deume un argumento convincente:” cando a dereita cavernícola tratou de impedir cunha virulencia case bélica a formación deste goberno, é que si lles poden facer dano de verdade”

Eu Tino, coincido coa opinión do teu amigo

Como ves as inminentes eleccións autonómicas?

Eu creo que a posibilidade de formar un goberno alternativo en Galicia está máis preto ca nunca. As barbaridades cometidas polo goberno Feijoo, a catastrófica xestión que fai dos pilares básicos da sociedade do benestar, a sanidade e a educación, propiciaron un clima de cansazo con este goberno e un desexo maioritario de cambio, porque este é un goberno nocivo para Galicia. Agardo que a esquerda de este país saibamos estar á altura. Eu, estou convencido de que haberá un goberno tripartito alternativo a Feijoo.

O estado calamitoso da sanidade galega, en Cangas sufrídelo especialmente, verdade?

Abofé que si. Sufrimos tanto a falta de especialistas como a falta de infraestruturas. En Cangas temos un centro de saúde só, hai anos puxemos un terreo a dispor da consellería para construír outro para O Hío e Aldán, e por desgraza o terreo está a monte. É que ademais levamos durante anos esixindo un CAR( centro de alta resolución) para atender as inmensas necesidades da comarca do Morrazo e non dan concretado nada

Cangas ten 26.500 habitantes, e só ten un centro de saúde para atendelos?

Si, é dous consultorios moi pequenos un en O Hio e outro en Aldán, pero se hai que atender unha urxencia ou se pola tarde calquera veciño de Darbo, Coiro Hío ou Aldán precisa axuda médica non lle queda outra que baixar a Cangas

Seica lle ides mudar o nome ao Centro de Saúde?

É unha proposta que parte de colectivos sociais que piden que lle poñamos o nome de Pepe Pereiro Francés, un home que morreu novo, con 64 anos, era de Porriño estivo moitos anos en Cangas. Era un activista cultural sobresaínte, un pediatra marabilloso e sobre todo unha persoa inmensamente humana. Deixou unha profunda pegada en Cangas e eu acollo a proposta con todo o meu entusiasmo e todos os grupos políticos tamén

En serio?, todos os grupos políticos?

O PP dixo que o ía pensar, pero eu supoño que acabarán aceptándoo

A disposición sociolóxica do concello de Cangas sitúao como un dos que está máis á esquerda de todo o país galego; 14 concelleir@s de esquerdas fronte a 7 de dereitas, porén, no goberno só estades 8, 4 de ACE e 4 do PSOE. Esa situación aritmética tan óptima , desde unha perspectiva do pensamento de esquerdas, estase aproveitando á hora de plasmar medidas que poidan supor melloras para as maiorías sociais?

Efectivamente, si. Hai moitas propostas que son apoiadas polos 14,pero a min quédame moita mágoa de que eses 14 non fósemos capaces de conformar un goberno a catro, que foi a miña aposta desde o principio. De calquera maneira pódense facer moitas cousas, porque a maioría do Concello é claramente de esquerdas, a máis importante da historia de Cangas, pero costaría menos se todos os grupos estivesen dentro

Como valoras a colaboración institucional do BNG e de Avante?

É variable. Hai veces que parece que un está máis cerca de nós e hai ocasións que son os outros

Xa tes salario?

Si, pero estiven un mes sen el e non me aprobaron os salarios dos Concelleiros. Fíxate no mes de xuño e xullo só estivemos traballando dúas persoas; eu que tiven que recorrer ao salario da consellería de educación e Mariano Abalo que é xubilado

A dereita e a ultradereita arranxan sempre, en calquera contexto sen excepción, o seu choio en 5 minutos, o partido popular non ten ningún problema en asumir calquera proposta da ultradereita por extremista que sexa ,e as forzas de esquerda sempre estades en disquisicións metafísicas cainitas, non hai posibilidade de reconducir as relacións en Cangas e meter a todos no goberno?

Efectivamente é así como dis. Eu creo que fixen todo o que puiden, de feito ao BNG ofrecinlle todo o que era tecnicamente posible e finalmente escudáronse nunha petición de desculpas un tanto estraña que, segundo eles, debera ter feito eu, e no caso de Avante eu creo que desde o principio estiveron no NON. Eu entendo que o seu obxectivo nestas eleccións era o sorpasso e ao telo conseguido xurdiu unha especie de resentimento que, ao meu xuízo, non deron superado

Avante quere a reprobación túa e de Mariano Abalo, como é iso?

Isto nace dunha proposta do PP para legalizar núcleos costeiros xa existentes, fallaron en contra e tiñamos que pór unha reclamación no tribunal superior, aprobouse pola pero finalmente non se puxo. Eu non me enterei de que non se puxera e agora acúsannos a min e a Mariano de que estivemos ocultando esa información

E é verdade, ocultastes conscientemente esa circunstancia?

Non, desde logo que non.

O PP quéixase de que obrigades a gastar cartos nun notario cando alguén quere facer unha edificación, mentres que antes abondaba cun mero trámite administrativo, que tes que dicir ao respecto?

Eu sigo asinando ese tipo de trámites, e se é legalmente posible facelos sen ir ao notario retíroo de contado, abofé que si. Eu non teño o menor interese en gravar con gastos innecesarios á veciñanza do meu pobo, todo o contrario

Os populares tamén manifestan o seu malestar por unha especie de retirada con nocturnidade e aleivosía que supostamente fixestes dalgún tipo de material de formación para cursos de frío que seica levastes a Bueu, como é iso?

Iso é delirante, alí hai un material de milleiros de euros, mesmo algún empaquetado, que levaba máis de 10 anos almacenado en Ojea. Nós estabamos utilizando outra nave para gardar vehículos en uso. A esa nave afundíuselle parte do tellado e era algo moi perigoso, polo tanto decidimos intercambiar o material, porque non é o mesmo que caia unha tella nunha cámara de frío que leva 10 anos sen utilizarse que que caia por exemplo nunha varredora que utilizamos todos os días. Non levamos nada para Bueu, foi unha empresa de Bueu a que levou a chatarra, o material inservible

Como vai o tema do conflito coa empresa de augas?

Houbo algún avance, pero é un tema moi difícil solucionar un problema que ven dado por un contrato asinado a 25 anos

Remunicipalizar?

É a nosa idea, pero como che dixen o contrato a 25 anos que asinou o PP, faino moi complicado, pero polo menos a empresa ten que aceptar os prezos que puxemos nós, non as que aprobou o PP e realizar os investimentos aos que se comprometeu.

E o imprescindible PXOM para cando?

Eu estou convencido de que ten que aprobarse nestes catro anos. Coa disposición aritmética que ten a corporación municipal 7 persoas de dereitas fronte a 14 de esquerdas ten que aprobarse neste mandato si ou si. Agora mesmo estamos ultimando o borrador, hai que levalo aos colectivos veciñais e eu son partidario de ir xa á aprobación inicial

Cando é “xa”?

Este ano

Xa para irmos rematando, neste o teu segundo mandato tes algún proxecto que che faga especial ilusión que nos poidas adiantar?

O noso proxecto máis ambicioso é que todo o Concello teña acceso aos servizos básicos de abastecemento e saneamento. Aprobar o PXOM é tamén imprescindible para o noso pobo, e desde logo a atención ás persoas máis vulnerables, para un goberno de profunda sensibilidade social como o noso, é tamén un dos eixos da nosa acción política. E logo tamén temos a ilusión de converter toda a zona que rodea ao Concello nunha gran praza pública peonil, alén de desenvolver o proxecto de Masso. Non podemos permitir que Masso se siga a deteriorar e para iso hai que aprobar o PXOM claro.

Por certo, falando do espazo que rodea ao Concello, explícanos a finalidade do macro paso de peóns?

A súa filosofía é unir o Concello, con moita máis facilidade que un paso de peóns normal, coa praza da Palma

Remato Pazos, como sempre foi un pracer falar contigo e quixera acabar cunha última cuestión: En Galicia existen catro espazos políticos, pero en Cangas hai 5 porque o voso está segmentado en dúas partes ACE e AVANTE, cando ides solucionar esa anomalía?

Non o sei Tino, a verdade é que non podo responder a iso

Pero ti queres solucionalo?

Si, claro que quero, para min sería unha satisfacción enorme que AVANTE entrase no goberno e moito maior aínda se presentásemos unha candidatura conxunta pero eu non podo asumir unha forma de funcionamento apartidaria porque eu son militante dun partido político e non podo desposuír aos meus compañeiros e compañeiras da súa capacidade de decisión. Fíxate o interese que podo ter no posto que xa che anticipo que eu non me vou volver presentar,. eu dixen dous mandatos e vouno cumprir

Esa é unha decisión definitiva?

Si

Moitas grazas Pazos