María Ramallo alcaldesa de Marín

Alcaldesa de Marín
Aarón Franco.

Cando alguén compra un coche ten que saber onde metelo”

María Ramallo alcaldesa de Marín desde o ano 2011, este é o seu cuarto mandato malia perder tres concelleiros nas eleccións municipais do ano 2023. Exdeputada do Parlamento español, exdeputada do Parlamento galego, actualmente ademais de alcaldesa é deputada provincial e a pesar de todo continúa e pretende continuar como se albisca na entrevista ata que as urnas decidan o contrario. Varias problemáticas neste primeiro ano de mandato sobrevoan a vida municipal, desde o caos urbano, ata os problemas cada vez máis acusados de aparcamento en Marín ou o proxecto de piscina artificial salgada que afecta á praia da Chupona.

Son as 9:30 da mañá, esperamos na porta da alcaldía do Concello de Marín a que nos dean paso. Pasadas as nove e media da mañá parte do seu equipo sae do seu despacho e entramos para comezar unha conversa que se estenderá durante máis de dúas horas e media.

Cal é o balance do proceso electoral e deste primeiro ano de mandato?

Foron unhas eleccións onde cambiou a composición e onde o Partido popular obtivo a maioría absoluta. Mantivemos no 55% dos votos e por tanto para nós é un recoñecemento unha cuarta maioría absoluta polo tanto só queda agradecer o respaldo. O PSOE mantivo os cinco concelleiros e o BNG soubo concentrar o voto. A lei electoral ás veces favorece e ás prexudica. No ano dous mil dezanove axudounos con tres concelleiros a maiores dado que nos favoreceu o feito de que se presentasen varias candidaturas, nesta ocasión non foi así. En todo caso o importante é que mantivemos practicamente esa porcentaxe e ademais os resultados clarificaron a corporación. En favor do Bloque nacionalista galego teño que dicir que foi capaz de aglutinar ese voto que outras veces se lles dispersou.

Eu si teño que estar agradecida aos veciños e ao equipo de traballo que teño que é un equipo forte, moderado e diverso pero que nunca deu ningún desgusto aos veciños nas expectativas creadas. Nunca estarei suficientemente agradecida ao meu equipo de traballo formado por xente normal que resolve os problemas grandes pero tamén os pequenos.

Neste primeiro ano continuamos coas obras e investimentos e unha folla de ruta baseada no programa electoral aínda que temos que buscar financiamento noutras administracións para dar pasos en distintas áreas. Internamente somos esixentes, queremos máis e somos ambiciosos.

Entrando en materia, porque os orzamentos que manexa o Concello de Marín son tan baixos respecto a concellos similares e por que ese déficit orzamentario?

O déficit que ten o Concello de Marín respecto doutros concellos de categoría similar é o Imposto sobre bens inmobles, un dos impostos máis potentes. O relatorio de valores catastrais do Concello é antiga, a pesar de que no pasado se fixo algunha revisión, aí está o noso déficit pero o fundamental é que no noso caso o problema vén dado polos baixos ingresos en canto ao imposto de bens inmobles e o IAE.

Non temos capacidade de investimento e no día a día coa alza de prezos que veu para quedar e a subida do salario mínimo interprofesional fai que o noso orzamento só abarque o gasto corrente. O financiamento externo é fundamental para os investimentos que hai en Marín, supoñendo isto ademais unha importante labor administrativa. Temos proxectos planificados pero hai que buscar financiamento e para iso hai que botarlle moitas horas. Moitas veces fálase do financiamento das Comunidades autónomas, pero os concellos temos problemas serios para poder financiarnos xa que cada vez asumimos máis competencias.

Cal é a situación financeira real do Concello de Marín?

A situación é unha situación controlada pero xéranos moito traballo de equilibrio para manter certa calidade Supón un esforzo importante porque moitos servizos se xestionan de forma directa e moitas veces temos que complementalo coa contratación empresas externas. O gasto corrente duplicouse e nalgúns casos triplicouse. Cousa lóxica porque queremos un bo servizo de limpeza, socorrismo, recollida de lixo e as novas esixencias e incrementan o gasto. Hai unha problemática moi importante nos concellos para manter todo isto.

Moitos destes servizos non sería mellor asumilos desde unha xestión directa dado que ao ser unha administración pública o Concello de Marín, aforraríase o beneficio empresarial así como tamén o IVE?

Non creo niso. Hoxe en día está todo inventado. A Mancomunidade do Morrazo tampouco dá pasos nese sentido por exemplo, a pesar de que querían recuperar a xestión pública de servizo de recollida do lixo. Non é un tema de signo político porque hai privatizacións de todas as cores pero dado o servizo que é e o nivel de esixencia de maquinaria, mantemento e demais para unha empresa é máis fácil asumir a xestión de todo isto.

Si pero os propios pregos recollen que ese é un investimento que o propio Concello finalmente ten que lle pagar ás empresas privadas, é dicir, o Concello é quen paga a compra para as empresas de maquinaria, camións e incluso reparacións.

Si pero unha avaría por exemplo que se puidese dar en calquera maquinaria de servizo supoñería para o Concello un problema xa que non ten capacidade para arranxala e continuar a dar o servizo. Dígoo porque realmente temos mesmo empresas externas que apoian ás brigadas do Concello. E custa moito atopar persoal de determinados oficios nas eleccións de postos profesionais porque as decisións da xente nova para formarse son outras e iso provoca que cada vez custe máis atopar o electricistas, fontaneiros, capataces…

E aínda nutríndonos en procesos de selección non somos todo o eficientes que deberiamos ser. Falo da auga por exemplo. Marín debe de ser o único Concello da súa contorna que non ten todo o ciclo da auga privatizado, e igual temos que pensar que ese sistema é o mellor.

Entón polo que me estás dicindo o teu goberno contempla privatizar o servizo da auga?

Si estamos a facer estudos desde hai tempo para ser máis eficientes. O persoal é escaso. Somos menos capaces de ampliar a plantilla con profesionais de calidade. Esa é a realidade. Estamos a facer un gran estudo porque se todo o mundo ten ese modelo de xestión é por algo. Ter unha empresa externa ofrece calidade no persoal e no servizo.

Imos ir abordando outros temas María. Padece o Concello de Marín unha crise de ordenamento urbano?

Tanto como crise non. Nos momentos de maior urbanismo non tiñamos o Plan xeral de ordenación municipal e cando si o tiñamos estalou a crise inmobiliaria. Houbo que lidar con moitos problemáticas.

Tantas problemáticas que aprobastes un Plan de ordenación municipal que está practicamente xudicializado na súa totalidade.

Na súa totalidade non pero houbo que lidar con 13 recursos como por exemplo o de Méndez Núñez pero en todo caso, como diciamos antes, a crise que non axudou a construción, houbo outros concellos en cambio que os colleu nun mellor momento e conseguiron vender e liquidar o que si tiñan construído xa naqueles momentos. En todo caso hai unha cuestión moi curiosa e é que especialmente desde a pandemia están a outorgarse moitas licenzas para vivenda unifamiliar en contornas amables e rurais. E isto é debido a que se algo quedou ben co Plan xeral de ordenación municipal foron os núcleos, os do litoral, si, pero os do interior tamén porque quedaron moi ben definidos. É verdade que a nova construción no centro urbano esta paralizada, estamos a tentar impulsar vivenda nova en solares a través de licenzas directas. A problemática da vivenda tanto en propiedade como unha alugueiro derivada dos altos prezos é importante e estamos en vías de negociación coa Xunta de Galicia para crear vivenda protexida. En Marín é máis acusada esta situación xa que hai apenas nova construción polo que dicía antes pero tamén é certo que hai xente que ten solares que non quere vender e que queren reter ese investimento de cara ao futuro.

Por tanto, eu creo que tamén hai que xogar con todo iso, coas licenzas co plan e cos solares céntricos que temos tanto o Marín como en Seixo.

Hai unha denuncia bastante común que afecta os veciños do casco urbano e mesmo aos que viven noutros núcleos pero que observan cando veñen a Marín e é a situación na que se atopa o solar de Méndez Núñez. Hai pouco houbo unha proposta do Bloque nacionalista galego para crear un aparcamento e para a creación de zonas verdes. En que situación e que proxectos ten o teu goberno para ese solar e por que o voto en contra á proposta?

Agora mesmo a situación na que estamos é esperando ao último informe de Costas para regularizar a situación e instar aos seus donos a acabar co proxecto para o que pediron licenza. Isto é importante porque o solar ten capacidade edificatoria e os donos están interesados polo que o normal é que se desenvolva.

E a moción?

Como dicías unha moción na que o que se pretendía era meter os coches no centro histórico.

Nesa moción a entrada que se sinalaba para o aparcamento de coches nese solar non estaba dentro do centro histórico senón que estaba á beira da porta dun garaxe xa existente.

Na nosa opinión requiría unha entrada por arriba á parte da de abaixo e un desenvolvemento dunha obra que non era pequena precisamente. Cando nós chegamos no ano 2011 non había ningunha rúa peonil, esa rúa a día de hoxe é a única peonil ao cento por cento en Marín. Meter unha entrada de coches xeraría unha serie de problemas. Nós insistimos aos propietarios para a limpeza e requirímolo. Queda moito por arrombar e o Concello está enriba. Iso é unha actuación privada.

O Concello pode actuar igual que actuou noutras parcelas.

Eles solicitaron a licenza e nós estamos encima. Dito isto, para aparcar, non é moi viable. Nós como concepto non vemos a necesidade de meter coches nesa parcela pasando por zonas peonís. O que si nos gustaría é que sexa adecentada pero nós como concepto non vemos a necesidade de meter coches nesa parcela pasando por zonas peonís. O que se nos gustaría é que se arrombase, que finalicen a actuación para a que pediron permiso e que se desenvolva de cara ao futuro.

Falabas dun concepto moi importante na resposta á pregunta anterior que era do aparcamento. Marín vive un momento de crise profunda respecto á cuestión do aparcamento . Por que está a suceder isto?

Debemos poñer en situación que nas casas hai cada vez máis coches. O número per cápita de coches incrementouse dunha forma substanciosa. Coa reforma urbana tratamos para crear rúas cunha preferencia peonil evidente, nuns tempos nos que os coches desapareceron dos cascos antigos. A reformas urbanas teñen que ter incidencia, e neste sentido eu creo que a xente é consciente de que o coche non pode quedar na rúa dun casco antigo.

Si. Pero non estamos a falar do casco antigo xa que no casco antigo leva sen haber aparcamento desde hai moitos anos. Estamos a falar de zonas que non pertencen ao centro de Marín senón máis ben a outros lugares onde desde hai moitos anos vén suprimindo prazas de aparcamento e parece que agora se acelerou ese proceso. A pregunta é por que?

Si, pero moitos dos veciños teñen o problema resolto con prazas de aparcamento privado mesmo fóra da súa órbita domiciliaria. Dito isto, queremos seguir. Temos quince aparcamentos disuasorios. O que non pode ser é que todo o mundo queira un aparcamento disuasorio á beira da súa casa ou que tendo unha praza de garaxe os coches queden fóra. Xa hai moitos anos que algunhas persoas tiñamos que ter prazas de garaxe alugadas, dito isto seguiremos incrementando os aparcamentos disuasorios pero non para que a xente deixe o coche día e noite senón como apoio ás zonas tensionadas.

Por exemplo a zona dúas horas funciona moi ben xa que hai rotación e está a ser máis fácil aparcar. Iso facilita que a xente se achegue ás rúas comerciais con certa facilidade en coche grazas a unha rotación e hoxe en día si existe. As dificultades de aparcamento xa as había antes e agora tamén as hai porque existe máis dun coche por fogar. Despois hai unha terceira parte, que os de Marin, entre os que me inclúo, utilizamos o coche para todo, e facémolo porque temos sitio para aparcar. Dito isto, todo o que temos nun radio de 5 ou 10 minutos camiñando, debemos facelo camiñando. Non o facemos porque non temos a pedagoxía para facelo. Unha persoa pode vir cargada da praza con bolsas, pero non se pode aparcar diante da praza máis aló do tempo habilitado. E por último, hai que facer un aparcamento de pago subterráneo no parque Euguren por ser o único sitio viable por cuestións económicas.

Na avenida de Ourense que necesidade había de suprimir 50 prazas, en Concepción Arenal 20, ou o que se pretendía facer na rúa da Ponte. Pretendíase crear a necesidade para que se aparcadoiro privado fose viable?

Primeiro na avenida de Ourense fanse esas obras por motivos de seguridade dado que había moitos atropelos por culpa de coches aparcados que tapaban aos peóns.

En segundo lugar, porque no carril contrario formábase un mal aparcamento en dobre fila. Tamén se trataba de rematar con ese mal uso. Trátase de que esas beirarrúas melloren a seguridade dos peóns e de que a hostalería teña máis posibilidades.

A hostalería que hai na avenida de Ourense e que poida sacar un beneficio do ancheamento desas beirarrúas é máis ben pouca. Contrariamente dá a sensación de que se poderán xerar máis problemas de tráfico tendo en conta que existen supermercados e concesionarios que necesitan un espazo de aparcamento do que agora non van dispoñer para que os trailers descarguen as mercadorías.

É unha obra financiada polo ministerio.

Solicitada e deseñada polo Concello.

Nós o que queremos é conservar o máximo de aparcamento e en fronte hai suficiente, ademais en todo caso se non houbese aparcamento suficiente a xente terá que empezar a alugar prazas de garaxe.

Pero non todo o mundo se pode permitir pagar unha praza de garaxe, por non falar xa de que froito dos problemas que hai para aparcar hai moi pouca oferta de prazas de garaxe.

Como di a alcaldesa de Coruña, Inés Rey, cando un compra un coche ten que saber onde o vai a meter.

En que quedou finalmente o proxecto da rúa da Ponte?

Enviamos os resultados á Xunta despois do encontro cos veciños e agora están nun proceso de análise.

Pero o proxecto foi proposta vosa?

Foi proposta da Xunta.

Sen falar convosco?

Falando connosco, pero as beirarrúas non cumpren o ancho legal. Haberá que eliminar contedores e xogarán cos límites para non suprimir os aparcamentos. En realidade, é unha oportunidade perdida.

Eles crían que había que facer beirarrúas adaptadas pero a ver finalmente en que queda. Quixera facer unha puntualización respecto á pregunta anterior que ten que ver co aparcamento subterráneo, o aparcamento subterráneo de pago é algo para a xente que vén de fóra non para os veciños xa que cadaquén ten as súas prazas de garaxe propias ademáis do aparcadoiros na rúa.

Pero alguén que veña de Seixo ten que pagar.

Os de Seixo si claro, e hai xente que quere ese servizo.

Hai uns meses houbo unha moción do Bloque nacionalista galego na que se propoñía a compra por parte do Concello da edificio Baladrón para a súa conservación e posta en valor dado que é un patrimonio importante para a vila de Marín. Porque o Partido Popular votou en contra?

A xente ten que asumir as súas responsabilidades sobre as propiedades privadas. Ese edificio ten denuncias e se o Concello o merca pasa a ser responsable. Baladrón hai que arranxalo pero son moitos cartos. Mesmo o dono debería case que regalalo pero insisto é un investimento que requiría de moito diñeiro.

Poderíase financiar cos fondos da Deputación que son de libre disposición para este tipo de investimentos e que o Concello ten todos os anos como ingresos dispostos.

Si pero é moito diñeiro.

É diñeiro pero poderíase facer un primeiro investimento para atacar o máis urxente que require o inmoble e despois posteriormente entrar xa a investir no seu uso definitivo e posta a punto cando o concello puidera.

Estamos a acabar o centro sociocultural, as obras do Liceo Casino hai que comezalas, queremos facer o ascensor do Concello… É o concello o que tería que facer unha actuación urxente. O que nos preocupa é que o dono non toma conciencia da situación. Encántame esa propiedade igual que outras pero cada un ten que ser consciente do que ten. Iso ten ordes de execución enriba e moitos problemas cos veciños.

Pero non deixa de ser patrimonio histórico e esperemos que algún día non teñamos que botar as mans á cabeza por perder unha oportunidade histórica e todo isto a pesar de que o Partido popular levaba no seu programa electoral do ano 2011 esta proposta e que 13 anos despois non a cumpriu. Por que?

Alégrame que as propostas programáticas do Partido Popular calen tanto. Iso non se fai por dispoñibilidade económica. Non iamos comprar o Baladrón antes que facer o auditorio.

O auditorio faise con fondos europeos nunha grande maioría.

E con parte dos fondos do Concello.

Por que unha piscina de auga salgada en Marín?

Non se trata dunha piscina de auga salgada trátase de poñer en valor a zona e ademais en Marín temos un problema con esa zona xa que necesitamos unha asentamento dos fondos, traer area, un chorreo de muros, a disposición dun pantalán, que se use esa zona pero con outra pinta. Ninguén vai ir cun pico e unha pala.

Que facemos coas embarcacións tradicionais?

Esas embarcacións non son responsabilidade do Concello. Ademais non cumpren coa normativa, iso non son unha embarcacións tradicionais.

Esperemos que o Concello non faga un porto deportivo.

Non.

Entón cal é o obxectivo de implantar un pantalán.

O que sexa. Interpretouse mal o da piscina, queremos cambiarlle a vista que ten esa zona. Non pretendemos darlle unha utilización para embarcacións tradicionais con amarre porque ademais en Marín non hai embarcacións tradicionais. Historicamente, antes, había algunha pero hoxe en día non. E ademais hai actuacións que se facían que non son asumibles desde o punto de vista ambiental. Nós estamos dispostos a conservar a zona, darlle unha mellor vista, poñer paneis que lembren o que alí había …

E antes que lembrar as raíces non será mellor conservalas, conservar os barcos de baixura, as traiñeiras …

Pero a lei especifica o que son embarcacións tradicionais e iso que me dis non son embarcacións tradicionais.

Marín renunciou, á forza en moitas ocasións, á súa costa para entregarlla ao porto por unha banda e á Escola naval pola outra. Queda ese pequeno recuncho que nos lembra que algún día fomos unha vila mariñeira. Arrincar iso suporía arrincar a última raíz que nos queda…

Pero tal e como está é desastroso.

Falo de uso e mesmo potenciando as raíces pero con raíces presentes.

Nós estamos dispostos a lembrar as raíces pero hai que cambialo.

Cambiando de cuestión, imos falar dunha cuestión polémica que aconteceu este verán por mor da festa corsaria. Vai tomar medidas o Concello para evitar que outra vez se produzan contratacións ilegais por parte da empresa adxudicataria do evento?

Esixiremos á empresa contratos de voluntariado pero paréceme unha polémica absurda e interesada porque a responsabilidade é da empresa e en moitas ocasións como na Volta ciclista se teñen feito contratos de voluntariado e teñen sido un absoluto fracaso.

Si pero o Concello non ten que velar para que se cumpra a lei?

As empresas teñen que ser responsables cos seus traballadores no Concello non podemos estar a revisar que cada empresa que contratamos cumpre cos contratos cos seus traballadores. Dáse por feito que é algo que teñen que asumir e realizar.

Despois de tanto tempo pechada por que a piscina municipal segue dando problemas?

A piscina está perfecta. Fixemos un investimento potente na cuberta, que se cadra non se aprecia pero que foi un investimento importante. Parece que non se fixo nada pero fíxose e moito. Nestes momentos estamos traballando para unha renovación de maquinaria e a climatización da sala do ximnasio que son as principais queixas que recibimos.

Pero nestes días vimos de coñecer as queixas dalgúns usuarios respecto a que, por exemplo, no vaso da piscina hai baldosas rotas.

Non me consta.

Imos ir acabando María e para iso vouche a preguntar que vas facer de aquí a tres anos, nos que se celebran novas eleccións municipais e en todo caso se non decidises presentarte, se hai algún relevo en mente.

Relevos hai moitos porque teño un equipo moi ben formado. Adoro a política municipal, ver crecer os proxectos e como se fan realidade. Tres anos son moitos pero continuarei ata que os veciños me queiran.

Como Abel Caballero.

Salvando as distancias e a idade.

Moitas grazas por atendernos María.