Araceli Gestido candidata do BNG á alcaldía de Cangas

Araceli Gestido Cangas

Cangas xógase moito nas eleccións de maio. Existe rico real de que a dereita reaccionaria que representa Sotelo poida lograr o goberno desta vila do Morrazo. Si, o mesmo Sotelo que tivo unha xestión nefasta no seu momento deixando ao Concello nunha pésima situación económica pode volver gobernar. Para que iso non aconteza é necesario unha mobilización xeral da maioría social canguesa, claramente de esquerdas,e un cambio radical na esquerda política que faga imposible repetir o espectáculo lamentable que se deu no goberno local despois da morte do gran Xosé Manuel Pazos. O BNG semella que ten claro a necesidade dunha renovación e aposta por unha nova cara para encabezar a súa candidatura. Ela é Araceli, e nós fomos coñecela. Araceli é natural da Ameixoada, o lugar de Moaña que linda coa parroquia de Coiro, sempre fixo vida en Cangas, vive na vila desde o 2016. E é unha muller como cantaba Darío Xohan Cabana, de vida innumerable como os camiños da terra e os astros de mar. Ten unha enerxía inmensa e desprende optimismo ilusión por todos os poros do seu corpo. Estou seguro de que se ten a oportunidade vai ser unha excelente alcaldesa. Velaí vai o que deu de si a nosa conversa

Estou absolutamente ilusionada, teño un inmenso sentimento de responsabilidade e a convicción de irmos pola vitoria sen ningún tipo de límite”

Queremos coñecerte un pouco máis Araceli?

Eu nacín en Ameixoada que como sabes é o lugar de Moaña que linda con Coiro

Teño a sensación de que as persoas de Ameixoada facedes máis vida en Cangas ca e Moaña, non?

En liñas xerais si. Xa a miña nai ía vender o leite das vacas da miña avoa ao centro de Cangas. A miña vinculación con Cangas é moi intensa xa desde nena. Vivín en Ameixoada ata que marchei á Universidade de Santiago a estudar a carreira de políticas.

Gustouche a vida universitaria en Santiago?

Moito. É unha época das máis bonitas da vida que só se valora na súa xusta medida co paso do tempo. Alí reafirmei unha visión de Galiza como país que xa fora adquirindo na escola, grazas a mestres e mestras que lograron en min o máis marabilloso que se lle pode dar a a un neno ou a unha nena: axudarlle á construír un pensamento crítico autónomo.

Despois da carreira?

Logrei un traballo fixo pronto, pero eu son unha persoa cunha inmensa ansia de aprendizaxe e naquel momento xurdiume a opción de ir vivir a Inglaterra e alá fun. Deixeino todo e fun cara ao descoñecido.

Sabías falar inglés supoño?

Non, aprendino alí.

Caramba vaia valor lle botaches?

Ha ha ha ha..Non sei. Xa che dixen que eu adoro aprender e coñecer cousas novas e sempre fun bastante botada para adiante. Fíxate que alí aprendín a conducir autobuses e fíxeme condutora

Vaia. Cangas é unha vila complicada pero ti xa tes bagaxe en situacións complexas…

Ha ha ha…Eu non me asusto con facilidade,non. O certo é que a época de Inglaterra rematou e volvín para O Morrazo e estiven traballando en diversas empresas.

E iniciaches a túa vida política?

Digamos que a vida orgánica, porque as inquedanzas xa as teño desde moi nena. Ao volver de Inglaterra, si, fun concelleira con Millán en Moaña. El fora profesor meu no instituto.

Tamén fuches concelleira con Leticia?

Si, pero pouco tempo porque coincidiume co meu terceiro embarazo e tiven que deixala acta. Nese momento no 2016 compramos casa en Cangas e desde ese ano vivo aquí.

Como valoras a actual situación política de Cangas?

Considero que só pode ir a mellor. Teño o convencemento de que ás maiorías sociais xa cansaron do minifundismo político. Teño unha expectativa moi optimista baseada no realismo. A maioría social de Cangas é de esquerdas, e a maioría social quere un goberno estable e sensato que non se ande a tirar os trastos entre eles. O BNG ten unha oportunidade histórica de gobernar Cangas coa seriedade, rigor e responsabilidade que o caracteriza en todas as vilas nas que goberna.

A dinámica actual de todos contra todos fai imposible que o goberno sexa operativo e asemade fai que a xente se afaste da política.

Foiche doado dar o paso de ser a candidata do BNG ?

Non, o panorama político de Cangas, como falamos, non é especialmente atractivo. Pero se ninguén se anima iamos seguir sempre coas mesmas caras, e sería enormemente complicado abandonar a dinámica guerra civilista na que se sumiu a política local.

Como che propoñen seres a candidata do BNG á alcaldía?

Foi aos poucos. Un proceso case como por etapas. A verdade non o tiña previsto nin por asomo. Teño tres nenos

Nenos os tres?

Si, vivo entre catro homes. Xa che dixen antes que non me asusto con facilidade

Ha ha ha ha, e unha vida profesional tamén tes

Traballo nunha empresa de transporte da nosa comarca. E claro entre a vida persoal e familiar nin de lonxe pensaba eu verme metido nisto. De feito nunca deixei a militancia no BNG pero a miña actividade política era escasa. Agora cando , aos poucos, foron propóndome este reto apaixonante acabei por aceptar encantada, porque alguén ten que dar o paso de construír en Cangas un goberno sólido, sensato e responsable.

E agora que?

Agora ilusión absoluta, inmenso sentimento de responsabilidade e a convicción de ir a pola vitoria sen ningún tipo de límite.

De chegares á alcaldía que sería o máis urxente e necesario de abordar?

Sen dúbida o máis urxente e arranxar o problema político que imposibilita termos un goberno operativo. A situación, no momento actual, parece crónica e a nosa idea é acabar con iso dunha vez e construír un goberno operativo e estable. Unha vez logrado iso quero dicir que eu persoalmente,e o BNG como forza política , imos darlle prioridade á atención social de quen máis a precise e tratar cada problema de calquera veciño ou veciña, por pequeno que pareza, con igual interese e intensidade, porque o que para un pode parecer cativo, para quen necesite resolvelo é de máxima urxencia.

E se a maioría da sociedade canguesa hónranos coa súa confianza ten por seguro, Tino, que a igualdade e a xustiza social, serán unha máxima na nosa acción de goberno.

Nas eleccións do 2019 as forzas de esquerda gañaron en Cangas de maneira abafadora tanto en asentos, 14 actas fronte a 7 da dereita, como en voto real 7.974( ACE, PSOE, BNG, AVANTE) fronte a 5.386( PP, Cangas Decide, C,S). Na actualidade ves risco real de que a dereita reaccionaria poida reverter a situación e acadar que Sotelo goberne?

O risco existe si, pero se se traballa ben o concello de Cangas vai ser de esquerdas. Creo que o panorama na esquerda estase reconducindo, de feito Avante xa tomou a decisión de non presentarse o BNG e o PSOE deciden apostar por caras novas….Como antes falamos a situación de esclerose política actual debe de ser superada si ou si.

Que podería a atopar unha veciña ou veciño de Cangas en ti, como alcaldesa?

Honestidade radical, capacidade de traballo, humildade absoluta, vontade de escoitar a todo o mundo e de tratar a todos e todas por igual. Compromiso inquebrantable cos sectores produtivos da nosa vila e cos segmentos sociais que peor o pasan e que máis necesidade de atención precisen. Capacidade de diálogo e vontade de consenso.

Tes decidido o equipo de persoas que che vai acompañar na candidatura?

En grande medida si. Aínda non o podo facer público, pero si asegurar que é un equipo sólido e solvente moi representativo da realidade sociolóxica de Cangas. As persoas que confíen no BNG de Cangas poden ter a certeza política de que non lles imos defraudar.